A avoa María
A ela teríalle gustado que se falase dela nestes días. Ás portas dos cen anos, este sábado teriamos celebrado o seu cumpreanos, con tarta de fresa como a ela lle gustaba. A pé dela todos che eramos aínda crentes, até os máis descridos. Hai tempo e por reviravolta académica atopeime escribindo dela, gustaríame atopar aquel texto perdido e repasalo coma lembranza e terapia para cubrir a ausencia. Se cadra habíame reconfortar e darme o consolo que non me deu toda esa serodia burocracia de hai dez días, cando nos deixou. O prego posíbel comezaba falando da “seiva que vén polo aire que nos dá de vivir, co recendo dos merodos que trae a avoa no berce dunha folla de figueira” e remataba cun aquel da busca de “algo que habemos de ter nós para dar, algún rebouxo de pan ou unha presa de laranxas polo Nadal, que nos faga mellores”.
