Municipais07: E o debate?

“Lémbrolles que poden interpelarse, isto é un debate”. Ao convite da condutora do programa, Ana Rodríguez, non foron especialmente receptivos os tres líderes que este luns se xuntaron diante das cámaras da Galega.
Iniciaron o evento cada un no seu planeta particular, respondendo ás propostas da xornalista, case coma se non houbese interlocutor ningún de formacións políticas rivais no estudio. O mellor exemplo, o alcalde lugués despois das primeiras intervencións de Quintana e Feijoo, que explicitamente criticaron a ausencia de Emilio Pérez Touriño. Abriu fogo Orozco sen sequera responder á provocación, coma se escoitara aos que lle precederon, e non foi até varias preguntas despois cando tocou o tema. Iso si,
todos coa lección aprendida, con discursos ben repasados e unhas claves moi definidas que foron debullando ao longo do debate.
Núñez Feijoo foi menos incisivo que outras veces, e mesmo renunciou a algúns cartuchos evidentes que a actualidade recente lle servira fronte a Quintana e Orozco. A bo seguro non fixo mal, a nivel de imaxe, con estar alí xa tiña moito gañado sobre o gran ausente. En 2005 xa amosara o seu completo dominio do formato televisivo, chegando aos debates con todas as pezas ben encaixadas e desafiando con mestría os rivais. Anxo Quintana era o que máis cómodo parecía encontrarse, como el afirmou durante o debate, é o único que sempre acudiu, e iso axuda. Manexou o ritmo con habilidade, volvendo unha e outra vez sobre as súas chaves de campaña de xeito ameno e preciso. Orozco aprobou con nota un combate para o que saía en desvantaxe, aínda que esa nota teña que ser a máis baixa da tarde. Desenvolveuse mellor no primeiro treito do encontro, interpretando con soltura o seu guión, aínda que coma era de esperar o seu rol apareceu máis desdebuxado xusto nos momentos onde o debate chegaba ás temperaturas máis altas, de xeito inevitábel, cando se tocaban puntos de enfrontamento fundamentais sobre o modelo de país. Aí os socialistas terían gañado moito se cando menos tivesen apostado outra vez polo seu secretario de Organización, Ricardo Varela.
O certo, e máis logo de ver os datos de audiencia, é que os cidadáns gañaron, e dos que debatían tamén todos gañaron un pouco. Se cadra, só perderon os que non estaban.
