Canón fraguiano

“Sociedade e valores” é o novo nas librarías de Manuel Fraga despois do seu anterior calote literario. De paso que presentaba a obra, o don Manuel tivo recados variados: chamou a “non disolver no botellón os valores da gran sociedade que foi capaz de producir o Quijote”, zoupou contra o proceso de paz, concedeu que o seu canón “aínda dispara, pero pouco”, cualificou de “disparate” a lei de memoria histórica, falou de guerra civil larvada e arrimou un chisco cara as teorías Múndicas e Copianas do 11M, malia a rifa que tivera aí atrás co don Federico.
Que gran animador de verbenas perdeu Galiza. Pensaba en cousas que mudaron ao escoitar ao bosse da Citröen galaica, Javier Riera, de que Galiza no asunto da innovación “está ao nivel de países africanos”, que a competividade da economía galega é escasa, que “hai pobreza de estratexias para o futuro” ou que “ás forzas vivas de Galiza lles interesa un [ca]raio este debate” e que se seguimos así “teremos que irnos todos”. Iso si, co de “todos” Riera referíase ás empresas, os demais “todos” habemos quedar aquí cobrando o paro de Citröen, seica. Nestas cousas como as do Gaiás e tantas máis, había moitas voces caladas coma petos até xuño de 2005. E os apoloxetas fraguianos, onde van?
