O arcebispo contra a precariedade

“O paro e a precariedade laboral xeran ansiedade e angustia en moitas persoas e familias. Lograr o pleno emprego e animar a actividade económica creando as condicións que conducirán a oportunidades axeitadas de emprego, seguen sendo un obxetivo clave”. Estas palabriñas non son obra de Xan María Castro, Suso Seixo ou Xosé Antonio Gómez, nin de ningún outro voceiro sindical. Sorprendeunos con elas este domingo o arcebispo de Santiago, Julián Barrio,
Non tén perda a súa carta pastoral “na festa de San Xosé Obreiro”, baixo o título “Un traballo digno para a familia”.
“Na festa de San Xosé Obreiro diríxome especialmente ás persoas do mundo obreiro, compartindo os seus interrogantes e preocupacións. O traballo, a dignidade do traballador e a causa da súa promoción son realidades non alleas á misión evanxelizadora da Igrexa. Non podemos ignorar o significado que a actividade laboral tén na vida persoal, familiar e social esrvíndolle ao verdadeiro ben da humanidade” (…)
Non vaian pensar malia todo que se producise salto cualitativo ningún no pensamento dun arcebispo con beizón do Papa Xoán Paulo e o seu sucesor Bento XVI, personaxes que tanto combateron o traballo dos teólogos da liberación e que reprimiron a actividade dos cregos que pensaban que alén das palabras á Igrexa cumpríalle pasar aos feitos e poñerse de lado dos pobres, explotados e precarios do planeta. Xa que logo, lonxe de propostas a pé da terra, a carta remata encomendando aos precarios do mundo “ao patrón dos traballadores”.
Lembren que cando os bispos que nos tocaron en sorte deciden implicarse máis directamente en cuestións do debate político, as súas preocupacións son ben diferentes, un exemplo en tempos electorais, cando nos advertían que “só por razóns graves se podería incumprir o deber e o dereito de acudir ás urnas” e chamaban a “rexeitar as formacións que non estean en contra do aborto ou da eutanasia”.
