andaime

November 15, 2006

Compangandas e berrallouzas

Filed under: politiques

Desvío dos debates, confusión de prioridades, encirrando gratis, respondéndose con maldade manifesta, finxidores, teatreiros e artificiais, vendidos ás súas propias inercias… Os políticos non ofrecen nos últimos tempos grandes exemplos de comportamento. Onte tiven a oportunidade de coñecer en Compostela a un labrego do Movemento sen Terra brasileiro e dicíame, sobre a decepción con Lula e a clase política en xeral que “podemos poñer a Xesucristo de presidente” que estará preso das mesmas inercias.

Ao fío, e subliñando as decepcións co escenario político, velaí unha recomenda vista no Apocalipse do Porco:

“Suponse que os políticos son unha xente escollida (entre outras cousas) para chegar a acordos e gobernar, non para andar berrando coma se estiveran rifando nun bar”.

O Estatuto e os teleñecos

Filed under: politiques

telenhekes
Demoraron a súa comparecencia Touriño e Feijoo este mércores en Monte Pío, e cando ás tres horas xa se lles esperaba ver sair cun Estatuto do trinque e encadernado, sorprenderon cun siperonon, e secadraquensabeimosver.

O máis interesante é que ao tempo que poñen prazo deica xaneiro para termos un texto na mesa, deixan caer que xa acordaron que de non chegarse ao acordo comprométense a excluír o asunto da rifa electoral próxima, a municipal.

Será que o Estatuto non ten que ver logo co asunto municipal? Sobre un tema clave que custou poñer na axenda e insistirlle á xente na súa importancia, agora os partidos están dispostos a chimpalo fóra do debate?

Cando por unha parte insisten en que hai vontade de acordo e que en poucas semanas pode estar listo o documento, e pola outra fan plan para ese agoiro de adiamento… Todo cheira a que o acordo necesario e posible en Galiza vai quedar freado polas cancelas, permisos e selos imprescindíbeis que as direccións partidarias deben poñer en Madrid.

Cóntao ben Fernández Mallo sobre Feijoo: “semella disposto a vender o autogoberno do seu país por unha palmadiña de Acebes no palco do Real Madrid”. E dá pistas o de Solbes sobre os problemas de Touriño.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers