Outra de ultras, inxenuidades e pseudoenquisas
Ás veces téñome preguntado se valen de algo realmente esas enquisas nas webs, moitas veces con opcións apenas con matices diferentes entre elas, non sendo xa que logo, o uso que se cadra terían como reforzo doutras ideas, destaque de temas ou simplemente para manter no tempo uns días máis o asunto ao que se refiran.
Contan en EL Plural que o presidente da Asociación de Vítimas do Terrorismo, Francisco Alcaraz, e o líder da ultradereita española, Ricardo Sáenz de Ynestrillas, coincidiron na esforzada tarefa de tratar de influír nunha sondaxe deste tipo que ofrecía a web da Cadena Ser, sobre o asunto da ETA. Conmóveme esa teima destes inefables personaxos en tratar de mudar os destinos opinativos dos ouvintes da SER a través de tan pequechos puntos de apoio.
