De mudanza
Levando cachifallos, blogueredes e aidiormios varios para un andaime novo.
Non é Josiah Bartlet, non é Martin Sheen, é Ramón Xerardo Antón Estévez, fillo de Francisco Estévez, veciño de Salceda de Caselas. Naceu nos Estados Unidos, pero como apunta Al na bitácora Desde mi ventana podería ter votado nas pasadas eleccións municipais.
Atento Touri, alerta Quin, ollo Feijoo, velaí un presidenciábel capaz de poñerlle ghlamoure á “ala oeste” de Monte Pío. Miren que pelaso. E xa que falamos de votos e dereitos posíbeis para os netos dos emigrantes, quen non vai querer apoiar esa estampa: Charlie Sheen e Emilio Estévez, netísimos de don Francisco Estévez, votando “en urna”, sobre o futuro político de Tui, Vigo ou Parderrubias. Ou aínda que sexa, e xa que o dos Galenecos non callou, a ver pra cando unha teleserie, tipo West Wing sobre as corredoiras sancaetánicas.

Hai uns meses o Celta era un equipo globalmente con criterio, unha acumulación importante de mala sorte, baixo rendemento dalgúns xogadores… En todo caso, era “o Celta de Vázquez”, un adestrador que sempre demostrou profunda intelixencia e bo xuízo e que fixo marabilla dos vimbios irregulares que lle deixaron en segunda división. Algúns anos e moitas bancadas baleiras despois, a situación do equipo fixo que se apartase a Vázquez e que se optase por Stoichkov. Aquel impresionante xogador, agora showman metido a adestrador, non foi quen de construír xa non un equipo de seu, senón sequera un equipo. Ogallá que constrúan un proxecto sólido para o ano de penitencia que vén. Cagoenros.
Por certo, sobre o futuro furboleiro do país, remito ao artigo maxistral de Marcelino F.Mallo: Non vai de fútbol.
Aquel lema Non podemos conducir por ti formaba parte dunha campaña onde a Dirección Xeral de Tráfico manexou un orzamento de arredor de 16 millóns de euros. Prepotente coma sempre, o ex presidente Aznar frivoliza co alcohol e as estradas:

Continuando coa reflexión anterior, existen os galeguistas? Do paradoxal concepto de galeguismo que teñen algúns, logo de que Manuel Fraga pasase anos inventando a súa particular e imposible fórmula, un exemplo recente coa titiritada do candidato do PG na Coruña.
A outra marca presuntamente galeguista, Terra Galega, dera outro exemplo do mesmo hai semanas co candidato en Ourense renunciando a falar en galego na súa intervención.
“O nome de Galiza é Galiza: Galicia é a castelanización do topónimo Galiza”. Así o afirmaba hai dez anos Isaac Díaz Pardo na sala de chat de Vieiros. A pasada semana cumpriuse unha década daquela experiencia do vello galeguista a pé de computador.
Lembraba isto vendo a wikipedia estes días. Entre as ducias de conflitos que de cando en vez abrollan por aló, hai tempo que rifaban os wikipedistas sobre o topónimo do país. O debate entre Galiza e Galicia animou complicados diálogos nas corredoiras da enciclopedia libre, mentres o artigo quedaba pechado á edición.
Hai pouco topei co resultado, o apartado inicial titulado “El topónimo Galiza”. Supoño que era complicado para algunhas cabeciñas de alén do Padornelo conceder consensos sobre o asunto e que pola parte daquí loitaron por poñerlle sentidiño á cousa. Pero non me gusta moito a resolución, que inclúe entre outros as afirmacións seguintes ” (…) Galiza es el topónimo usado habitualmente por el Bloque Nacionalista Galego y el único que aparece en su propuesta de reforma del Estatuto). Galiza es también el topónimo único para Galicia para los reintegracionistas, una corriente lingüística e ideológica minoritaria”.
Cousa de prexuízos: Seica nalgunhas xeografías do país os que falan galego son do Bloque, seica agora os que usan a forma Galiza son tamén do Bloque. Con tanto prexuízo non se normaliza o país. Cumprían máis voces de galeguistas de ámbitos ideolóxicos diversos a facérense respetar e que, como Diaz Pardo, quen por certo acostuma integrar as listas do PSdeG, defendan estas cousas: En galego, “O nome de Galiza é Galiza”.
PD: Máis sobre o topónimo: En Chuza e Berridos do Sur. Tamén recomendable Breogania, a simpática brincadeira de Xaime.

Toda vez que se decide destacar para o primeiro plano das axendas o que non deixaba de ser un tema menor no conxunto dos debates acontecidos na pasada Asemblea do BNG, estaría ben que no momento en que se decide tratar ese tema e obviar outros, cando menos se tratase cunha certa seriedade e respeto.
Non se lles pide moito máis alén do Padornelo. A anécdota horaria dálles oportunidade para esquecer o debate e a reflexión e facer brincadeira gratuíta. Estaría ben que aproveitasen para facer análise e explicar o nacionalismo galego fóra de Galiza, pero non son bos tempos para explicar os nacionalismos periféricos na capital doutros nacionalismos. Mágoa que tamén pola nosa capital se presten a esas interpretacións.
Por sorte por aquí hai vida intelixente.
Máis sobre o asunto no fío de Chuza.

O sector conservador propoñía que “a unidade de España é un ben moral a protexer, incluso “un ben superior” sobre o que a Igrexa debera pronunciarse explicitamente. O vilalbés Rouco e o bispo Cañizares, desde o clan máis á dereita eran os valedores desa posición. Non falaremos da outra banda de sector progresista ningún, xa que é ben sabido que a progresía con sotana foi duramente combatida nas xerarquías católicas. Xa que logo, o sector moderado, criticaba que se tratase de combinar moralidad e territorio.
Na web da Conferencia Episcopal vemos en que deu a lea finalmente:
“(…) la unidad histórica y cultural de España puede ser manifestada y administrada de muy diferentes maneras. En esta cuestión la Iglesia se limita a recomendar a todos que piensen y actúen con la máxima responsabilidad y rectitud, respetando la verdad de los hechos y de la historia (…)”

Veño de facer visita ao Estado de Porto Claro, primeira micronación lusófona que, despois de dez anos de vida, decidiu disolverse hai cousa de tres anos, malia que a rede conserva os seus restos.
Aínda que a idea xa viña de antes da expansión internáutica, a brincadeira das micronacións ten escenario a xeito no planeta virtual, onde agroman un golpe delas. Entre as miñas preferidas está Ladonia, creada polo artista sueco Lars Vilks, logo de rifar coas autoridades locais, que consideraron que as esculturas que pola súa conta andaba montando a pé de costa podían ser consideradas unha “edificación” e por tanto, de acordo coa lei de protección de espazos protexidos, había que derrubalas… Xa ven que na cousa do feísmo son moi estritos os nórdicos e aplícanlle a peneira á propia arte. Aquí somos máis democráticos e de feísmo, durante moito tempo oficialmente promovido, válenos todo.
En Boing-Boing hai link a unha entrevista con Simon Sellars, autor do guieiro “Micronations”.
Nas Uvas na Solaina atopo referencia a un artigo de Miguel Anxo Fernán-Vello. Conta da visita dun tal Ernesto Ladrón de Guevara López de Arbina, entre outros méritos co-fundador do Foro de Ermua, quen en visita para conferenciar na Coruña afirmou que “No pasaría nada si el gallego se muere”. Un exemplo o deste Arbina moi na liña das argumentacións dos Ciutadans.
Na liña do Bruce Tojeiro, os de Homo Zapping pegan forte con outra extraordinaria videobrincadeira: “The monarchy is like water….”
Remexendo na web do equipo de deseño de Mario García, reparo especialmente nun texto que explica o traballo realizado para o xornal Folha de São Paulo, ao que se define como “o xornal do futuro”.
Citando unha publicación de 1918 di García que as noticias eran definidas como “algo que averigüei hoxe e do que non sabía onte”.
Na actualidade, segundo explica a continuación, a nova definición é: “Algo do que xa oíra onte e que hoxe entendo”.
Ao fío desas inercias que contribúen a recurtar liberdades, velaquí unha brincadeira dos Simpsons que comentan polas Américas sobre un capítulo en preparación para ser emitido no Halloween deles (Samaín noso): Os extraterrestres chegan a Springfield na busca de “armas de desintegración masiva”, na misión bautizada “Operación Ocupación Duradeira” que remata convertida nun lamazal. “Deberiades saudarnos como liberadores”, acúsalles aos springfieldianos un dos aliens… A que lembrará este discurso.

“Olá, Senhores, primeiramente gostaria de dar os parabéns pela ótima qualidade da revista e comunicar que como assinante estou muito satisfeito. Sou viciado em churrasco, gosto muito de novidades e graças à Manual do Churrasco conheci algumas casas do gênero divulgadas em suas páginas (…) Churrascos domésticos são ocasiões que servem para reunir os parentes mais próximos e os amigos mais íntimos para um bate papo sempre descontraído e sem compromisso. É hora de testar receitas e formas de assar”
Publicación de referencia. Lembren: con churrasco todos os días son santos
Este “glorioso” titular non o veño de inventare. A tal asociación non só existe baixo tal nome. Para máis “inri” o seu presidente é Alfonso Coronel de Palma, que coincide co novo gherifalte da Cadena Cope. Todos os camiños levan a Rome.
Dos seus estatutos: “A Asociación Católica de Propagandistas é unha comunidade eclesial católica, privada, apostólica, de seglares cunha preocupación específica pola mellora das institucións e
estruturas sociais, segundo as esixencias do Reino de Deus”.
“Compara noticias contrarias buscando obxectividade”. Velaí o utópico desafío que se propoñen desde o cabeceiro nesta web: El PAís-El Mundo.com. Alén das reviravoltas que poderiamos darlle ao distorsionado concepto de obxectividade, a proposta tén moita interese.
Por certo, hai pouco que vin unha nova publicidade televisiva do ABC, periódico ao que un leonado ex líder lle dicía aquilo de “o xornal que non pasa das tres letras”. Hai que louvalos por, despois de tanto tempo, facer publicidade para tratar de gañar lectores para un xornal sen vendernos calquera novo fascículo ou agasallo e apelando desta volta a outros valores posíbeis da prensa.
Doutra beira, contan en Periodistas21 da vitoria do diario nos xulgados sobre donFederico.
Aquí este detalle que apañou o Berto do blogue de Iñaqui Anasagasti, lémbrame esta ioutubedice vista hai pouco. Van máis de vinte anos daquilo. Por certo, obsérvense as prácticas de “desprazamento da masa manifestante”.

Pode ser posíbel que unha palabra que na miña terra levo escoitando toda a vida non a coñeza nindior por estes pagos. Máis aínda, que non a coñeza nin o Google????
Espectacular enxeño. Velaí a imaisdé galaica a pé de horta e sempre argallando. A banda sonora moi ao xeito tamén.

Non nos imos sorprender porque en insólitos planetas, caso do bautizado Hazteoir.org, decidan interpretar que un centro de asesoramento afectivo-sexual promovido por unha administración sexa en realidade un plan co que “O BNG lle imporá a súa visión do sexo aos mozos galegos con diñeiro público”. Pero máis decepcionante, aínda que non por (more…)

A “Goat Operation” desenvolvida pola parte de Belesar en días pasados non deu aínda resultado. E o atrevido animal colleulle gusto a esquilmar as viñas do lugar. Peina barbas menos longas que as de Ben Laden pero en Chantada é a máis buscada. A colleita 2006 en perigo.
Na prensa local a crónica.

“O paro e a precariedade laboral xeran ansiedade e angustia en moitas persoas e familias. Lograr o pleno emprego e animar a actividade económica creando as condicións que conducirán a oportunidades axeitadas de emprego, seguen sendo un obxetivo clave”. Estas palabriñas non son obra de Xan María Castro, Suso Seixo ou Xosé Antonio Gómez, nin de ningún outro voceiro sindical. Sorprendeunos (more…)
No país onde vivimos pasan estas cousas. O Prestige da desmemoria e a indiferencia que asolaga as cabeciñas é peor que os chapapotes accidentais dos petroleiros. En Augas abaixo, fala Xermán do abandono do legado de Man, o alemán de Camelle, espazo que paradoxalmente destacan na web do concello de Camariñas entre os lugares de interese turístico. O interese turístico é unha desvalorizada etiqueta para o patrimonio na nosa terra, que non impide a carta branca para escarallalo con permiso da preguiceira apatía dos cidadáns.

Á beira de taberna futboleira (o Barça.cat vaise a París) sorpréndome con noticia dun suceso acontecido en Balaídos hai xa tempo que non teño noticia de que trascendera. Resposta dun xogador do Celta a pé de campo a un xornalista da Radio Galega: “Háblame en castellano, cabrón”.
O xornalista era Pedro Pablo Alonso, que sabe de fútbol, de latín e de diplomacias, e que no canto de quitarlle o micrófono dos fuciños tivo a deferencia de repetirlle a pregunta ao monolingüe futbolista en castelán.
O partido era o Celta-Athletic de Bilbao e o futbolista era o valenciano José Enrique.
Miro no foro do Celta, onde parece que ou non se sabe do asunto ou non merece comentario. De momento o que si é tema é o seu baixo rendemento no Celta.
Falaron do conto en Delcelta e comentárono nos foros de DeporteRei.
No blogue de obrigada visita para fuboleiros, a bitácora non oficial de Galicia en Goles: Reboreda.blogspot.com, contan de moito máis que fútbole, coma hai pouco dando conta do 50 aniversario do Clube Ciclista Padronés, terra de vizosa canteira ciclista. Na mesma semana que sabemos que a ilusión ciclista colle forma no primeiro equipo profesional galego!
“E ti que crías na República, na forza da democracia en todas as andrómenas políticas. Ti que pensabas que podías parar a historia con palabras, que podías deter a chegada do futuro (…) mereces morrer de mala morte, por crer nos demais, por crer nas palabras, nas palabras da xente, nas túas”.
Velaí un anaco do presentado coma monólogo dun home, un “verdugo”, con “arrepiante” biografía, que vai facendo relato nunha cama de hospital a pé do Nano, mítico personaxe creado polo Suso de Toro.
Onte apañei en Follas novas un “avance editorial”. Apenas trece páxinas, pero que prometen moito. Xa me tarda ter o libro nas mans.

E como acabaría o conto de Navia de Suarna? Os pescantís da vila, será que anda pouca troita polo lugar, organizaron festa para o venres santo: churrascada. E xa se armou adecristo coas beatas do lugare e a teima do xexún carnívoro.
Que pasen estas cousas aquí, onde “o porco salvou máis vidas cá penicilina” (PD: velaquí outro xornalista no blogomillo, O Rabudo: non perdere a colección de entrevistas!)
“Churrasco (pronounced shoo-RAS-koo) or Brazilian barbecue was the traditional staple food of the gaúchos or cowboys of Southern Brazil for centuries before it spread to Rio de Janeiro and São Paulo. It has become very fashionable and there are excellent churrascarias”
Casualidades da vida, a mesma semana que veño de repetire con Fahrenheit, entérome disto.
Hai anos, pola miña terra foran pioneiros coa creación da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O consenso nas louvanzas e o éxito de participación daquel evento non foi obstáculo para que a sombra escura que senta o cu na Casa do Concello decidise tumbalo. Para merendas e cementos pre-electorais non se escatiman orzamentos. Será que os libros non dan votos, será que ler ameaza algúns votos.
Veño de estrear conta e enviarlle un par de destaques para o Chuza. Chúzalle aí!!
Que non escape a troita
Pola parte de Ourense encheron de troitas as piscinas de Oira en beneficio das dúas ducias de cativos que participan no curso de iniciación a pescantíns. Mellor só se pillan no prato.
CSI Vaticano e milagres na área metropolitana
A curación dun moañés ferido nun accidente de traballo e unha vella de Baiona á que lle curou un brazo despois de 34 anos sonlle atribuídas a un crego e a unha monxa, finados xa. O Vaticano investiga.

Reviravoltas da actualidade, mira por onde sabemos agora que a música de elbaileprohibido non era invento saído das calores brasileiras senón dos cordais bolivianos.
Velaí os plaxiados: Los Kjarkas.
E os plaxiadores

Nenos e maiores, todos queren ser Evo.
O home que dixo aquilo de “queremos socios, non patróns”, cuestión que por certo debeulle facer tremer as canelas a algúns benládicos dos que se falaba na mensaxe anterior, vai ser tema central dun filme.
Xa lle teñen título, “Buscando a cruz do sur”.
O autor do proxecto conta que a chegada á presidencia de Morales e un dos tres grandes acontecementos da historia da Bolivia. Os outros dous son: a clasificación para o Mundial fuboleiro en 1993 e o pleito que lle gañou un grupo local aos brasileiros que les fixeran plaxio da lambada.
Por certo, o casting, que cavilaban facer a través dun realitichou, inclúe personaxe para o Evo neno, Evo sindicalista, Evo líder de multitudes e mesmo Evo músico.
“Cando estea en pleno funcionamento a Televisión Dixital Terrestre todos os períodicos importantes van ter unha televisión de referencia”, tranquilizoulle Zapatero ao director de El Mundo na primeira parte da pedrojotiana entrevista que o xornal publicou o domingo.
O sorprendente é que estas herbas da converxencia nas que vivimos permitan que hoxe en día se poida dicir tal cousa con esa tranquilidade, coma se fose algo bo… e despois fachendear de que se defende a pluralidade informativa.
Para non perder, a análise de Periodistas21 ao respecto.
Buscando ligazón para a mensaxe anterior, velaí, no “corazón de Galiza”, unha xeitosa web que veño de atopare.
Mágoa que estes acontecementos non merezan a portada de ningún xornal. Na ribeira chantadina xa hai días que agroman as flores nas cerdeiras. Daquí nun mes, enchenta segura.
Cando penso no que a cereixa representou noutros tempos por estes lugares dáme aínda máis envexa viaxar por outros paraísos da cerdeira. Por certo, algún ano destes pretendo coincidir con esta festa.
A ela teríalle gustado que se falase dela nestes días. Ás portas dos cen anos, este sábado teriamos celebrado o seu cumpreanos, con tarta de fresa como a ela lle gustaba. A pé dela todos che eramos aínda crentes, até os máis descridos. Hai tempo e por reviravolta académica atopeime escribindo dela, gustaríame atopar aquel texto perdido e repasalo coma lembranza e terapia para cubrir a ausencia. Se cadra habíame reconfortar e darme o consolo que non me deu toda esa serodia burocracia de hai dez días, cando nos deixou. O prego posíbel comezaba falando da “seiva que vén polo aire que nos dá de vivir, co recendo dos merodos que trae a avoa no berce dunha folla de figueira” e remataba cun aquel da busca de “algo que habemos de ter nós para dar, algún rebouxo de pan ou unha presa de laranxas polo Nadal, que nos faga mellores”.
Que me desculpen o federiquismo. Debe ser que algo me remoe logo de ler “A condición postmoderna”, de Jean-François Lyotard. O caso é que me estiveron contando que un dos pioneiros na difusión deste autor polas españas foi un tal Federico jiménez Losantos. Eran outros tempos, claro, eran os anos 70 e o tal Fede andaba cambaleando intelectualmente entre o marxismo e o anarquismo e colaborando en revistas coma El Viejo Topo (que nestes dousmiles ten coma colaborador destacado a Jorge Verstrynge (reviravoltas da vida, o ex delfín de Fraga xa ergueu o puño para cantar a Internacional nalgún acto do PC).
Agoiráballe hai pouco a don Fe-derico unha próxima volta ao pontificado televisivo (na memoria está aquela orixinal sección do “cara a cara” que Tele 5 improvisara con Losantos-Carnicero a cada lado da mesa). Xustamente, a recente ampliación de capital da empresa está especialmente pensada para o lanzamento do proxecto audiovisual de Libertad Digital, que coa inestimábel beizón das licenzas que tan xenerosamente lle veñen concedendo algúns gobernos autonómicos semella ir por bo camiño.
Por certo, un ollo ás contas da empresa dá boa idea do ben que evolúe economicamente e en tempo récord o diario convertido en referente da dereita española. Un repaso rápido da portada amosa que contan con bos amigos, ou cando menos, cos amigos que teñen os petos máis cheos: son habituais os pegotes publicitarios dalgunhas das empresas máis fortes do Estado, mesmo dalgunhas que se deixan ver máis escasamente noutros diarios de referencia.
Coa inxección económica dos máis poderosos non é de estranar o despregue de medios e seccións e o espectacular crecemento do portal en tan pouco tempo. Mesmo para adicarlle tan detallados esforzos investigadores ao bautizado showroom de De la Vega.
Chégame nova da publicación do informe 2006 do Project for Excellence in Journalism, do prestixioso grupo de investigación a pé da Columbia University. Nunha primeira e rápida ollada destaco para esta bitácora un dato, referido ao ámbito concreto do xornalismo en internet: os empresarios do sector danlle a prioridade ao investimento en tecnoloxía, non en recursos humanos para a elaboración de noticias. É un mal do periodismo de hoxe, o chanzo feble son os xornalistas, os que se supón que lle dan o seu valor ao periódico e contribúen a diferencialo. Mentres o medio-empresa pensan vivir da marca, da publicidade, do colorido empaquetado ou do fascículo máis gorentoso. Logo queixaránse de que baixe a venda de xornais…
Por certo, Bill Sammon, antigo correspondente do xornal conservador Washington Examiner, ademais de autor de obriñas como a comentada na faragulla anterior, é agora analista político do canal Fox News, bastión televisivo da dereita estadounidense.
Compre lembrar que esta canle naceu e tumbou o liderado tradicional da CNN coma referencia principal e primeira en audiencia dos canais de noticias as 24 horas. Os estadounidenses escolleron maioritariamente as latriqueiras de bocaláns comprometidos co sector ultraconservador dos USA que abren, enchen e pechan espazos informativos construídos arredor da opinión e a inxuria. Mudaba así a tradición de xornalistas con outro aquel ben diferente.
Aventaxados aprendices son capaces de cubrir xa unha mañá enteira por pagos próximos nestes estilos. Non habemos tardar en verlles o salto ás pantallas televisivas.
Escribindo o anterior veume a idea de mirar pola internet a ver que cousas se contan dese galego-combustíbel chamado caldo.
Topei cun resultado que ben podería ter saído da factoría dos Aduaneiros
Caldo: More than just an oil company
Mentres en Francia andan a voltas coa avaliación das 35 horas, avance social que o goberno conservador vén teimando en botar abaixo, semella complicado poñer nas axendas unha reivindicación que timidamente abrollou ás veces nalgunha axenda das loitas sociales a medio prazo: a semana laboral de 32 horas. Paradoxalmente, unha significada e abnegada traballadoriña británica vén de de autoconcederse a beizón desa xornada laboral. De luns a xoves atenderá no Reino Unido desde agora a primeira soberana a tempo parcial de Europa, que vai iniciar a súa fin de semana os xoves pola tarde e non se reincorporará ao traballo deixa o luns, aí contra a hora do xantar.
Aos veciños de Ponte do Porto, en Camariñas, marcháronlles hai poucos días coa campá que aínda conservaba o campanario do camposanto. Do cruceiro dun camiño á moa dun muíño, da barquela dunha fonte á roda dun carro vello, todo lles vale aos espoliadores do patrimonio.
Por fortuna, o mellor patrimonio é o inmaterial, o que lle pon medallas ao aprezo polo propio e fai estoupar as ilusións coma as castañas sen amosegar: anunciando festa para as autoestimas. Cando o feísmo ou os ladróns arramplan con outros recunchos materiais… se cadra queda o espírito.
constancia: s.f. 1. Calidade do que é constante. Traballar con constancia para obter un resultado satisfactorio.
Cada canto tempo é recomendábel a actualización dunha bitácora? (Hipótese bravú: Cando a situación o require?)
Seguimos na busca da constancia.
(Visite Constancia, “Vila Poema”: ben merece unha visita un lugar que acordou venderse ao mundo con este lema)
Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers