andaime

October 24, 2006

Na cabeciña dos alcaldes

Filed under: politiques

alcaide Din algúns dos rexedores dos concellos afectados polos asolagamentos destes días que seica a culpa é dos incendios do pasado mes de agosto. Doutra banda, di o alcalde de Ordes que “o feísmo é tanto culpa dos cidadáns como dos que teñen responsabilidades sobre urbanismo”… non vaia ser que alguén pense que el, que leva vinte anos no cargo, pode ser o máximo responsable.

No fondo das dúas argumentacións está a teima en non asumiren responsabilidades.

Acáelles ben nos dous casos o excelente artigo de Xabier Vázquez Pumariño:

“E é que a vila está nun país de nenos que non atenden nin entenden de responsabilidades que finalmente teñen que asumir o conxunto da sociedade”

Máis da Operación Ocupación Duradeira

Filed under: netizens

Do paradoxo e da grandeza da Wikipedia dá conta o propio debate que se establece e as polémicas que acostuman a producirse sobre algunhas entradas. Por exemplo a guerra de Iraq é asunto de enfrontamento na Wikipedia, versión inglesa, onde a entrada que lle fai referencia está bloqueada á edición debido ás rifas dos internautas, que non se poñen de acordo na súa redacción. Malia que haxa quen queira quitarlle credibilidade ao proxecto co exemplo destas liortas, no fondo, o propio feito de que existan eses mecanismos de debate para a resolución das diferencias é un aval da súa rigorosidade.

Neste caso en concreto, o número de vítimas, as consecuencias e o futuro do conflito ou mesmo a pregunta “É isto unha guerra contra o terrorismo?” aparecen entre os temas a debate. Incluso a retirada das tropas españolas é asunto a debate, cun fío aberto sobre se debera facerse ou non mención ao tema.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers