andaime

March 8, 2006

Os federicos que veñen

Filed under: outres

Por certo, Bill Sammon, antigo correspondente do xornal conservador Washington Examiner, ademais de autor de obriñas como a comentada na faragulla anterior, é agora analista político do canal Fox News, bastión televisivo da dereita estadounidense.

Compre lembrar que esta canle naceu e tumbou o liderado tradicional da CNN coma referencia principal e primeira en audiencia dos canais de noticias as 24 horas. Os estadounidenses escolleron maioritariamente as latriqueiras de bocaláns comprometidos co sector ultraconservador dos USA que abren, enchen e pechan espazos informativos construídos arredor da opinión e a inxuria. Mudaba así a tradición de xornalistas con outro aquel ben diferente.

Aventaxados aprendices son capaces de cubrir xa unha mañá enteira por pagos próximos nestes estilos. Non habemos tardar en verlles o salto ás pantallas televisivas.

“Profundadores” e Bushistas

Filed under: politiques

Pregúntome que tradución lle acaería mellor a eses equipos de expertos pensadores que no contorno norteamericano coñecen coma “think tanks”.

Hai pouco que tiñamos nova da publicación de Strategery, libro onde o George W. Bush recoñecía que o factor Ben Laden o axudara decisivamente a gañar o trono de Washington por outros catro anos.

Compre reparar en que esta publicación que recolle esa confesión do presidente dos EUA non é precisamente crítica co George fillo, senón máis ben un haxiográfico relato das presuntas fazañas e o perfil seica infravalorado do personaxe que logo de proezas políticas varias “no tempo que lle queda libre, ponlle fin á tiranía no planeta”.

Da declaración de intencións deste influínte grupo ultraconservador dá conta un anaco da síntese doutro dos libros que financiaron recentemente: Communists, Terrorists, and Racists Are Teaching Our Children!. Para non perder: “Lectura esencial para pais, estudantes, alumnado universitario, pagadores de impostos e americanos patriotas que pensan que os nosos universitarios non deberían estar adoutrinados por simpatizantes de Joseph Stalin e Osama Ben Laden”.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers