andaime

June 17, 2007

Cando o crego ditaba o voto

Filed under: politiques

voto
Contaba XavierNavaza o outro día nun artigo dos tempos da transición, lembrando dunha sondaxe realizada trinta anos atrás. En que criterio confiaban os veciños para guiar o voto nas eleccións xerais? Tal que así:
-O que dixera o crego: 10,2%
-O que dixera o alcalde: 9,58%
-O que dixera o mestre: 8,63%
-O que dixera o médico: 3,08%

ANV: parte da solución, non do problema

Filed under: politiques

Menos de medio milleiro de concelleiros de ANV poderán sentar durante os próximos catro anos nos plenos dos concellos vascos. Son poucos aínda para unha formación herdeira da esquerda abertzale que desta volta explicitamente recolleu nos seus estatutos a necesidade da aposta pola vía política fronte á violencia.

Probablemente o contorno no que se moven necesitaba acumular poder para que os defensores desa aposta estritamente política puidesen gañar autoridade fronte aos desnortados das pistolas. O acoso a ANV haberá de darlle folgo aos paifocos da ETA e restarlles poder aos máis sensatos dos que falabamos o outro día.

June 14, 2007

Sada ou Moncho: quere o PPdeG soltar lastre?

Filed under: politiques

moncho Ese pequeno caos urbanístico tamén chamado “perla das mariñas” terá unha nova oportunidade para virar rumbo despois de décadas de desfeita. Moncho, impagábel showman político a quen os sadenses lle concederon voto durante anos, terá que tirar da manga algunha outra trastada se quere recuncar. Lembrai que en 2004 aproveitou a volta ao sillón vía moción de censura para dobrar o soldo do alcalde, é dicir: el mesmo. Logo de tres anos cobrando 60 mil euros estaba disposto a ceder alcaldía a ASU para tocar poder.

E con todo, David Brandariz, o único edil da ASU, fíxolle un favor apartándoo destas tentacións, despois de trinta anos en política tempo lle será dun descanso.

Pero pra favores da ASU, o que lle fixeron ao PPdeG. Tanto que viña teimando a dirección popular en “renovacións” presuntas e en que “goberne a lista máis votada” e resulta que a táctica Cochón era cederlle a alcaldía ao único edil desta formación e xuntar á vez votos co escindido Moncho… No horizonte futuro, quen sabe, a volta do avó pródigo ao curro populare. Mal estratexia.

Pra que a tal renovación triunfe o PpdeG ten que apandar coa solta destes lastres.

June 12, 2007

Despois da tregua da ETA, a tregua de Rajoy

Filed under: politiques

portada avui
Fracaso da parte sensata da esquerda abertzale, desorientación interesada desde o goberno vasco, un goberno español acobardado pola presión política e mediática da dereita, un PP que non só non fixo nada para axudar ao proceso de paz senón que se adicou a boicotealo activamente poñéndolle todas as cancelas ao proceso e pedras no camiño como puido… Estupenda análise de Javier Ortiz, que reparte paus para todos ao fío do cesamento de fogo da ETA. Cando hai un ano lle roubei un anaco do seu tempo de visita por Galiza, reafirmeime en que é unha das persoas que probablemente teñen máis claras as espesuras do conflito vasco.

(NOTA: moi exemplificante a portada do AVUI este martes)

Engraxando as apisonadoras políticas

Filed under: politiques

apisonadora
Fronte á incapacidade para pactar con ninguén, preclaras mentes do PP xa deron coa solución: cambiar a lei para que non poida haber pactos. Por vontade popular. Se xa a abstención é grande, parece que hai quen quere facer o posíbel por aumentala.

“Os votantes da opción B, votárona sabendo que os seus votos servirían para darlle a alcaldía á opción C que eles non votaron?”, pregúntase. Fraca intelixencia lle atribúen aos electores. Pois señor Palmou, déase unha volta polo país e pregunte.

May 28, 2007

Horas lle era…

Filed under: politiques

Despois de anos de inxustas matemáticas municipais, un refacho de cambio entra polas chantadas.

Pasadas as urnas

Filed under: politiques

ollol
Algúns apuntes rápidos logo destas municipais:

A espiña viguesa houbo de atragoárselle a Caballero. Non sería a miña opción desexábel para os vigueses, pero que Corina gañase a maioría non tería deixado de ser un castigo entendíbel dos vigueses ao reprochábel espectáculo de regalar unha alcaldía durante tres anos para esperar por un candidato.

Mágoa que o PG ou Corcoba non gañasen algún asento e lle puxesen un toque colorista, tipo charanga ou Los Brincos. Se fosen xuntos a suma poñíaos no gume dun representante.

Por outra parte, parece demostrado que o PG equivocouse arramplando cunha marca coa que non demostrou coherencia nos discursos e na práctica. Cando se produza o debate antes das próximas autonómicas, será Terra Galega quen leve a iniciativa, despois de facer unha campaña máis pragmática e congruente co que son, por moito que o que sexan non se pareza aínda ao que digan ser.

Os pontevedreses xogaron con lume e pareceron estar dispostos a meter o raposo entre as pitas. Telmo entrou en precampaña tipo kamikaze a vender motos e seica as debeu vender bastante ben. Cousa de inxustas matemáticas municipais: as urnas quítanlle representantes a quen demostrara ter un proxecto de cidade para Pontevedra.

Os ourensáns déronlle as costas ao Hostal Poly. Ourense vive agora o que Lugo viviu ai oito anos. A erosión dunha saca popular que comeza pola capital provincial e que ten moito que ver con renovacións internas pendentes de facer.

E falando de Lugo, o PSdeG subestimou o tirón de Xaquín García Díez, o último alcalde co que o PP gozara de maioría absoluta na cidade. A Díez apartárao o Big Brother lugués e a patada resolvérase coa perda da maioría. Agora, os populares lugueses recompoñen pezas.

May 22, 2007

E falando dos Aduaneiros…

Filed under: politiques

Voto a bríos!

PG: Xenios e figuras

Filed under: politiques

globinhos
E haberá que recoñecer que o Partido Galeguista lle está dando moita vidiña á campaña destas municipais.

Da apertura mitineira con Jeanette, Tony Ronald e outros clásicos fóra de tempo, para presentarlle aos coruñeses a alternativa a outro clásico da canfurnada herculina. Simpáticos exabruptos e frases para a lembranza, innovacións lingüísticas e insospeitadas e exóticas delegacións…

e mesmo sorpresa no coruñés Pazo da Ópera para a fin de festa.

May 19, 2007

Municipais07: As primarias de Rajoy… e Feijoo

Filed under: politiques

aznarin
Escoito da estrañeza dun xornalista porque o presidente do PP, Mariano Rajoy, interveña nun acto da candidata do seu partido en Castela A Mancha e esqueza mencionar sequera unha soa vez a apadriñada… Á fin, o exercicio crispador e acelerado por meter o pé na Moncloa aínda lles vai facer rachar a saca das municipais. Non sei como interpretarán por aquelas terras castelás.

No que lle toca a Galiza, as apocalípticas admonicións de Luís Herrero, os delirios rancorosos de Jaime Mayor Oreja, as arrogantes advertencias de José María Aznar, os desnortados discursos de Carlos Iturgaiz… Non acerta o PPdeG nos convidados aos seus actos de campaña. A inercia do fraguismo e o aznarismo chimpouno fóra do do poder. Agora e do aznarismo en particular, traen algunhas das peores mostras a distorsionar a campaña galega. Mal os vexo. As primarias de Rajoy pódenlle escarallar as primarias de Feijoo.

May 15, 2007

Municipais07: E o debate?

Filed under: politiques

debating
“Lémbrolles que poden interpelarse, isto é un debate”. Ao convite da condutora do programa, Ana Rodríguez, non foron especialmente receptivos os tres líderes que este luns se xuntaron diante das cámaras da Galega.

Iniciaron o evento cada un no seu planeta particular, respondendo ás propostas da xornalista, case coma se non houbese interlocutor ningún de formacións políticas rivais no estudio. O mellor exemplo, o alcalde lugués despois das primeiras intervencións de Quintana e Feijoo, que explicitamente criticaron a ausencia de Emilio Pérez Touriño. Abriu fogo Orozco sen sequera responder á provocación, coma se escoitara aos que lle precederon, e non foi até varias preguntas despois cando tocou o tema. Iso si,

todos coa lección aprendida, con discursos ben repasados e unhas claves moi definidas que foron debullando ao longo do debate.

Núñez Feijoo foi menos incisivo que outras veces, e mesmo renunciou a algúns cartuchos evidentes que a actualidade recente lle servira fronte a Quintana e Orozco. A bo seguro non fixo mal, a nivel de imaxe, con estar alí xa tiña moito gañado sobre o gran ausente. En 2005 xa amosara o seu completo dominio do formato televisivo, chegando aos debates con todas as pezas ben encaixadas e desafiando con mestría os rivais. Anxo Quintana era o que máis cómodo parecía encontrarse, como el afirmou durante o debate, é o único que sempre acudiu, e iso axuda. Manexou o ritmo con habilidade, volvendo unha e outra vez sobre as súas chaves de campaña de xeito ameno e preciso. Orozco aprobou con nota un combate para o que saía en desvantaxe, aínda que esa nota teña que ser a máis baixa da tarde. Desenvolveuse mellor no primeiro treito do encontro, interpretando con soltura o seu guión, aínda que coma era de esperar o seu rol apareceu máis desdebuxado xusto nos momentos onde o debate chegaba ás temperaturas máis altas, de xeito inevitábel, cando se tocaban puntos de enfrontamento fundamentais sobre o modelo de país. Aí os socialistas terían gañado moito se cando menos tivesen apostado outra vez polo seu secretario de Organización, Ricardo Varela.

O certo, e máis logo de ver os datos de audiencia, é que os cidadáns gañaron, e dos que debatían tamén todos gañaron un pouco. Se cadra, só perderon os que non estaban.

May 14, 2007

Municipais07: O erro de evitar o debate

Filed under: politiques

tourinho
Neste país, evitar asistir a un debate é signo de varias cousas, e ningunha boa. A primeira evidencia: debilidade. E entre as seguintes, as peores son se cadra a sospeita de que se estea apostando polo ocultamento e a obstrución ao diálogo entre forzas políticas.

A herdanza de Fraga creou esa percepción social.

Unha das características definitorias do fraguismo era esa teimuda negación ao debate cos líderes do resto de formacións políticas. Era un exemplo moi evidente e perceptible. Refugaba o debate o que sentía que o libre intercambio de ideas cos rivais podía facerlle perder espazo. Ou refugaba tamén o debate quen porfiaba en blindarse dunha presunta aureola de intocábel e construía un trono imaxinario por riba de todos os demais.

En democracia, ostentar a presidencia dun país pode, debe, ter algunhas prebendas institucionais, pero non a de permitírselle a un presidente ese desprezo polo debate. A piques de chegarmos ao ecuador da lexislatura e cunhas eleccións municipais á porta era un momento axeitado para que o presidente, da cor que fose, concedese un anaco do seu tempo para baixar á area do debate.

Pola base do socialismo sempre criticaron con dureza a ausencia de Manuel Fraga dos debates. Tamén pola base, agora hai quen non entende por que Emilio Pérez Touriño evita o debate con Quintana e Feijoo. Touriño xa lidou con soltura e con éxito fronte a Núñez Feijoo no Parlamento, choques apenas difundidos en pequenas pílulas telexornálicas. A condición de presidente da Xunta, ofrécelle a Touriño de por si unha vantaxe aproveitábel fronte aos seus interlocutores. Erra en apuntarse ás prácticas fuxidías de Fraga.

Criminalización a toda costa: O PP presiona, os demais conceden

Filed under: politiques

anv
Acción Nacionalista Vasca, ANV, acaba de recordar, unha vez máis, que nos seus estatutos condena explicitamente a violencia.

Paradoxalmente, nesta altura do despropósito que o PP axita e o PSOE renuncia a combater, seica xa non importa ese detalle vital. “Miren para aquí”, di o PP, “ANV é Batasuna”. Se tal estremo fose completamente certo, logo será á fin que Batasuna deu o paso e subliñou fronte á ETA que a violencia debe rematar para darlle paso unicamente á política.

Pero seica xa non importa, nos cenáculos madrileños xa xulgaron e sentenciaron. As concesións que o propio Arnaldo Otegi foi deixando no seu discurso nos últimos tempos, no canto de vérense coma o vaso medio cheo, como ingredientes para a paz, son sistematicamente desacreditados, o vaso medio baleiro.

Neste momento preciso, quen fai máis por afortalar a ETA é quen lle pon cancelas á evolución e a consolidación das alternativas políticas da esfera abertzale.

May 6, 2007

Tocou Sarkozy, e que vai cambiar en Francia?

Filed under: politiques

France
Así de primeiras, quédome cunhas cantas ideas:
-A altísima participación, un 85%!
-E os programas? Le Monde propuxo durante a primeira volta unha ferramenta que preguntaba sobre os programas e á fin do cuestionario dicíache “de que pé coxeas”. Por certo, a min saíronme tres: Ségolène Royal, José Bové e Marie-George Buffet.
-A dureza do discurso de Sarkozy, con ideas prestadas da estrema dereita. Serviulle para apañar cota abondo na saca de Jean Marie Le Pen. En Libération falaban da “OPA” de Sarkozy sobre Le Pen.
-A incapacidade do Partido Socialista francés para apostar pola unidade e centrar esforzos arredor de Royal mesmo nos momentos da precampaña en que as perspectivas parecían mellores para a candidata. O desafío ás xerarquías de Royal durante o proceso de primarias colleitou malos perdedores.
-O efecto Bayrou. Existe ese tal centro? En Le Monde opinan que esta segunda volta amosou unha clara volta á bipolarización, citan unha frase de Jacques Julliard: “O centro en Francia é imaxinario”. E onde non?
-”Os amigos americanos poden contar coa nosa amizade”. En noite de vitoria, era imprescindíbel que o discurso do vencedor incluíse esta específica mensaxe cara a Bush’s House.
-En Libération, Laurent Joffrin repróchalle ao PS a ausencia de reflexión sobre as novas políticas sociais e económicas necesarias neste tempo e a súa insuficiente apertura ás innovacións do altermundialismo. Na verdade, repróchallo á esquerda toda. El é optimista e prognostica que a “outra Francia” buscará compensación nas próximas lexislativas.

May 4, 2007

Escocia: ventos de cambio

Filed under: politiques

bandeira escocia
Irreverentes e ignotos recantos bloguesféricos cualifican de independentista este blog. Xa que logo, seica vai ser un bo día para mirar un chisco por esta eira e felicitar o partido gañador, o SNP.

Dixo o seu líder, o tal Alex Salmond, despois de coñecer que o seu partido saía vencedor das eleccións, que nunca máis en Escocia un partido vai pensar que ten “o dereito divino a gobernar”. Desas caídas de “divinos” poderes temos emocións recentes por aquí.

Pero en xeral, hai que felicitar un escenario onde políticos e cidadáns manexen con soltura o concepto de independencia con seriedade e argumentacións a favor ou en contra sen estridencias e cripantes anunciadores de apocalipses, tanques nas rúas e outros despropósitos.

