andaime

March 27, 2006

María Pita e arrabaldos

Filed under: politiques

Cómpre facer unha precisión sobre o anterior: O de Francisco Vázquez, máis que fracaso foi desinterés, o hiperlocalismo vazquiano non tivo miras para estimular o debate sobre a área metropolitana coruñesa. A escasa ambición para turrar do Consorcio das Mariñas dá boa conta do freo para ese proxecto.

A área metropolitana de Vázquez ía pouco máis aló de María Pita, e da Ponte da Pasaxe non tiña moita vocación de pasar.

Vigo e a Coruña: axustando os tempos

Filed under: politiques

Editorializaba un xornal coruñés, ao respecto do adiamento do proceso para a área metropolitana viguesa, que Vigo e A Coruña teñen que “camiñar xuntas nese proceso” asumindo a súa condición de “locomotoras” que arrastran a Galiza e deixando de lado rivalidades máis propias dos campos de fútbol.

Alén desa condición de motores dos dous eixos da autoestrada atlántica, non vexo a necesidade de cinguir os proxectos clave das dúas cidades a presuntas necesidades de simetría. Se do lado vigués viñeran facendo os deberes máis cumpridamente e avanzaran abondo na definición do que debera ser a área metropolitana, non debera haber cancelas oficiais para acomodar esa arela aos tempos perdidos no contorno coruñés, onde don Francisco Vázquez fracasou reiteradamente, no liderado dun modelo coruñés de área metropolitana.

Da parte de Vigo apúntanme outra teoría ao respecto do que aconteceu en días pasados e que seica insinuou o diario Atlántico: unha operación de márketing á medida de Abel Caballero, a quen lle brindasen a oportunidade de sacar peito diante do conselleiro Romeu pedíndolle que retirase a súa proposta, axudando a empurralo na probábel candidatura á alcaldía. Improbábel estremo toda vez que quen máis semella terse beneficiado publicitariamente é Corina Porro.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers