andaime

December 18, 2006

Galeguismo e entroido

Filed under: outres

entroidada
Continuando coa reflexión anterior, existen os galeguistas? Do paradoxal concepto de galeguismo que teñen algúns, logo de que Manuel Fraga pasase anos inventando a súa particular e imposible fórmula, un exemplo recente coa titiritada do candidato do PG na Coruña.

A outra marca presuntamente galeguista, Terra Galega, dera outro exemplo do mesmo hai semanas co candidato en Ourense renunciando a falar en galego na súa intervención.

En galego: O nome de Galiza é Galiza

Filed under: outres

diaz_pardo “O nome de Galiza é Galiza: Galicia é a castelanización do topónimo Galiza”. Así o afirmaba hai dez anos Isaac Díaz Pardo na sala de chat de Vieiros. A pasada semana cumpriuse unha década daquela experiencia do vello galeguista a pé de computador.

Lembraba isto vendo a wikipedia estes días. Entre as ducias de conflitos que de cando en vez abrollan por aló, hai tempo que rifaban os wikipedistas sobre o topónimo do país. O debate entre Galiza e Galicia animou complicados diálogos nas corredoiras da enciclopedia libre, mentres o artigo quedaba pechado á edición.

Hai pouco topei co resultado, o apartado inicial titulado “El topónimo Galiza”. Supoño que era complicado para algunhas cabeciñas de alén do Padornelo conceder consensos sobre o asunto e que pola parte daquí loitaron por poñerlle sentidiño á cousa. Pero non me gusta moito a resolución, que inclúe entre outros as afirmacións seguintes ” (…) Galiza es el topónimo usado habitualmente por el Bloque Nacionalista Galego y el único que aparece en su propuesta de reforma del Estatuto). Galiza es también el topónimo único para Galicia para los reintegracionistas, una corriente lingüística e ideológica minoritaria”.

Cousa de prexuízos: Seica nalgunhas xeografías do país os que falan galego son do Bloque, seica agora os que usan a forma Galiza son tamén do Bloque. Con tanto prexuízo non se normaliza o país. Cumprían máis voces de galeguistas de ámbitos ideolóxicos diversos a facérense respetar e que, como Diaz Pardo, quen por certo acostuma integrar as listas do PSdeG, defendan estas cousas: En galego, “O nome de Galiza é Galiza”.

PD: Máis sobre o topónimo: En Chuza e Berridos do Sur. Tamén recomendable Breogania, a simpática brincadeira de Xaime.

December 12, 2006

No curral político de Ortigueira

Filed under: politiques

alcaide
“O seu éxito eleitoral, de facto, baseiase na crença, nada infrequente ainda hoje nas zonas rurais galegas, de que um homem con dinheiro é capaz de facer mais polo progresso da localidade”.

Moi recomendable a reportaxe, asinada por Raimundo Serantes, sobre o alcalde de Ortigueira e os seus negocios (non perdan a foto do muro da vivenda do rexedor, declarado como “tradicional” polo arquitecto municipal). No último número de Novas da Galiza.

Unha hora menos

Filed under: outres

horaire
Toda vez que se decide destacar para o primeiro plano das axendas o que non deixaba de ser un tema menor no conxunto dos debates acontecidos na pasada Asemblea do BNG, estaría ben que no momento en que se decide tratar ese tema e obviar outros, cando menos se tratase cunha certa seriedade e respeto.

Non se lles pide moito máis alén do Padornelo. A anécdota horaria dálles oportunidade para esquecer o debate e a reflexión e facer brincadeira gratuíta. Estaría ben que aproveitasen para facer análise e explicar o nacionalismo galego fóra de Galiza, pero non son bos tempos para explicar os nacionalismos periféricos na capital doutros nacionalismos. Mágoa que tamén pola nosa capital se presten a esas interpretacións.

Por sorte por aquí hai vida intelixente.

Máis sobre o asunto no fío de Chuza.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers