andaime

May 18, 2006

Sexo, touciño e velocidades

Filed under: outres

condoleires
Non nos imos sorprender porque en insólitos planetas, caso do bautizado Hazteoir.org, decidan interpretar que un centro de asesoramento afectivo-sexual promovido por unha administración sexa en realidade un plan co que “O BNG lle imporá a súa visión do sexo aos mozos galegos con diñeiro público”. Pero máis decepcionante, aínda que non por iso menos cómico, é que un xornal de aquí ao lado se decida por onanistas brincadeiras ao respecto.

“HazteOir.org non promove ningunha ideoloxía.As nosas iniciativas están inspiradas nas ideas e propostas do humanismo cristián”. Paradoxal e contraditoria afirmación, pero así se anuncian esta xentiña que vén posicionándose contra os dereitos dos homosexuais, contra o aborto, contra as praias nudistas, contra a promoción do galego nas escolas, contra o novo Estatut catalán e outros contras cos que calquera os podería ideoloxicamente ubicar. Máis longo e non vén a conto sería discrepar desa apropiación de “humanismo” e “cristián”, ben restrinxida se atendemos a todas as causas defendidas polo colectivo.

“Entre otras cosas, la campaña planeada por el BNG prevé promover la masturbación entre los jóvenes gallegos”, alértanlle aos seus veciños de ningunha-ideoloxía, “entre otros consejos, además, la guía anima a los jóvenes a “lamer” a sus parejas”, advirten escandalizados. Poden botar riso na web do grupo, non tén desbalde.

En fin… clubes de comedia aparte, resultoume ben decepcionante atopar no Faro este martes que a proposta de recursos para a educación sexual promovida pola Xunta fose reconvertida nunha brincadeira titulada “Una guía juvenil de la Xunta elogia el masturbarse como señal de independencia”. Non digo que non poidamos botar unhas risas, pero convertir o que con moito podía ser a anécdota para un despece informativo no titular principal, parece un rebusco con non moi boa intención.

Se a memoria non me falla, o xornal deulle espazo en ocasións a voces a prol do esforzo para a educación sexual dos máis novos. E porén, desta volta o título insinuaría belixerancia fronte a unha proposta concreta… Vaia, xa saben que hai quen di que as mellores pallas son as mentais.

Quen sabe. En todo caso as anécdotas son exemplo de que iniciativas como estas seguen sendo moi necesarias para normalizar a educación sexual. En todo caso, esta desafortunada interpretación informativa a bo seguro vai ter o beneficio final da publicidade para o centro e a súa web: Quérote.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://andaime.blogsome.com/2006/05/18/sexo-toucino-e-velocidades/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>


Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers