andaime

March 22, 2006

A arrogancia dos que lle temen á paz

Filed under: politiques

Acórdome do personaxe que hai poucos días dixo aquilo de que “o disparate da búsqueda da paz desmoraliza aos empresarios”: José María Cuevas. Non moi lonxe dese despropósito está a primeira valoración que nos chega desde a Asociación de Vítimas do Terrorismo. Nótese o desvarío desta cambeleira de palabras do seu comunicado: “El objetivo del citado alto el fuego no busca en ningún caso la mal llamada “paz” a la que hacen referencia, sino tan solo el chantaje al Estado de Derecho”. O texto remata cunha engádega a pé desa nota que con título “Las sombras del 11-M”, trata unha vez máis de insinuar o presunto vencello da ETA con aqueles atentados.

Hai a quen a quen a ideoloxía non lles permite ver a oportunidade para a paz.

Sobre o belixerante e pouco responsábel papel que xoga este colectivo en presunta defensa das vítimas do terrorismo recomendo un recente artigo de Javier Ortiz moi ao xeito.

A tregua

Filed under: politiques

Un aspecto interesante das reaccións políticas á tregua da ETA é o feito de que nos discursos dos partidos albíscase que en boa medida responden a estratexias xa deseñadas diante da inminencia deste escenario.

A xeito de anécdota, Zapatero falou dun camiño “difícil, duro e longo”. Non hai moito que o presidente do goberno español usaba os mesmos adxetivos pero noutra orde, un camiño “longo, duro e difícil”. O seu discurso deste mércores no Congreso e á saída da sesión de control non semella moi diferente ao que se viña insinuando.

No mesmo sentido, Mariano Rajoy, nunha revisión da estratexia do escepticismo que Mayor Oreja fabricara para o PP, cambiou aquel “tregua trampa” por estoutra definición de “é unha pausa, non unha tregua”. A belixerancia da súa primeira intervención este mércores non amosaba moi boa disposición para a renuncia dese discurso da crispación co que o PP
conta encher a saca de votos. Afrouxou un chisco Rajoy na súa intervención parlamentaria da tarde, pero non deixou de amosar unha postura irresponsábel diante do novo escenario que se abre, máis aínda se pensamos que con media lexislatura andada puidese darse o estremo de que lle tocase apandar no goberno con parte dun proceso que non se prevé rápido.

Fronte a esa intervención, máis significativa resulta a que a continuación tivo Zapatero, cun importante exercicio de diplomacia no que evitaba calquera resposta ás insinuacións acusatorias de Rajoy e chamaba ao PP a colaborar co goberno no camiño que agora se abre. Por certo, sorprendeu o presidente do Congreso, Manuel Marín, que nunha incomprensíbel e estricta decisión lle pechou o micrófono a ZP nun momento clave do discurso, que de seguro, a todos os grupos parlamentarios lles tivese gustado escoitar.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers