andaime

March 20, 2006

A saca dos deputados

Filed under: politiques

Fóra do ecosistema laboral non teño agora as cifras precisas, pero lembro que indicadores recentes apuntaban que o cambio no executivo autonómico trouxo o impulso dunha revitalización na consideración que aos cidadáns galegos lles merecen tanto o seu goberno coma a institución parlamentaria. As sondaxes amosarían así un inédito grao de ilusión e un importante depósito de confianza no que de si poida dar o novo curso político. Desde o bipartito, e moi especialmente a nivel dos grupos parlamentarios, veñen teimando en destacar o punto de inflexión que para o Parlamento supón esta etapa política.

Malia esa encomenda con apoio extra que os cidadáns lle concederon aos seus deputados, estes veñen de pagarlles cun innecesario pau. Falo do caso da suba de soldos que se autoaprobaron as súas señorías. Mal idea escolleron para este inicio de lexislatura, con ningunha lei aínda aprobada.

Está o tema da xustificación de que no fondo seica é unha reforma que axudará a axustar máis os salarios, evitar mañas de deputados pillabáns ou poñer transparencia no cobro dos parlamentarios.

Nese caso o proceder no asunto amosa unha estratexia aínda peor: dunha banda faise en case secreto, renunciando a dar polo miúdo esas explicacións, e da outra é unha renuncia á pedagoxía política que tanto compre neste país.

Periodismo sen periodistas

Filed under: outres

Chégame nova da publicación do informe 2006 do Project for Excellence in Journalism, do prestixioso grupo de investigación a pé da Columbia University. Nunha primeira e rápida ollada destaco para esta bitácora un dato, referido ao ámbito concreto do xornalismo en internet: os empresarios do sector danlle a prioridade ao investimento en tecnoloxía, non en recursos humanos para a elaboración de noticias. É un mal do periodismo de hoxe, o chanzo feble son os xornalistas, os que se supón que lle dan o seu valor ao periódico e contribúen a diferencialo. Mentres o medio-empresa pensan vivir da marca, da publicidade, do colorido empaquetado ou do fascículo máis gorentoso. Logo queixaránse de que baixe a venda de xornais…

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers