Os federicos que veñen
Por certo, Bill Sammon, antigo correspondente do xornal conservador Washington Examiner, ademais de autor de obriñas como a comentada na faragulla anterior, é agora analista político do canal Fox News, bastión televisivo da dereita estadounidense.
Compre lembrar que esta canle naceu e tumbou o liderado tradicional da CNN coma referencia principal e primeira en audiencia dos canais de noticias as 24 horas. Os estadounidenses escolleron maioritariamente as latriqueiras de bocaláns comprometidos co sector ultraconservador dos USA que abren, enchen e pechan espazos informativos construídos arredor da opinión e a inxuria. Mudaba así a tradición de xornalistas con outro aquel ben diferente.
Aventaxados aprendices son capaces de cubrir xa unha mañá enteira por pagos próximos nestes estilos. Non habemos tardar en verlles o salto ás pantallas televisivas.
