andaime

May 31, 2007

Eliane Elias - Samba Triste

Filed under: banda sonora


May 28, 2007

Horas lle era…

Filed under: politiques

Despois de anos de inxustas matemáticas municipais, un refacho de cambio entra polas chantadas.

Pasadas as urnas

Filed under: politiques

ollol
Algúns apuntes rápidos logo destas municipais:

A espiña viguesa houbo de atragoárselle a Caballero. Non sería a miña opción desexábel para os vigueses, pero que Corina gañase a maioría non tería deixado de ser un castigo entendíbel dos vigueses ao reprochábel espectáculo de regalar unha alcaldía durante tres anos para esperar por un candidato.

Mágoa que o PG ou Corcoba non gañasen algún asento e lle puxesen un toque colorista, tipo charanga ou Los Brincos. Se fosen xuntos a suma poñíaos no gume dun representante.

Por outra parte, parece demostrado que o PG equivocouse arramplando cunha marca coa que non demostrou coherencia nos discursos e na práctica. Cando se produza o debate antes das próximas autonómicas, será Terra Galega quen leve a iniciativa, despois de facer unha campaña máis pragmática e congruente co que son, por moito que o que sexan non se pareza aínda ao que digan ser.

Os pontevedreses xogaron con lume e pareceron estar dispostos a meter o raposo entre as pitas. Telmo entrou en precampaña tipo kamikaze a vender motos e seica as debeu vender bastante ben. Cousa de inxustas matemáticas municipais: as urnas quítanlle representantes a quen demostrara ter un proxecto de cidade para Pontevedra.

Os ourensáns déronlle as costas ao Hostal Poly. Ourense vive agora o que Lugo viviu ai oito anos. A erosión dunha saca popular que comeza pola capital provincial e que ten moito que ver con renovacións internas pendentes de facer.

E falando de Lugo, o PSdeG subestimou o tirón de Xaquín García Díez, o último alcalde co que o PP gozara de maioría absoluta na cidade. A Díez apartárao o Big Brother lugués e a patada resolvérase coa perda da maioría. Agora, os populares lugueses recompoñen pezas.

May 22, 2007

E falando dos Aduaneiros…

Filed under: politiques

Voto a bríos!

Risas libres, tamén con Rosalía e Castelao

Filed under: aidiormios

tonechos
Xa o fixeron antes os do Zaping Comando con Rosalía e a semana pasada os Tonechos atreveron a roubar o cadaleito de Castelao… glorioso, pedagóxico e escarallante! Hai que quitarlle ferro a estas cousas. Moita máis provocación inexplorada cumpría neste país. E que teñen que facer estes dous cómicos estupendos para que algúns lles recoñezan o mérito? Quitar o pixama e o casco, facer o programa nun teatro e poñerlle “El Club de la Comedia”? Autodefinírense como clowns?

Vía As uvas da solaina descubro un artigo no Faro cun ton admonitorio que me parece un chisco esaxerado.

Vivan os Tonechos e a Galega! Dicían os Aduaneiros, Mata os teus ídolos

PD: O humor é terapéutico

PG: Xenios e figuras

Filed under: politiques

globinhos
E haberá que recoñecer que o Partido Galeguista lle está dando moita vidiña á campaña destas municipais.

Da apertura mitineira con Jeanette, Tony Ronald e outros clásicos fóra de tempo, para presentarlle aos coruñeses a alternativa a outro clásico da canfurnada herculina. Simpáticos exabruptos e frases para a lembranza, innovacións lingüísticas e insospeitadas e exóticas delegacións…

e mesmo sorpresa no coruñés Pazo da Ópera para a fin de festa.

May 21, 2007

As Encrobas: A Ceo aberto

Filed under: cines

Acabo de ver este documental, non o perdan se teñen oportunidade. É apenas unha horiña de película con momentos verdadeiramente emocionantes. Fala da loita das Encrobas Encrobas e é no fondo unha historia universal, de xente loitando “pola liberdade e a dignidade”. Fará vintecinco anos que topei pola casa un cómic, naquela vella revista Vagalume. Na memoria quedaran varias frases dos debuxos (.pdf): “Fenosa, a terra é nosa”, “Fóra das Encrobas”… O documental do Bocixa fala de xente que loitou contra os que trataban de asoballalos e como di unha das entrevistadas “ségueno facendo”: poderosos tratando de pisar nos máis débiles.

Tiro cita do documental: “Cómpre loitar contra o silencio” e tamén “darlle voz a xente que o viviu”.


May 19, 2007

Sicko: agardando o novo de Michael Moore

Filed under: cines

Chega noticia desde Cannes da estrea de Sicko, o último filme documental de Michael Moore, onde seica se analizan as miserias do sistema sanitario estadounidense, comparándoo especialmente co cubano. Penso que Moore xa tocara o tema da sanidade nalgún momento durante o Bowling for Columbinez, cando viaxaba a Canadá. Tamén fixera algunhas mencións nalgún dos seus libros. En concreto, no Stupid White Men denunciaba que Bush reducira en case un cento por cento o programa de axuda sanitaria para persoas sen cobertura médica, ou que promovera normas para prohibir a asistencia médica a inmigrantes.

Tamén ironizaba por exemplo sobre o nomeamento que Bush fixera para o seu equipo económico do ex vicepresidente dunha multinacional farmacéutica ao que, curiosamente, lle ía tocar decidir sobre un subsidio para menciñas ao que esta multinacional se opoñía. “Hai máis posibilidades de que Bush me convide a unhas cañas de que o seu goberno aprobe esas axudas”, dicía Moore con acedo humor.

Velaquí unha brincadeira do programa TV Nation, dirixido polo propio Moore, onde se comparan os sistemas sanitarios dos EUA, Canadá e Cuba, as Olimpíadas Sanitarias:


Municipais07: As primarias de Rajoy… e Feijoo

Filed under: politiques

aznarin
Escoito da estrañeza dun xornalista porque o presidente do PP, Mariano Rajoy, interveña nun acto da candidata do seu partido en Castela A Mancha e esqueza mencionar sequera unha soa vez a apadriñada… Á fin, o exercicio crispador e acelerado por meter o pé na Moncloa aínda lles vai facer rachar a saca das municipais. Non sei como interpretarán por aquelas terras castelás.

No que lle toca a Galiza, as apocalípticas admonicións de Luís Herrero, os delirios rancorosos de Jaime Mayor Oreja, as arrogantes advertencias de José María Aznar, os desnortados discursos de Carlos Iturgaiz… Non acerta o PPdeG nos convidados aos seus actos de campaña. A inercia do fraguismo e o aznarismo chimpouno fóra do do poder. Agora e do aznarismo en particular, traen algunhas das peores mostras a distorsionar a campaña galega. Mal os vexo. As primarias de Rajoy pódenlle escarallar as primarias de Feijoo.

May 15, 2007

Municipais07: E o debate?

Filed under: politiques

debating
“Lémbrolles que poden interpelarse, isto é un debate”. Ao convite da condutora do programa, Ana Rodríguez, non foron especialmente receptivos os tres líderes que este luns se xuntaron diante das cámaras da Galega.

Iniciaron o evento cada un no seu planeta particular, respondendo ás propostas da xornalista, case coma se non houbese interlocutor ningún de formacións políticas rivais no estudio. O mellor exemplo, o alcalde lugués despois das primeiras intervencións de Quintana e Feijoo, que explicitamente criticaron a ausencia de Emilio Pérez Touriño. Abriu fogo Orozco sen sequera responder á provocación, coma se escoitara aos que lle precederon, e non foi até varias preguntas despois cando tocou o tema. Iso si,

todos coa lección aprendida, con discursos ben repasados e unhas claves moi definidas que foron debullando ao longo do debate.

Núñez Feijoo foi menos incisivo que outras veces, e mesmo renunciou a algúns cartuchos evidentes que a actualidade recente lle servira fronte a Quintana e Orozco. A bo seguro non fixo mal, a nivel de imaxe, con estar alí xa tiña moito gañado sobre o gran ausente. En 2005 xa amosara o seu completo dominio do formato televisivo, chegando aos debates con todas as pezas ben encaixadas e desafiando con mestría os rivais. Anxo Quintana era o que máis cómodo parecía encontrarse, como el afirmou durante o debate, é o único que sempre acudiu, e iso axuda. Manexou o ritmo con habilidade, volvendo unha e outra vez sobre as súas chaves de campaña de xeito ameno e preciso. Orozco aprobou con nota un combate para o que saía en desvantaxe, aínda que esa nota teña que ser a máis baixa da tarde. Desenvolveuse mellor no primeiro treito do encontro, interpretando con soltura o seu guión, aínda que coma era de esperar o seu rol apareceu máis desdebuxado xusto nos momentos onde o debate chegaba ás temperaturas máis altas, de xeito inevitábel, cando se tocaban puntos de enfrontamento fundamentais sobre o modelo de país. Aí os socialistas terían gañado moito se cando menos tivesen apostado outra vez polo seu secretario de Organización, Ricardo Varela.

O certo, e máis logo de ver os datos de audiencia, é que os cidadáns gañaron, e dos que debatían tamén todos gañaron un pouco. Se cadra, só perderon os que non estaban.

May 14, 2007

Municipais07: O erro de evitar o debate

Filed under: politiques

tourinho
Neste país, evitar asistir a un debate é signo de varias cousas, e ningunha boa. A primeira evidencia: debilidade. E entre as seguintes, as peores son se cadra a sospeita de que se estea apostando polo ocultamento e a obstrución ao diálogo entre forzas políticas.

A herdanza de Fraga creou esa percepción social.

Unha das características definitorias do fraguismo era esa teimuda negación ao debate cos líderes do resto de formacións políticas. Era un exemplo moi evidente e perceptible. Refugaba o debate o que sentía que o libre intercambio de ideas cos rivais podía facerlle perder espazo. Ou refugaba tamén o debate quen porfiaba en blindarse dunha presunta aureola de intocábel e construía un trono imaxinario por riba de todos os demais.

