andaime

April 27, 2006

Futbolista e bilingüe?

Filed under: outres

futbole

Á beira de taberna futboleira (o Barça.cat vaise a París) sorpréndome con noticia dun suceso acontecido en Balaídos hai xa tempo que non teño noticia de que trascendera. Resposta dun xogador do Celta a pé de campo a un xornalista da Radio Galega: “Háblame en castellano, cabrón”.

O xornalista era Pedro Pablo Alonso, que sabe de fútbol, de latín e de diplomacias, e que no canto de quitarlle o micrófono dos fuciños tivo a deferencia de repetirlle a pregunta ao monolingüe futbolista en castelán.

O partido era o Celta-Athletic de Bilbao e o futbolista era o valenciano José Enrique.

Miro no foro do Celta, onde parece que ou non se sabe do asunto ou non merece comentario. De momento o que si é tema é o seu baixo rendemento no Celta.

Falaron do conto en Delcelta e comentárono nos foros de DeporteRei.

Pelotón galego

Filed under: outres

No blogue de obrigada visita para fuboleiros, a bitácora non oficial de Galicia en Goles: Reboreda.blogspot.com, contan de moito máis que fútbole, coma hai pouco dando conta do 50 aniversario do Clube Ciclista Padronés, terra de vizosa canteira ciclista. Na mesma semana que sabemos que a ilusión ciclista colle forma no primeiro equipo profesional galego!

Ese ladrillo por aquí, as palmeiras por aló

Filed under: politiques

Unha recomenda: OurenseBlog, con interesante reportaxe fotográfica e sección “Cabezadas e Baltaralladas”

Aniversarios nucleares

Filed under: aidiormios

chornobil
(Dun relato de Isaac Asimov)

-Pero se teñen enerxía termonuclear, onde realizan as probas e as explosións?
-No seu propio planeta, señor.
Aron ergueuse nos seus seis metros de estatura e tronou:
-No seu propio planeta??
-Si, señor.
-Con xesto pausado, Naron sacou a pruma e riscou a última anotación no libro pequeno. Era un feito sen precedentes; pero é que Naron era moi sabio e capaz de ver o inevitábel coma ninguén na galaxia.
-Burros estúpidos!

Vén a conto este anaco dun relato de Asimov polo recente aniversario da catástrofe de Chornóbil, o día aquel de hai vinte anos onde o mundo sentiu a nube radiativa ameazando as cabeciñas.

Ao fío, comento o caso de Amchitka, en Alaska, onde a indiferencia, ocultamento e desmentidos seguen sendo a práctica do goberno estadounidense fronte ás consecuencias sufridas polo lugar que acolleu as maiores explosións nucleares provocadas polo exército dos EUA hai corenta anos e que causou ducias de pouco coñecidas e documentadas mortes por cancros froito daqueles experimentos. Eran tempos de guerra fría, e ademais de buscar zonas afastadas dos núcleos máis grandes de poboación, os estadounidenses tamén querían sacar peito diante dos veciños rusos, a un chimpo da costa de Alaska.

Sobre a operación Cannikin, na illa Amchitka, conta Shora no seu blogue onde ademais pode verse un espectacular e desacougante vídeo.

Por aquí pode lerse tamén o conto anterior completo.

April 25, 2006

Saudades, nostalxia e ansiedades dun 25 de abril de 1974

Filed under: politiques

25deabril

“Son moi optimista. Considero que en anos chegarán outras conquistas, artelladas arredor da convicción de que é necesario máis protagonismo para os traballadores nos ámbitos do poder. Porque as revolucións sempre son lentas e agora máis. Pero non son pesimista. Fomos derrotados nese camiño, pero daquela puidemos ir máis alá, cara a unha democracia máis directa”.

Hai dous anos, dicía Otelo Saraiva

Losantos deixa a COPE

Filed under: politiques

cope

Non sei se adicarlle unha sección específica ou montar un blog especialmente adicado, pero recunco na obsesión: o coñecido humorista Federico Jiménez Losantos deixa a COPE. Xa tardaba. Aparte da súa teima en hiperpublicitar o seu diario dixital a través dos seus programas radiofónicos e de manter proxectos mediáticos alternativos, mesmo foi quen de obviar informativamente a chamada ao optimismo ao fío do proceso de paz en Euscadi que realizara despois do cesamento de fogo da ETA o presidente da Conferencia Episcopal, presunto xefe seu, monseñor Ricardo Blázquez.

Conta Iñaqui Anasagasti no seu blogue que Losantos marcha para Intereconomía.

Estatuto express: segunda parte

Filed under: politiques

A ausencia este luns de varios dos colectivos convidados a opinar no Parlamento sobre a reforma estatutaria é exemplo da precipitación coa que se lles chamou a participar no proceso. Se realmente os grupos parlamentarios teñen en estima as achegas que as asociacións cidadás poidan facer neste camiño ao novo Estatuto deberan ter coidado máis estes primeiros pasos. O propio conflito pola carta de convite que o PPdeG lle enviou a título propio aos colectivos é exemplo da descoordinación. A xornada do xoves pasado foi exemplo das boas oportunidades que abre esta iniciativa de apertura da cámara á sociedade. Agardemos que mellore o escenario…

Home sen nome

Filed under: outres

“E ti que crías na República, na forza da democracia en todas as andrómenas políticas. Ti que pensabas que podías parar a historia con palabras, que podías deter a chegada do futuro (…) mereces morrer de mala morte, por crer nos demais, por crer nas palabras, nas palabras da xente, nas túas”.

Velaí un anaco do presentado coma monólogo dun home, un “verdugo”, con “arrepiante” biografía, que vai facendo relato nunha cama de hospital a pé do Nano, mítico personaxe creado polo Suso de Toro.

Onte apañei en Follas novas un “avance editorial”. Apenas trece páxinas, pero que prometen moito. Xa me tarda ter o libro nas mans.

April 23, 2006

Con churrasco todos os días son santos

Filed under: outres

churrasque

E como acabaría o conto de Navia de Suarna? Os pescantís da vila, será que anda pouca troita polo lugar, organizaron festa para o venres santo: churrascada. E xa se armou adecristo coas beatas do lugare e a teima do xexún carnívoro.

Que pasen estas cousas aquí, onde “o porco salvou máis vidas cá penicilina” (PD: velaquí outro xornalista no blogomillo, O Rabudo: non perdere a colección de entrevistas!)

“Churrasco (pronounced shoo-RAS-koo) or Brazilian barbecue was the traditional staple food of the gaúchos or cowboys of Southern Brazil for centuries before it spread to Rio de Janeiro and São Paulo. It has become very fashionable and there are excellent churrascarias”

Dise en ruso, dise en vasco

Sitio distinto

Filed under: outres

Casualidades da vida, a mesma semana que veño de repetire con Fahrenheit, entérome disto.

Hai anos, pola miña terra foran pioneiros coa creación da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O consenso nas louvanzas e o éxito de participación daquel evento non foi obstáculo para que a sombra escura que senta o cu na Casa do Concello decidise tumbalo. Para merendas e cementos pre-electorais non se escatiman orzamentos. Será que os libros non dan votos, será que ler ameaza algúns votos.

Chuza!!

Filed under: outres

Veño de estrear conta e enviarlle un par de destaques para o Chuza. Chúzalle aí!!

Que non escape a troita
Pola parte de Ourense encheron de troitas as piscinas de Oira en beneficio das dúas ducias de cativos que participan no curso de iniciación a pescantíns. Mellor só se pillan no prato.

CSI Vaticano e milagres na área metropolitana
A curación dun moañés ferido nun accidente de traballo e unha vella de Baiona á que lle curou un brazo despois de 34 anos sonlle atribuídas a un crego e a unha monxa, finados xa. O Vaticano investiga.

April 20, 2006

Unhas risas, uns amigos, un Estatuto express

Filed under: politiques

anacoexpr
Aínda facendo horas extras e con estímulo de soldada revisada, non sei eu se as presas que os nosos deputados prognostican de aprobación estatutaria entrespatadas serán abondo para aquelar un texto con todo o sentidiño que se lle espera a tal documento.

Hai nada estaban rifando aínda sobre o modelo de traballo e case que dunha semana para outra convidaran a ducias de colectivos a comparecer diante da comisión. Comentouno Isaac Díaz Pardo no inicio da súa intervención deste xoves, “o prazo foi moi curto”.

A riqueza das intervencións foi moita e apuntáronse datos importantes sobre o modelo de desenvolvemento posíbel para o país e as prácticas políticas concretas que poden axudar a definilo. Queda por ver como iso se vai trasladar cara a fóra a unha sociedade á que coma dicían algúns “non lle interesa nada iso do Estatuto”. Optimismo? Non sei, alguén falou antes de Schopenhauer?

Fahrenheit 451

Filed under: cines

fahrenheit
Clarisse: “E dígame, por que queiman libros?”

Montag: “Que?, é un traballo coma calquera outro, e ademais, de moita variedade, este luns queimamos Miller, o martes Tolstoi, o mércores Walt Whitman, o venres Faulkner, e o sábado e o domingo Schopenhauer e Sartre”.

Non lembro se no libro o personaxe ilustraba o seu laboro cos mesmos libros ou isto foi achega de Truffaut, ao xeito das escenas nas que a cámara identifica determinadas e coñecidas obras. Se o pecador/a a quen llo prestei e de quen non me acordo lee estas liñas…

Esa gripe que vén polo “ave”

Filed under: aidiormios

ratzingel
Antes de pasarse á sombra escura, como pode verse á beira en starwarsica referencia, Ratzinger tiña un amiguito que quedou no lado bo delafuerza: Leonardo Boff. Mentres o Papa alemán matina en restrictivos catecismos e levita en nubes de revesgada disquisición teolóxica, o vello franciscano brasileiro, referencia da teoloxía da liberación, anda a pé dos veciños do mundo e ademais de servir de azoute para as burocracias vaticanas mesmo teoriza da gripe aviaria apuntando alternativas conspiratorias:

“Hoje é sabido: a origem da gripe não provém de galinhas criadas ao ar livre mas das práticas avícolas industriais e pela utilização de subprodutos da criação avícola como ração industrial. A Fundação BirdLife demonstrou que o padrão de focos da gripe segue as rotas das estradas e das vias férreas e não as rotas dos vôos de aves migratórias. A gripe é consequência do manejo cruel que nós seres humanos temos feito com as galinhas confinadas. Ai está o nicho de reprodução do virus. É uma doença sistêmica. Ela demanda uma forma de relação com os seres vivos que não implique crueldade mas racionalidade e compaixão”.

April 19, 2006

Parlamentice

Filed under: politiques

lambade
Falando de lambada. Hoxe botáronse unha peza no Parlamento.

Touriñice: “Vostede é coma o mal neto, aquel que estragou o patrimonio do avó e agora vén reclamando a herdanza. Pagará moitos anos de penitencia na oposición”

Feijolice: “Vostede vai pasar á historia coma o presidente de Galiza que deixa unha débeda contraída para os nosos netos. Cando usté cumpra cen anos os galegos aínda seguirán pagando a súa irresponsabilidade”.

Lambada’s history

Filed under: outres

kjarkas
Reviravoltas da actualidade, mira por onde sabemos agora que a música de elbaileprohibido non era invento saído das calores brasileiras senón dos cordais bolivianos.

Velaí os plaxiados: Los Kjarkas.
E os plaxiadores

Evo: a estrela

Filed under: outres

chompa2
Nenos e maiores, todos queren ser Evo.

O home que dixo aquilo de “queremos socios, non patróns”, cuestión que por certo debeulle facer tremer as canelas a algúns benládicos dos que se falaba na mensaxe anterior, vai ser tema central dun filme.

Xa lle teñen título, “Buscando a cruz do sur”.

O autor do proxecto conta que a chegada á presidencia de Morales e un dos tres grandes acontecementos da historia da Bolivia. Os outros dous son: a clasificación para o Mundial fuboleiro en 1993 e o pleito que lle gañou un grupo local aos brasileiros que les fixeran plaxio da lambada.

Por certo, o casting, que cavilaban facer a través dun realitichou, inclúe personaxe para o Evo neno, Evo sindicalista, Evo líder de multitudes e mesmo Evo músico.

Ben Laden

Filed under: econ

benladene
A este anaco de papel chámanlle así: Ben Laden. Polo difícil de atopalo, seica. Eu desa cor só os vin no monopoli. Paradoxalmente, os números din que a maioría dos billetes que andan por aí adiante son de 500 euros, seis de cada dez e moitísimos máis que os de cinco euros, máis probábeis de atopar no peto de calquera xentiña de ben. Din que isto non é así por outros lugares da UE, onde o carto negro se move menos, que por aquí hai moito quen leva a calderilla en millóns.

Cereixas

Filed under: outres

cereixas

Xa que lo, para que a primeira imaxe do blogue non fosen os diñeiros….

April 18, 2006

Día do liberado

Filed under: politiques

Tiveron que pasar trinta anos do parche aquel da transición pra que por fin se faga algo serio en favor da memoria e da dignidade: as vítimas, os nomes, as voces e os lugares.

Polo correo chega unha marabilla de texto de Eduardo Galeano: “moito custou, pero estamos comezando o duro e necesario recorrido da liberación da memoria nun país que semellaba condenado a pena de amnesia perpetua”.

Fala Galeano de Uruguai e do Día do Liberado, pero as súas palabras son universais, tamén estoutras: “o mundo está sufrindo un alarmante desprestixio da dignidade. Os indignos, que son os que no mundo mandan, din que os indignados somos prehistóricos, nostalxiosos, románticos, negadores da realidade”.

De trens e guións

Filed under: politiques

Sobre o riso e a resinación que por aquí se comentaba hai uns días contan máis nun mentideiro internáutico.

Didáctico vodorrio

Filed under: politiques

Pola bloguesfera ourensá, dou con este impresionante documento fotográfico, do que xa vira un anaco no blogue baltariano. Nunha ollada rápida vin que non lles merecera preocupación pola rede rajoyana.

Eu, que son un optimista, máis que hipocrisía o que vexo é un evento moi pedagóxico para axudar a que os populares de por acá se afasten un chisco desoutra culimaña de por alá.

April 17, 2006

Chegando a fin de mes

Filed under: econ

Cando escoito falar de “regulación de emprego” ou algún deses outros eufemismos que os grandes xigantes empresariais usan para escatimarlle uns euros aos seus empregados ou simplemente despedilos, lémbrome de datos coma os que este luns recolle Expansión sobre o salario dos directivos: o soldo conxunto dos executivos de 24 empresas tiradas do Ibex 35 suma algo máis de 199 millóns de euros.

Afórrolles os cálculos: son un total de 345 paisanos con maletín, polo que saen a repartir por riba de 576 mil euros por corbata e ano, o que arrimándolle outra división fai máis de 48 mil euros ao mes. E aqueloutrándolle aí unha multiplicación, fan unha media de oito millóns das vellas pesetas o que vai para a saca de cada un deles cada mes.

E ti que, non quererás unha televisione?

Filed under: outres

“Cando estea en pleno funcionamento a Televisión Dixital Terrestre todos os períodicos importantes van ter unha televisión de referencia”, tranquilizoulle Zapatero ao director de El Mundo na primeira parte da pedrojotiana entrevista que o xornal publicou o domingo.

O sorprendente é que estas herbas da converxencia nas que vivimos permitan que hoxe en día se poida dicir tal cousa con esa tranquilidade, coma se fose algo bo… e despois fachendear de que se defende a pluralidade informativa.

Para non perder, a análise de Periodistas21 ao respecto.

Faragullas literarias ás dúas beiras do blogMiño

Filed under: blogueredes

Alén do Miño contan que o blogue Abrupto vai publicar uns anacos do próximo libro de Agustina Bessa-Luís, “Fama e Segredo na História de Portugal”, iniciativa inédita en Portugal. Da beira galega penso que foran pioneiros aló pola parte de Vigo co Oeste de Manuel Rivas.

Sorprende que as editoriais non experimentasen máis con esta posibilidade publicitaria. Se cadra é que con tanto tempo espantando medos, e vendo presuntas ameazas da internete ao papel non hai tempo de cavilar nos beneficios. Claro que se cadra a cousa é que os escritores se resisten a estas iniciativas. Quen sabe, na cousa da pesca hai quen tenta o de pescar sen cebo e mesmo quen vai ao río sen cana. Pero iso é na pesca claro, que non é unha cousa seria…

April 16, 2006

E falando de cereixas

Filed under: outres

Buscando ligazón para a mensaxe anterior, velaí, no “corazón de Galiza”, unha xeitosa web que veño de atopare.

Cerdeiras en flor

Filed under: outres

Mágoa que estes acontecementos non merezan a portada de ningún xornal. Na ribeira chantadina xa hai días que agroman as flores nas cerdeiras. Daquí nun mes, enchenta segura.

Cando penso no que a cereixa representou noutros tempos por estes lugares dáme aínda máis envexa viaxar por outros paraísos da cerdeira. Por certo, algún ano destes pretendo coincidir con esta festa.

April 15, 2006

A avoa María

Filed under: outres

A ela teríalle gustado que se falase dela nestes días. Ás portas dos cen anos, este sábado teriamos celebrado o seu cumpreanos, con tarta de fresa como a ela lle gustaba. A pé dela todos che eramos aínda crentes, até os máis descridos. Hai tempo e por reviravolta académica atopeime escribindo dela, gustaríame atopar aquel texto perdido e repasalo coma lembranza e terapia para cubrir a ausencia. Se cadra habíame reconfortar e darme o consolo que non me deu toda esa serodia burocracia de hai dez días, cando nos deixou. O prego posíbel comezaba falando da “seiva que vén polo aire que nos dá de vivir, co recendo dos merodos que trae a avoa no berce dunha folla de figueira” e remataba cun aquel da busca de “algo que habemos de ter nós para dar, algún rebouxo de pan ou unha presa de laranxas polo Nadal, que nos faga mellores”.

April 3, 2006

Entre o riso e a resinación

Filed under: politiques

… foi a cara que se lles quedou aos xornalistas da TVG que entrevistaron este luns á ministra de Fomento, cando logo dalgunhas preguntas complicadas para a señora Magdalena, que esta esquivou con argumentos coma “os de Andalucía tamén din que gastamos máis en Galiza” ou “vostede o que quere é picarme un pouco con iso”, debeu decidir que non se estaba falando do que realmente ela fora a falar á televisión pública galega, tv amiga?, e tirou dos folios que tiña por riba da mesa para facer un monólogo de cinco minutos sobre o plan de salvamento marítimo, rolda de prensa anticipada…

Na memoria está aquel episodio da ministra na TVE Galicia.

A liberdade, Fariñas

Filed under: politiques

Un día de hai un par de anos un amigo cubano chegaba á casa enzucado polo panfleto que viñan de darlle na rúa para a convocatoria dunha concentración en apoio do goberno da revolución cubana e contra o embargo dos EUA . Laiábase de que a convocatoria non fose en favor do pobo cubano, que á fin, dicíame, é o que de verdade sofre, e ten por riba o pé tanto do goberno estadounidense coma do cubano.

Lembro cando noutra ocasión lle amosei a miña sorpresa e a miña prevención porque a revista que me traía, con artigos de xornalistas cubanos independentes, semellaba estar financiada publicitariamente, por entidades coma a Fundación FAES ou o xornal ultraconservador Libertad Digital…

É curioso que o apoio aos disidentes do poder cubano veña principalmente desa beira ideolóxica. Algo terá que ver tamén a idealización do que no seu momento significou a loita duns barbudos a prol da liberdade pero que logo se converteu noutra cousa e que está impedindo ver o sufrimento do pobo cubano e contribuíndo a que a esquerda occidental estea perdendo o contacto coa realidade dese pobo. Cando a ditadura esmorecente remate, a oportunidade para que os vimbios sociais que existen viren nunha democracia respetuosa coas liberdades pode quedar perturbada e socialmente eivada por esa posición de privilexio que a dereita europea e estadounidense está gañando a golpe de talonario.

En Cuba hai fame de liberdade.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers