Coruñesismo incerto
O coruñesismo vazquiano, baseado en entender a maioría absoluta coma permiso para facer e desfacer, alleo a negociacións e transparencias, iniciou a súa decadencia ao tempo que o diálogo abrollaba coma necesidade imprescindíbel a nivel galego para poñerlle ao país un punto de inflexión cara ao futuro. Os cidadáns votaron hai poucos meses que o Parlamento fose escenario do impulso deses novos tempos baseados na promesa da busca de consensos. “Galiza non lle acaba de entrar na cabeza”, diagnosticara nunha ocasión o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, referíndose ás peculiaridades de Francisco Vázquez. Esmorece o coruñesismo vazquiano, está por ver se o coruñesismo que vén mira cara a Galiza.
