Enredados (2)

Respecto á miña propia intervención, resumo algúns dos puntos que toquei:
- A idea de que os blogs serán o que os internautas queiran que sexan. Veume ao xeito para comezar a tirar do fío un post visto no blog de Manuel Gago. A idea é que o internauta, o usuario, manda.
- O probábel erro de falar moitas veces de blogs no contorno dun presunto enfrontamento, un choque entre blogs e prensa tradicional, que penso que distorsiona o debate. Cando se fala de crise de prensa tradicional, se cadra estase sendo un chisco simplista. O que a min me preocupa non é que se vendan menos xornais en papel, o que me preocupa é que diminúa a calidade deses xornais. O problema da información é algo así como o problema da Coca-Cola, que non ten problema ningún: A información non ten problema ningún. Á xente gústalle o refresco de Coca-Cola, non vai desaparecer, poden mercar Pepsi, Casera ou Coca-Cola. Coa prensa, independentemente do formato, a xente ten un devezo pola información. A necesidade de información non desaparece porque se vendan menos xornais. A xente infórmase a través doutras canles.
- A importancia dos puntos de encontro, como Blogaliza ou Chuza. Non importa por exemplo, que nun momento dado topemos con que as primeiras doce referencias de Chuza sexan a temas de fóra de Galiza, se en principio se supón que debera servir para peneirar cuestións de interese galegas. Velaí outro desafío: O importante do que se di nos blogs non só é que abran espazo para falar do máis próximo a un mesmo, senón tamén o seu papel como espazo para falar do mundo pero desde o punto de vista próximo. Lembrei o lema do Igadi, o Instituto Galego de Análise Internacional, “pensar o mundo desde aquí”, ao noso xeito, reflexións enriquecidas pola nosa propia e particular forma de ver o mundo.
- Probablemente os blogs non amosaron aínda nin a metade do potencial que teñen. De momento foron máis peneira de informacións xa existentes que ferramenta para achegar informacións alternativas. Politicamente por exemplo, os Estados Unidos, que é o contorno que vai dando pistas do que despois acontece por outros pagos, amosou que inicialmente demostraron a capacidade de recuperar para a axenda temas que xa pasaran tempo antes pola prensa tradicional, relanzándoos, amplificándoos, dándolle unha importancia que se cadra pasara desapercibida antes.
- A percepción de que a bloguesfera ten un elevado potencial, pero aínda toma demasiado como referencia aos propios medios tradicionais de comunicación, no canto de á rede blogger en xeral.

