Para que serve a TDT ?
Recén enchido o casilleiro do mando a distancia coas novas posibilidades que a televisión dixital promete, entre a escatimada oferta poucas cousas vexo que paguen a pena de momento. Se cadra, o ocasional achado dalgún exótico deporte sempre divertido de ver, un momento nostalxia coa Bola de Cristal, a posibilidade de seguir a unha hora menos intempestiva a un divulgador extravagante e imprescindíbel…
…E tamén algo que segundo o momento pode ser entre un vicio e un suplicio: a posibilidade de seguir sesións parlamentarias en directo. Coma é o caso deste mércores, na sesión de control ao goberno no Congreso.
Volveume chamar a atención a espectacular habilidade da vicepresidenta, nas costas da que, non por casualidade, os socialistas están deixando caer a xestión de moitos dos paus que reciben.
Logo de despachar a un Acebes que teimaba no seu obstinado papel de herdeiro perenne do aznarismo, De la Vega aínda tivo que lidiar cun irrespetuoso Zaplana, que nun exceso dialéctico conseguiu o enfado das deputadas da cámara, que deixaron momentaneamente a sala en protesta. A frivolidade coa que lle faltou á vice mesmo pareceu facerlle torcer o xesto a unha das súas compañeiras de partido, Ana Pastor, xusto por tras del.
Si, en primeira fila da oposición os populares seguen privilexiando a aquel que recoñecera estar en política por cartos: significativas mostras hai nas hemerotecas.