En democracia, ostentar a presidencia dun país pode, debe, ter algunhas prebendas institucionais, pero non a de permitírselle a un presidente ese desprezo polo debate. A piques de chegarmos ao ecuador da lexislatura e cunhas eleccións municipais á porta era un momento axeitado para que o presidente, da cor que fose, concedese un anaco do seu tempo para baixar á area do debate.

Pola base do socialismo sempre criticaron con dureza a ausencia de Manuel Fraga dos debates. Tamén pola base, agora hai quen non entende por que Emilio Pérez Touriño evita o debate con Quintana e Feijoo. Touriño xa lidou con soltura e con éxito fronte a Núñez Feijoo no Parlamento, choques apenas difundidos en pequenas pílulas telexornálicas. A condición de presidente da Xunta, ofrécelle a Touriño de por si unha vantaxe aproveitábel fronte aos seus interlocutores. Erra en apuntarse ás prácticas fuxidías de Fraga.

Criminalización a toda costa: O PP presiona, os demais conceden

Filed under: politiques

anv
Acción Nacionalista Vasca, ANV, acaba de recordar, unha vez máis, que nos seus estatutos condena explicitamente a violencia.

Paradoxalmente, nesta altura do despropósito que o PP axita e o PSOE renuncia a combater, seica xa non importa ese detalle vital. “Miren para aquí”, di o PP, “ANV é Batasuna”. Se tal estremo fose completamente certo, logo será á fin que Batasuna deu o paso e subliñou fronte á ETA que a violencia debe rematar para darlle paso unicamente á política.

Pero seica xa non importa, nos cenáculos madrileños xa xulgaron e sentenciaron. As concesións que o propio Arnaldo Otegi foi deixando no seu discurso nos últimos tempos, no canto de vérense coma o vaso medio cheo, como ingredientes para a paz, son sistematicamente desacreditados, o vaso medio baleiro.

Neste momento preciso, quen fai máis por afortalar a ETA é quen lle pon cancelas á evolución e a consolidación das alternativas políticas da esfera abertzale.

May 6, 2007

Tocou Sarkozy, e que vai cambiar en Francia?

Filed under: politiques

France
Así de primeiras, quédome cunhas cantas ideas:
-A altísima participación, un 85%!
-E os programas? Le Monde propuxo durante a primeira volta unha ferramenta que preguntaba sobre os programas e á fin do cuestionario dicíache “de que pé coxeas”. Por certo, a min saíronme tres: Ségolène Royal, José Bové e Marie-George Buffet.
-A dureza do discurso de Sarkozy, con ideas prestadas da estrema dereita. Serviulle para apañar cota abondo na saca de Jean Marie Le Pen. En Libération falaban da “OPA” de Sarkozy sobre Le Pen.
-A incapacidade do Partido Socialista francés para apostar pola unidade e centrar esforzos arredor de Royal mesmo nos momentos da precampaña en que as perspectivas parecían mellores para a candidata. O desafío ás xerarquías de Royal durante o proceso de primarias colleitou malos perdedores.
-O efecto Bayrou. Existe ese tal centro? En Le Monde opinan que esta segunda volta amosou unha clara volta á bipolarización, citan unha frase de Jacques Julliard: “O centro en Francia é imaxinario”. E onde non?
-”Os amigos americanos poden contar coa nosa amizade”. En noite de vitoria, era imprescindíbel que o discurso do vencedor incluíse esta específica mensaxe cara a Bush’s House.
-En Libération, Laurent Joffrin repróchalle ao PS a ausencia de reflexión sobre as novas políticas sociais e económicas necesarias neste tempo e a súa insuficiente apertura ás innovacións do altermundialismo. Na verdade, repróchallo á esquerda toda. El é optimista e prognostica que a “outra Francia” buscará compensación nas próximas lexislativas.

May 5, 2007

Aznar: que corran o viño… e os coches

Filed under: outres

Aquel lema Non podemos conducir por ti formaba parte dunha campaña onde a Dirección Xeral de Tráfico manexou un orzamento de arredor de 16 millóns de euros. Prepotente coma sempre, o ex presidente Aznar frivoliza co alcohol e as estradas:


May 4, 2007

Escocia: ventos de cambio

Filed under: politiques

bandeira escocia
Irreverentes e ignotos recantos bloguesféricos cualifican de independentista este blog. Xa que logo, seica vai ser un bo día para mirar un chisco por esta eira e felicitar o partido gañador, o SNP.

Dixo o seu líder, o tal Alex Salmond, despois de coñecer que o seu partido saía vencedor das eleccións, que nunca máis en Escocia un partido vai pensar que ten “o dereito divino a gobernar”. Desas caídas de “divinos” poderes temos emocións recentes por aquí.

Pero en xeral, hai que felicitar un escenario onde políticos e cidadáns manexen con soltura o concepto de independencia con seriedade e argumentacións a favor ou en contra sen estridencias e cripantes anunciadores de apocalipses, tanques nas rúas e outros despropósitos.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers