andaime

March 29, 2006

De viraxes ideolóxicas

Filed under: outres

Que me desculpen o federiquismo. Debe ser que algo me remoe logo de ler “A condición postmoderna”, de Jean-François Lyotard. O caso é que me estiveron contando que un dos pioneiros na difusión deste autor polas españas foi un tal Federico jiménez Losantos. Eran outros tempos, claro, eran os anos 70 e o tal Fede andaba cambaleando intelectualmente entre o marxismo e o anarquismo e colaborando en revistas coma El Viejo Topo (que nestes dousmiles ten coma colaborador destacado a Jorge Verstrynge (reviravoltas da vida, o ex delfín de Fraga xa ergueu o puño para cantar a Internacional nalgún acto do PC).

O capital de Federico

Filed under: outres

Agoiráballe hai pouco a don Fe-derico unha próxima volta ao pontificado televisivo (na memoria está aquela orixinal sección do “cara a cara” que Tele 5 improvisara con Losantos-Carnicero a cada lado da mesa). Xustamente, a recente ampliación de capital da empresa está especialmente pensada para o lanzamento do proxecto audiovisual de Libertad Digital, que coa inestimábel beizón das licenzas que tan xenerosamente lle veñen concedendo algúns gobernos autonómicos semella ir por bo camiño.

Por certo, un ollo ás contas da empresa dá boa idea do ben que evolúe economicamente e en tempo récord o diario convertido en referente da dereita española. Un repaso rápido da portada amosa que contan con bos amigos, ou cando menos, cos amigos que teñen os petos máis cheos: son habituais os pegotes publicitarios dalgunhas das empresas máis fortes do Estado, mesmo dalgunhas que se deixan ver máis escasamente noutros diarios de referencia.

Coa inxección económica dos máis poderosos non é de estranar o despregue de medios e seccións e o espectacular crecemento do portal en tan pouco tempo. Mesmo para adicarlle tan detallados esforzos investigadores ao bautizado showroom de De la Vega.

March 27, 2006

María Pita e arrabaldos

Filed under: politiques

Cómpre facer unha precisión sobre o anterior: O de Francisco Vázquez, máis que fracaso foi desinterés, o hiperlocalismo vazquiano non tivo miras para estimular o debate sobre a área metropolitana coruñesa. A escasa ambición para turrar do Consorcio das Mariñas dá boa conta do freo para ese proxecto.

A área metropolitana de Vázquez ía pouco máis aló de María Pita, e da Ponte da Pasaxe non tiña moita vocación de pasar.

Vigo e a Coruña: axustando os tempos

Filed under: politiques

Editorializaba un xornal coruñés, ao respecto do adiamento do proceso para a área metropolitana viguesa, que Vigo e A Coruña teñen que “camiñar xuntas nese proceso” asumindo a súa condición de “locomotoras” que arrastran a Galiza e deixando de lado rivalidades máis propias dos campos de fútbol.

Alén desa condición de motores dos dous eixos da autoestrada atlántica, non vexo a necesidade de cinguir os proxectos clave das dúas cidades a presuntas necesidades de simetría. Se do lado vigués viñeran facendo os deberes máis cumpridamente e avanzaran abondo na definición do que debera ser a área metropolitana, non debera haber cancelas oficiais para acomodar esa arela aos tempos perdidos no contorno coruñés, onde don Francisco Vázquez fracasou reiteradamente, no liderado dun modelo coruñés de área metropolitana.

Da parte de Vigo apúntanme outra teoría ao respecto do que aconteceu en días pasados e que seica insinuou o diario Atlántico: unha operación de márketing á medida de Abel Caballero, a quen lle brindasen a oportunidade de sacar peito diante do conselleiro Romeu pedíndolle que retirase a súa proposta, axudando a empurralo na probábel candidatura á alcaldía. Improbábel estremo toda vez que quen máis semella terse beneficiado publicitariamente é Corina Porro.

March 22, 2006

A arrogancia dos que lle temen á paz

Filed under: politiques

Acórdome do personaxe que hai poucos días dixo aquilo de que “o disparate da búsqueda da paz desmoraliza aos empresarios”: José María Cuevas. Non moi lonxe dese despropósito está a primeira valoración que nos chega desde a Asociación de Vítimas do Terrorismo. Nótese o desvarío desta cambeleira de palabras do seu comunicado: “El objetivo del citado alto el fuego no busca en ningún caso la mal llamada “paz” a la que hacen referencia, sino tan solo el chantaje al Estado de Derecho”. O texto remata cunha engádega a pé desa nota que con título “Las sombras del 11-M”, trata unha vez máis de insinuar o presunto vencello da ETA con aqueles atentados.

Hai a quen a quen a ideoloxía non lles permite ver a oportunidade para a paz.

Sobre o belixerante e pouco responsábel papel que xoga este colectivo en presunta defensa das vítimas do terrorismo recomendo un recente artigo de Javier Ortiz moi ao xeito.

A tregua

Filed under: politiques

Un aspecto interesante das reaccións políticas á tregua da ETA é o feito de que nos discursos dos partidos albíscase que en boa medida responden a estratexias xa deseñadas diante da inminencia deste escenario.

A xeito de anécdota, Zapatero falou dun camiño “difícil, duro e longo”. Non hai moito que o presidente do goberno español usaba os mesmos adxetivos pero noutra orde, un camiño “longo, duro e difícil”. O seu discurso deste mércores no Congreso e á saída da sesión de control non semella moi diferente ao que se viña insinuando.

No mesmo sentido, Mariano Rajoy, nunha revisión da estratexia do escepticismo que Mayor Oreja fabricara para o PP, cambiou aquel “tregua trampa” por estoutra definición de “é unha pausa, non unha tregua”. A belixerancia da súa primeira intervención este mércores non amosaba moi boa disposición para a renuncia dese discurso da crispación co que o PP
conta encher a saca de votos. Afrouxou un chisco Rajoy na súa intervención parlamentaria da tarde, pero non deixou de amosar unha postura irresponsábel diante do novo escenario que se abre, máis aínda se pensamos que con media lexislatura andada puidese darse o estremo de que lle tocase apandar no goberno con parte dun proceso que non se prevé rápido.

Fronte a esa intervención, máis significativa resulta a que a continuación tivo Zapatero, cun importante exercicio de diplomacia no que evitaba calquera resposta ás insinuacións acusatorias de Rajoy e chamaba ao PP a colaborar co goberno no camiño que agora se abre. Por certo, sorprendeu o presidente do Congreso, Manuel Marín, que nunha incomprensíbel e estricta decisión lle pechou o micrófono a ZP nun momento clave do discurso, que de seguro, a todos os grupos parlamentarios lles tivese gustado escoitar.

March 21, 2006

A precariedade, o videoxogo

Filed under: econ

Andan ás carreiras cos antidisturbios os mozos franceses para tratar de botarlle abaixo a Villepin o contrato co que o goberno quere precarizarlles a vida un pouco máis. O despido libre nos dous primeiros anos é a medida que máis trascendeu. Coincide o asunto por estes pagos con outro tipo de mobilizacións máis botellónicas. Curioso é que ao fío da actualidade francesa non se fale moito por aquí da mesa de diálogo aberta entre goberno, sindicatos e empresarios, onde seica unha medida similar, pero que amplía ese despido libre até os catro primeiros anos de contrato, estivo ou está na mesa de traballo.

En tempo de referedums pluses e kelinfinderes, non che me estranou oir dunha campaña con tan recurtado nome coma “A precariedade é unha m.”. Aínda que houbo algunhas xeografías onde preferiron outro tipo de lemas: “Que ninguén che engane, traballa polo xusto”. Máis atrevido e escatolóxico é o videoxogo que inventaron sobre o asunto: o Space Precariers, mozos reconvertidos a ratos escapando dos cagallóns que lle adican un aquel de arácnidos empresarios desde o teito.

Humor ou humores aparte, mesmo a precaria escaseza de metros cadrados onde se remexe a mocidade xa é asunto de riso. Hai quen xa atopou definición ao xeito: JASC

E ti…?

Filed under: cines

-”…que deporte practicas?”
-”dominó e algún ataque de ansiedade de cando en vez”

Á fin puiden ver o final deste filme. Préstame comprobar que no particular blogómetro cinematográfico galego está ben considerado. E coincídolle aí co destaque para Rhada Mitchell.

E de paso aproveito para mirarlle se o oráculo segue fino no cruce de cinéfilos datos. Sempre me sorprende o xogo este. Velaí unha das probas:

Evaristo Calvo was in Finisterre, donde termina el mundo (1998) with Geraldine Chaplin
Geraldine Chaplin was in Moderns, The (1988) with Wallace Shawn
Wallace Shawn was in Melinda and Melinda (2004) with Radha Mitchell

March 20, 2006

A saca dos deputados

Filed under: politiques

Fóra do ecosistema laboral non teño agora as cifras precisas, pero lembro que indicadores recentes apuntaban que o cambio no executivo autonómico trouxo o impulso dunha revitalización na consideración que aos cidadáns galegos lles merecen tanto o seu goberno coma a institución parlamentaria. As sondaxes amosarían así un inédito grao de ilusión e un importante depósito de confianza no que de si poida dar o novo curso político. Desde o bipartito, e moi especialmente a nivel dos grupos parlamentarios, veñen teimando en destacar o punto de inflexión que para o Parlamento supón esta etapa política.

Malia esa encomenda con apoio extra que os cidadáns lle concederon aos seus deputados, estes veñen de pagarlles cun innecesario pau. Falo do caso da suba de soldos que se autoaprobaron as súas señorías. Mal idea escolleron para este inicio de lexislatura, con ningunha lei aínda aprobada.

Está o tema da xustificación de que no fondo seica é unha reforma que axudará a axustar máis os salarios, evitar mañas de deputados pillabáns ou poñer transparencia no cobro dos parlamentarios.

Nese caso o proceder no asunto amosa unha estratexia aínda peor: dunha banda faise en case secreto, renunciando a dar polo miúdo esas explicacións, e da outra é unha renuncia á pedagoxía política que tanto compre neste país.

Periodismo sen periodistas

Filed under: outres

Chégame nova da publicación do informe 2006 do Project for Excellence in Journalism, do prestixioso grupo de investigación a pé da Columbia University. Nunha primeira e rápida ollada destaco para esta bitácora un dato, referido ao ámbito concreto do xornalismo en internet: os empresarios do sector danlle a prioridade ao investimento en tecnoloxía, non en recursos humanos para a elaboración de noticias. É un mal do periodismo de hoxe, o chanzo feble son os xornalistas, os que se supón que lle dan o seu valor ao periódico e contribúen a diferencialo. Mentres o medio-empresa pensan vivir da marca, da publicidade, do colorido empaquetado ou do fascículo máis gorentoso. Logo queixaránse de que baixe a venda de xornais…

March 15, 2006

Para que serve a TDT ?

Filed under: politiques

Recén enchido o casilleiro do mando a distancia coas novas posibilidades que a televisión dixital promete, entre a escatimada oferta poucas cousas vexo que paguen a pena de momento. Se cadra, o ocasional achado dalgún exótico deporte sempre divertido de ver, un momento nostalxia coa Bola de Cristal, a posibilidade de seguir a unha hora menos intempestiva a un divulgador extravagante e imprescindíbel…

…E tamén algo que segundo o momento pode ser entre un vicio e un suplicio: a posibilidade de seguir sesións parlamentarias en directo. Coma é o caso deste mércores, na sesión de control ao goberno no Congreso.

Volveume chamar a atención a espectacular habilidade da vicepresidenta, nas costas da que, non por casualidade, os socialistas están deixando caer a xestión de moitos dos paus que reciben.

Logo de despachar a un Acebes que teimaba no seu obstinado papel de herdeiro perenne do aznarismo, De la Vega aínda tivo que lidiar cun irrespetuoso Zaplana, que nun exceso dialéctico conseguiu o enfado das deputadas da cámara, que deixaron momentaneamente a sala en protesta. A frivolidade coa que lle faltou á vice mesmo pareceu facerlle torcer o xesto a unha das súas compañeiras de partido, Ana Pastor, xusto por tras del.

Si, en primeira fila da oposición os populares seguen privilexiando a aquel que recoñecera estar en política por cartos: significativas mostras hai nas hemerotecas.

March 9, 2006

Diplomático?

Filed under: politiques

Seica había dúbida de se Francisco Vázquez marchaba da alcaldía coruñesa pola necesidade do seu partido de afastar no espazo as súas estridencias e arranxar a perda de credibilidade que a formación afrontaba coas últimas revelacións sobre as irregulares actividades empresariais da familia do alcalde.

O nomeamento para a embaixada vaticana vendérase coma unha presunta manobra para estreitar diálogo coa Igrexa. Seica a dimensión católica de Paco DiNiro axudaría ás diplomacias vaticanas do executivo español.

O circo eurovisivo do la-la-lá organizado polo alcalde saínte confirma a sospeita: cales son as habilidades diplomáticas deste alcalde?

March 8, 2006

Os federicos que veñen

Filed under: outres

Por certo, Bill Sammon, antigo correspondente do xornal conservador Washington Examiner, ademais de autor de obriñas como a comentada na faragulla anterior, é agora analista político do canal Fox News, bastión televisivo da dereita estadounidense.

Compre lembrar que esta canle naceu e tumbou o liderado tradicional da CNN coma referencia principal e primeira en audiencia dos canais de noticias as 24 horas. Os estadounidenses escolleron maioritariamente as latriqueiras de bocaláns comprometidos co sector ultraconservador dos USA que abren, enchen e pechan espazos informativos construídos arredor da opinión e a inxuria. Mudaba así a tradición de xornalistas con outro aquel ben diferente.

Aventaxados aprendices son capaces de cubrir xa unha mañá enteira por pagos próximos nestes estilos. Non habemos tardar en verlles o salto ás pantallas televisivas.

“Profundadores” e Bushistas

Filed under: politiques

Pregúntome que tradución lle acaería mellor a eses equipos de expertos pensadores que no contorno norteamericano coñecen coma “think tanks”.

Hai pouco que tiñamos nova da publicación de Strategery, libro onde o George W. Bush recoñecía que o factor Ben Laden o axudara decisivamente a gañar o trono de Washington por outros catro anos.

Compre reparar en que esta publicación que recolle esa confesión do presidente dos EUA non é precisamente crítica co George fillo, senón máis ben un haxiográfico relato das presuntas fazañas e o perfil seica infravalorado do personaxe que logo de proezas políticas varias “no tempo que lle queda libre, ponlle fin á tiranía no planeta”.

Da declaración de intencións deste influínte grupo ultraconservador dá conta un anaco da síntese doutro dos libros que financiaron recentemente: Communists, Terrorists, and Racists Are Teaching Our Children!. Para non perder: “Lectura esencial para pais, estudantes, alumnado universitario, pagadores de impostos e americanos patriotas que pensan que os nosos universitarios non deberían estar adoutrinados por simpatizantes de Joseph Stalin e Osama Ben Laden”.

March 7, 2006

Caldoil

Filed under: outres

Escribindo o anterior veume a idea de mirar pola internet a ver que cousas se contan dese galego-combustíbel chamado caldo.

Topei cun resultado que ben podería ter saído da factoría dos Aduaneiros

Caldo: More than just an oil company

Debullando no fraguismo

Filed under: politiques

E como era aquilo que dixo un excelente e enxeñoso Suso de Toro no debate da outra noite na TVG?: “coma os bos caldos, fraga está sempre a ferver, a ferver, a ferver”.

A pé del, o ex conselleiro López Veiga lémbrannos un dos tópicos do discurso do partido que gobernou o país durante demasiados anos ao argumentar convencido a prol dos logros fraguistas que nos anos anos 80, aí á volta da esquina, en Vincios, a 15km de Vigo aínda non había teléfono…

Meu home… seica lle hai que agradecer a don Manuel que o teléfono chegara ás galaicas terras e non esteamos batendo no tam-tam.

March 5, 2006

O temón de Feijoo busca o vento do centro?

Filed under: politiques

Boa noticia para o novo líder do PPdeG que chega dunha inesperada tribuna mediática. Un dos máis singnificados representantes da rémora intelectual que vén lastrando calquera presunta chamada a viraxe ao centro da dereita galega, con belixerante, desaquelada e ás veces incluso aldraxante columna no diario de maior difusión, estarrícalle as orellas a Alberte Núñez Feijoo a conto da decisión dos populares de aceptar recoñecérenlle os dereitos ás parellas de feito, sexan ou non do mesmo sexo. A decisión sae da primeira xuntanza da dirección do partido sen o patrón Fraga manexando o temón… Puidera ser casualidade pero…

March 4, 2006

Nacidos para “expulsar”?

Filed under: politiques

Sempre tiven a convicción de que o pluralismo de propostas políticas é sempre beneficioso polo seu efecto multiplicador de debates e propostas. Malia iso paréceme un chisco excesivo que un novo partido político se presente publicamente co obxetivo de “expulsar” a unha parte da sociedade do “espazo público”. Nacer denunciando presuntas eivas democráticas nun escenario político e de paso, anunciar a intención de suprimir dese presuntamente eivado escenario unha das súas voces, non parece unha promesa de acción demasiado democrática. Claro que se cadra, estes Ciutadans de Catalunya nacidos para “expulsar o nacionalismo do espazo público” non son moito máis que a última brincadeira dun provocador.

March 3, 2006

A súa Maxestade, esa sindicalista

Filed under: outres

Mentres en Francia andan a voltas coa avaliación das 35 horas, avance social que o goberno conservador vén teimando en botar abaixo, semella complicado poñer nas axendas unha reivindicación que timidamente abrollou ás veces nalgunha axenda das loitas sociales a medio prazo: a semana laboral de 32 horas. Paradoxalmente, unha significada e abnegada traballadoriña británica vén de de autoconcederse a beizón desa xornada laboral. De luns a xoves atenderá no Reino Unido desde agora a primeira soberana a tempo parcial de Europa, que vai iniciar a súa fin de semana os xoves pola tarde e non se reincorporará ao traballo deixa o luns, aí contra a hora do xantar.

Alcalde de todos, todas e de quen cadre

Filed under: politiques

O luguesismo pode mirar hoxe para as primeiras pedras do seu alcalde no blogomillo.

Jaureguizar foi quen mellor definiu de como o bo de Orozco sabe facer alquimia electoral coa “esencia da forma de ser dos lugueses”. Para non perder: o seu artigo de hai tres anos ás portas das municipais.

Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers