Nacidos para “expulsar”?
Sempre tiven a convicción de que o pluralismo de propostas políticas é sempre beneficioso polo seu efecto multiplicador de debates e propostas. Malia iso paréceme un chisco excesivo que un novo partido político se presente publicamente co obxetivo de “expulsar” a unha parte da sociedade do “espazo público”. Nacer denunciando presuntas eivas democráticas nun escenario político e de paso, anunciar a intención de suprimir dese presuntamente eivado escenario unha das súas voces, non parece unha promesa de acción demasiado democrática. Claro que se cadra, estes Ciutadans de Catalunya nacidos para “expulsar o nacionalismo do espazo público” non son moito máis que a última brincadeira dun provocador.