February 5, 2007

O mandil escolar: Esa arma de subversión masiva

Filed under: politiques

xastren
Hai tempo que algúns predicadores de apocalipses avisaban contra perversas influencias sobre os cativos a través dos libros de texto. Advertían que os materiais escolares onde se destacaban contidos de carácter local en áreas como a xeografía ou a historia eran escuras ferramentas sementadoras de separatismos nas cabeciñas dos infelices raparigos. Algo desa polémica hai na paradoxal polémica do mandil.

Os receos e sospeitas sobre (more…)

December 12, 2006

No curral político de Ortigueira

Filed under: politiques

alcaide
“O seu éxito eleitoral, de facto, baseiase na crença, nada infrequente ainda hoje nas zonas rurais galegas, de que um homem con dinheiro é capaz de facer mais polo progresso da localidade”.

Moi recomendable a reportaxe, asinada por Raimundo Serantes, sobre o alcalde de Ortigueira e os seus negocios (non perdan a foto do muro da vivenda do rexedor, declarado como “tradicional” polo arquitecto municipal). No último número de Novas da Galiza.

November 30, 2006

Paco Vázquez: Pregunten polo alcalde

Filed under: politiques

pacole
E falando de iLusionistas, Don Francisco Vázquez estivo este xoves nos micrófonos da Radio Galega, aínda que por momentos eu dubidei de se era el realmente ou o seu imitador.

Contou entre outras cousas que seica van moitos galegos por Roma, e que se achegan a visitalo, “non preguntan polo embaixador, preguntan polo alcalde”, presumiu o ex rexedor, “cántanme a rianxeira e o lalalá, algunha vez emocionáronme e case me fixeron chorar”, relatou.

“[Pregunta da locutora]: estáse mais cerca do ceo desde o vaticano? [Resposta] Sisisí (…)”

November 29, 2006

México: a renuncia a saber a verdade trae estas cousas

Filed under: politiques

mariachi
Un chisco ao norte, nos EUA, xa houbera hai tempo exemplo da renuncia a limpeza democrática, coa vitoria de Al Gore nas urnas, paradoxalmente reconvertida en inicio da era Bush junior.

En México, o bloqueo á realización dun reconto que aclarase as dúbidas razoábeis expostas sobre o proceso electoral recente, levou a este estremo a situación. Son lóxicas as sospeitas despois de que se o contorno do gañador oficial, Felipe Calderón, obstaculizou ese reconto que botase luz sobre o proceso, puidera ser porque existía a convicción de que o estreito resultado podería mudar radicalmente. Chama a atención que desde o exterior, a maioría de gobernos se desen tanta presa en recoñecer esa vitoria do candidato conservador.

Explícao mellor o editorial de La Jornada.

“Debe apuntarse, doutra banda, que o colapso da Cámara de Deputados non tería lugar se o ex candidato presidencial panista e o titular do Instituto Federal Electoral (IFE), Luís Carlos Ugalde, aceptasen realizar un reconto dos sufraxios emitidos na elección presidencial: teríase, agora, unha substitución presidencial tersa e institucional. Pero a negativa de ambos personaxes a verificar o resultado electoral fai pensar a moitos que Calderón non gañou nas urnas o triunfo que lle outorgaron o IFE e o Tribunal Electoral do Poder Xudicial”.

November 23, 2006

Manual para alcaldes

Filed under: politiques

alcaide
Visto no suplemento inaugural de El País, na entrevista de José Precedo ao alcalde de Ortigueira, Antonio Campo, lembren, aquel do vídeo con Pocholo e os billetes de 500 euros:

Pregunta: “O 27 de maio as eleccións municipais xulgarán a súa xestión, incluído o urbanismo. Volverá presentarse?”
Resposta: “Non creo que volva presentarme. A día de hoxe non o vexo. Neste concello hai piscina climatizada, zonas peonís, colexios e un festival folc que é unha referencia en todo o país. En Ortigueira está todo feito“.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers