Manuel Fraga: o avó saca peito

A entrevistadora oficial de Manuel Fraga para El País, María Antonia Iglesias, pon a proba outra vez a paciencia do senador. Mágoa que, unha vez máis, non poida ser Xosé Hermida o encargado de facerlle as preguntas ao agora ex presidente.
Entre as cuestións que máis me chamaron a atención das respostas de Fraga está a seguinte afirmación: “Teño claro que se vai poder prescindir de min, que iso é absolutamente inevitábel. A proba é que xa o demostrei dando paso aos meus sucesores e sen caer na tentación de seguir mangoneando por tras, como fixeron outros”.
Preguntábame se ese “outros” de don Manuel se refire a algún señor de bigote en particular, cando máis adiante e preguntado pola “alma” do partido coa que se sinte máis cómodo, “a de Aznar e Acebes ou a de Ruiz Gallardón e Rodrigo Rato?”, Fraga responde que “eu aposto polo futuro do meu partido. E non lle vou a dar máis pistas, por moito que o tente”. Unha mostra de a quen lle dá beizón agora mesmo o senador e que fai lembrar as súas recentes críticas á Cope, con enfrontamento con Losantos incluído.
Outras preguntas: “Arrepíntese vostede de colaborar naquela execución?” (en referencia á pena de morte aplicada a Julián Grimau)”. Resposta de Fraga: “Non”.
“Eu sempre o vin a vostede como un can ladrador pero pouco mordedor”. Resposta: “Pois equivócase vostede. Porque eu, cando tiven que trabar, trabei, e cando tiven que ladrar, ladrei”.
