De mudanza
Levando cachifallos, blogueredes e aidiormios varios para un andaime novo.
Non é Josiah Bartlet, non é Martin Sheen, é Ramón Xerardo Antón Estévez, fillo de Francisco Estévez, veciño de Salceda de Caselas. Naceu nos Estados Unidos, pero como apunta Al na bitácora Desde mi ventana podería ter votado nas pasadas eleccións municipais.
Atento Touri, alerta Quin, ollo Feijoo, velaí un presidenciábel capaz de poñerlle ghlamoure á “ala oeste” de Monte Pío. Miren que pelaso. E xa que falamos de votos e dereitos posíbeis para os netos dos emigrantes, quen non vai querer apoiar esa estampa: Charlie Sheen e Emilio Estévez, netísimos de don Francisco Estévez, votando “en urna”, sobre o futuro político de Tui, Vigo ou Parderrubias. Ou aínda que sexa, e xa que o dos Galenecos non callou, a ver pra cando unha teleserie, tipo West Wing sobre as corredoiras sancaetánicas.
Concerto de Alén na Laiosa, no Incio.
Mirai que ben mesturan os de Chantada as gaitas coas ghitarras. Fermoso tema e extraordinario grupo.

Hai uns meses o Celta era un equipo globalmente con criterio, unha acumulación importante de mala sorte, baixo rendemento dalgúns xogadores… En todo caso, era “o Celta de Vázquez”, un adestrador que sempre demostrou profunda intelixencia e bo xuízo e que fixo marabilla dos vimbios irregulares que lle deixaron en segunda división. Algúns anos e moitas bancadas baleiras despois, a situación do equipo fixo que se apartase a Vázquez e que se optase por Stoichkov. Aquel impresionante xogador, agora showman metido a adestrador, non foi quen de construír xa non un equipo de seu, senón sequera un equipo. Ogallá que constrúan un proxecto sólido para o ano de penitencia que vén. Cagoenros.
Por certo, sobre o futuro furboleiro do país, remito ao artigo maxistral de Marcelino F.Mallo: Non vai de fútbol.

Contaba XavierNavaza o outro día nun artigo dos tempos da transición, lembrando dunha sondaxe realizada trinta anos atrás. En que criterio confiaban os veciños para guiar o voto nas eleccións xerais? Tal que así:
-O que dixera o crego: 10,2%
-O que dixera o alcalde: 9,58%
-O que dixera o mestre: 8,63%
-O que dixera o médico: 3,08%
Menos de medio milleiro de concelleiros de ANV poderán sentar durante os próximos catro anos nos plenos dos concellos vascos. Son poucos aínda para unha formación herdeira da esquerda abertzale que desta volta explicitamente recolleu nos seus estatutos a necesidade da aposta pola vía política fronte á violencia.
Probablemente o contorno no que se moven necesitaba acumular poder para que os defensores desa aposta estritamente política puidesen gañar autoridade fronte aos desnortados das pistolas. O acoso a ANV haberá de darlle folgo aos paifocos da ETA e restarlles poder aos máis sensatos dos que falabamos o outro día.
Non perdere a Mantecao y su Combo, seica proxecto rumbofesteiro da Fundación Tony Manero, ponlle broche a unha escolma rumbeira moi apropiada pra este tempo de calores e apologhites.
Ese pequeno caos urbanístico tamén chamado “perla das mariñas” terá unha nova oportunidade para virar rumbo despois de décadas de desfeita. Moncho, impagábel showman político a quen os sadenses lle concederon voto durante anos, terá que tirar da manga algunha outra trastada se quere recuncar. Lembrai que en 2004 aproveitou a volta ao sillón vía moción de censura para dobrar o soldo do alcalde, é dicir: el mesmo. Logo de tres anos cobrando 60 mil euros estaba disposto a ceder alcaldía a ASU para tocar poder.
E con todo, David Brandariz, o único edil da ASU, fíxolle un favor apartándoo destas tentacións, despois de trinta anos en política tempo lle será dun descanso.
Pero pra favores da ASU, o que lle fixeron ao PPdeG. Tanto que viña teimando a dirección popular en “renovacións” presuntas e en que “goberne a lista máis votada” e resulta que a táctica Cochón era cederlle a alcaldía ao único edil desta formación e xuntar á vez votos co escindido Moncho… No horizonte futuro, quen sabe, a volta do avó pródigo ao curro populare. Mal estratexia.
Pra que a tal renovación triunfe o PpdeG ten que apandar coa solta destes lastres.

Fracaso da parte sensata da esquerda abertzale, desorientación interesada desde o goberno vasco, un goberno español acobardado pola presión política e mediática da dereita, un PP que non só non fixo nada para axudar ao proceso de paz senón que se adicou a boicotealo activamente poñéndolle todas as cancelas ao proceso e pedras no camiño como puido… Estupenda análise de Javier Ortiz, que reparte paus para todos ao fío do cesamento de fogo da ETA. Cando hai un ano lle roubei un anaco do seu tempo de visita por Galiza, reafirmeime en que é unha das persoas que probablemente teñen máis claras as espesuras do conflito vasco.
(NOTA: moi exemplificante a portada do AVUI este martes)

Fronte á incapacidade para pactar con ninguén, preclaras mentes do PP xa deron coa solución: cambiar a lei para que non poida haber pactos. Por vontade popular. Se xa a abstención é grande, parece que hai quen quere facer o posíbel por aumentala.
“Os votantes da opción B, votárona sabendo que os seus votos servirían para darlle a alcaldía á opción C que eles non votaron?”, pregúntase. Fraca intelixencia lle atribúen aos electores. Pois señor Palmou, déase unha volta polo país e pregunte.
Despois de anos de inxustas matemáticas municipais, un refacho de cambio entra polas chantadas.
Algúns apuntes rápidos logo destas municipais:
A espiña viguesa houbo de atragoárselle a Caballero. Non sería a miña opción desexábel para os vigueses, pero que Corina gañase a maioría non tería deixado de ser un castigo entendíbel dos vigueses ao reprochábel espectáculo de regalar unha alcaldía durante tres anos para esperar por un candidato.
Mágoa que o PG ou Corcoba non gañasen algún asento e lle puxesen un toque colorista, tipo charanga ou Los Brincos. Se fosen xuntos a suma poñíaos no gume dun representante.
Por outra parte, parece demostrado que o PG equivocouse arramplando cunha marca coa que non demostrou coherencia nos discursos e na práctica. Cando se produza o debate antes das próximas autonómicas, será Terra Galega quen leve a iniciativa, despois de facer unha campaña máis pragmática e congruente co que son, por moito que o que sexan non se pareza aínda ao que digan ser.
Os pontevedreses xogaron con lume e pareceron estar dispostos a meter o raposo entre as pitas. Telmo entrou en precampaña tipo kamikaze a vender motos e seica as debeu vender bastante ben. Cousa de inxustas matemáticas municipais: as urnas quítanlle representantes a quen demostrara ter un proxecto de cidade para Pontevedra.
Os ourensáns déronlle as costas ao Hostal Poly. Ourense vive agora o que Lugo viviu ai oito anos. A erosión dunha saca popular que comeza pola capital provincial e que ten moito que ver con renovacións internas pendentes de facer.
E falando de Lugo, o PSdeG subestimou o tirón de Xaquín García Díez, o último alcalde co que o PP gozara de maioría absoluta na cidade. A Díez apartárao o Big Brother lugués e a patada resolvérase coa perda da maioría. Agora, os populares lugueses recompoñen pezas.

Xa o fixeron antes os do Zaping Comando con Rosalía e a semana pasada os Tonechos atreveron a roubar o cadaleito de Castelao… glorioso, pedagóxico e escarallante! Hai que quitarlle ferro a estas cousas. Moita máis provocación inexplorada cumpría neste país. E que teñen que facer estes dous cómicos estupendos para que algúns lles recoñezan o mérito? Quitar o pixama e o casco, facer o programa nun teatro e poñerlle “El Club de la Comedia”? Autodefinírense como clowns?
Vía As uvas da solaina descubro un artigo no Faro cun ton admonitorio que me parece un chisco esaxerado.
Vivan os Tonechos e a Galega! Dicían os Aduaneiros, Mata os teus ídolos…
PD: O humor é terapéutico

E haberá que recoñecer que o Partido Galeguista lle está dando moita vidiña á campaña destas municipais.
Da apertura mitineira con Jeanette, Tony Ronald e outros clásicos fóra de tempo, para presentarlle aos coruñeses a alternativa a outro clásico da canfurnada herculina. Simpáticos exabruptos e frases para a lembranza, innovacións lingüísticas e insospeitadas e exóticas delegacións…
e mesmo sorpresa no coruñés Pazo da Ópera para a fin de festa.
Acabo de ver este documental, non o perdan se teñen oportunidade. É apenas unha horiña de película con momentos verdadeiramente emocionantes. Fala da loita das Encrobas Encrobas e é no fondo unha historia universal, de xente loitando “pola liberdade e a dignidade”. Fará vintecinco anos que topei pola casa un cómic, naquela vella revista Vagalume. Na memoria quedaran varias frases dos debuxos (.pdf): “Fenosa, a terra é nosa”, “Fóra das Encrobas”… O documental do Bocixa fala de xente que loitou contra os que trataban de asoballalos e como di unha das entrevistadas “ségueno facendo”: poderosos tratando de pisar nos máis débiles.
Tiro cita do documental: “Cómpre loitar contra o silencio” e tamén “darlle voz a xente que o viviu”.
Chega noticia desde Cannes da estrea de Sicko, o último filme documental de Michael Moore, onde seica se analizan as miserias do sistema sanitario estadounidense, comparándoo especialmente co cubano. Penso que Moore xa tocara o tema da sanidade nalgún momento durante o Bowling for Columbinez, cando viaxaba a Canadá. Tamén fixera algunhas mencións nalgún dos seus libros. En concreto, no Stupid White Men denunciaba que Bush reducira en case un cento por cento o programa de axuda sanitaria para persoas sen cobertura médica, ou que promovera normas para prohibir a asistencia médica a inmigrantes.
Tamén ironizaba por exemplo sobre o nomeamento que Bush fixera para o seu equipo económico do ex vicepresidente dunha multinacional farmacéutica ao que, curiosamente, lle ía tocar decidir sobre un subsidio para menciñas ao que esta multinacional se opoñía. “Hai máis posibilidades de que Bush me convide a unhas cañas de que o seu goberno aprobe esas axudas”, dicía Moore con acedo humor.
Velaquí unha brincadeira do programa TV Nation, dirixido polo propio Moore, onde se comparan os sistemas sanitarios dos EUA, Canadá e Cuba, as Olimpíadas Sanitarias:

Escoito da estrañeza dun xornalista porque o presidente do PP, Mariano Rajoy, interveña nun acto da candidata do seu partido en Castela A Mancha e esqueza mencionar sequera unha soa vez a apadriñada… Á fin, o exercicio crispador e acelerado por meter o pé na Moncloa aínda lles vai facer rachar a saca das municipais. Non sei como interpretarán por aquelas terras castelás.
No que lle toca a Galiza, as apocalípticas admonicións de Luís Herrero, os delirios rancorosos de Jaime Mayor Oreja, as arrogantes advertencias de José María Aznar, os desnortados discursos de Carlos Iturgaiz… Non acerta o PPdeG nos convidados aos seus actos de campaña. A inercia do fraguismo e o aznarismo chimpouno fóra do do poder. Agora e do aznarismo en particular, traen algunhas das peores mostras a distorsionar a campaña galega. Mal os vexo. As primarias de Rajoy pódenlle escarallar as primarias de Feijoo.

“Lémbrolles que poden interpelarse, isto é un debate”. Ao convite da condutora do programa, Ana Rodríguez, non foron especialmente receptivos os tres líderes que este luns se xuntaron diante das cámaras da Galega.
Iniciaron o evento cada un no seu planeta particular, respondendo ás propostas da xornalista, case coma se non houbese interlocutor ningún de formacións políticas rivais no estudio. O mellor exemplo, o alcalde lugués despois das primeiras intervencións de Quintana e Feijoo, que explicitamente criticaron a ausencia de Emilio Pérez Touriño. Abriu fogo Orozco sen sequera responder á provocación, coma se escoitara aos que lle precederon, e non foi até varias preguntas despois cando tocou o tema. Iso si,
todos coa lección aprendida, con discursos ben repasados e unhas claves moi definidas que foron debullando ao longo do debate.
Núñez Feijoo foi menos incisivo que outras veces, e mesmo renunciou a algúns cartuchos evidentes que a actualidade recente lle servira fronte a Quintana e Orozco. A bo seguro non fixo mal, a nivel de imaxe, con estar alí xa tiña moito gañado sobre o gran ausente. En 2005 xa amosara o seu completo dominio do formato televisivo, chegando aos debates con todas as pezas ben encaixadas e desafiando con mestría os rivais. Anxo Quintana era o que máis cómodo parecía encontrarse, como el afirmou durante o debate, é o único que sempre acudiu, e iso axuda. Manexou o ritmo con habilidade, volvendo unha e outra vez sobre as súas chaves de campaña de xeito ameno e preciso. Orozco aprobou con nota un combate para o que saía en desvantaxe, aínda que esa nota teña que ser a máis baixa da tarde. Desenvolveuse mellor no primeiro treito do encontro, interpretando con soltura o seu guión, aínda que coma era de esperar o seu rol apareceu máis desdebuxado xusto nos momentos onde o debate chegaba ás temperaturas máis altas, de xeito inevitábel, cando se tocaban puntos de enfrontamento fundamentais sobre o modelo de país. Aí os socialistas terían gañado moito se cando menos tivesen apostado outra vez polo seu secretario de Organización, Ricardo Varela.
O certo, e máis logo de ver os datos de audiencia, é que os cidadáns gañaron, e dos que debatían tamén todos gañaron un pouco. Se cadra, só perderon os que non estaban.

Neste país, evitar asistir a un debate é signo de varias cousas, e ningunha boa. A primeira evidencia: debilidade. E entre as seguintes, as peores son se cadra a sospeita de que se estea apostando polo ocultamento e a obstrución ao diálogo entre forzas políticas.
A herdanza de Fraga creou esa percepción social.
Unha das características definitorias do fraguismo era esa teimuda negación ao debate cos líderes do resto de formacións políticas. Era un exemplo moi evidente e perceptible. Refugaba o debate o que sentía que o libre intercambio de ideas cos rivais podía facerlle perder espazo. Ou refugaba tamén o debate quen porfiaba en blindarse dunha presunta aureola de intocábel e construía un trono imaxinario por riba de todos os demais.
En democracia, ostentar a presidencia dun país pode, debe, ter algunhas prebendas institucionais, pero non a de permitírselle a un presidente ese desprezo polo debate. A piques de chegarmos ao ecuador da lexislatura e cunhas eleccións municipais á porta era un momento axeitado para que o presidente, da cor que fose, concedese un anaco do seu tempo para baixar á area do debate.
Pola base do socialismo sempre criticaron con dureza a ausencia de Manuel Fraga dos debates. Tamén pola base, agora hai quen non entende por que Emilio Pérez Touriño evita o debate con Quintana e Feijoo. Touriño xa lidou con soltura e con éxito fronte a Núñez Feijoo no Parlamento, choques apenas difundidos en pequenas pílulas telexornálicas. A condición de presidente da Xunta, ofrécelle a Touriño de por si unha vantaxe aproveitábel fronte aos seus interlocutores. Erra en apuntarse ás prácticas fuxidías de Fraga.

Acción Nacionalista Vasca, ANV, acaba de recordar, unha vez máis, que nos seus estatutos condena explicitamente a violencia.
Paradoxalmente, nesta altura do despropósito que o PP axita e o PSOE renuncia a combater, seica xa non importa ese detalle vital. “Miren para aquí”, di o PP, “ANV é Batasuna”. Se tal estremo fose completamente certo, logo será á fin que Batasuna deu o paso e subliñou fronte á ETA que a violencia debe rematar para darlle paso unicamente á política.
Pero seica xa non importa, nos cenáculos madrileños xa xulgaron e sentenciaron. As concesións que o propio Arnaldo Otegi foi deixando no seu discurso nos últimos tempos, no canto de vérense coma o vaso medio cheo, como ingredientes para a paz, son sistematicamente desacreditados, o vaso medio baleiro.
Neste momento preciso, quen fai máis por afortalar a ETA é quen lle pon cancelas á evolución e a consolidación das alternativas políticas da esfera abertzale.

Así de primeiras, quédome cunhas cantas ideas:
-A altísima participación, un 85%!
-E os programas? Le Monde propuxo durante a primeira volta unha ferramenta que preguntaba sobre os programas e á fin do cuestionario dicíache “de que pé coxeas”. Por certo, a min saíronme tres: Ségolène Royal, José Bové e Marie-George Buffet.
-A dureza do discurso de Sarkozy, con ideas prestadas da estrema dereita. Serviulle para apañar cota abondo na saca de Jean Marie Le Pen. En Libération falaban da “OPA” de Sarkozy sobre Le Pen.
-A incapacidade do Partido Socialista francés para apostar pola unidade e centrar esforzos arredor de Royal mesmo nos momentos da precampaña en que as perspectivas parecían mellores para a candidata. O desafío ás xerarquías de Royal durante o proceso de primarias colleitou malos perdedores.
-O efecto Bayrou. Existe ese tal centro? En Le Monde opinan que esta segunda volta amosou unha clara volta á bipolarización, citan unha frase de Jacques Julliard: “O centro en Francia é imaxinario”. E onde non?
-”Os amigos americanos poden contar coa nosa amizade”. En noite de vitoria, era imprescindíbel que o discurso do vencedor incluíse esta específica mensaxe cara a Bush’s House.
-En Libération, Laurent Joffrin repróchalle ao PS a ausencia de reflexión sobre as novas políticas sociais e económicas necesarias neste tempo e a súa insuficiente apertura ás innovacións do altermundialismo. Na verdade, repróchallo á esquerda toda. El é optimista e prognostica que a “outra Francia” buscará compensación nas próximas lexislativas.
Aquel lema Non podemos conducir por ti formaba parte dunha campaña onde a Dirección Xeral de Tráfico manexou un orzamento de arredor de 16 millóns de euros. Prepotente coma sempre, o ex presidente Aznar frivoliza co alcohol e as estradas:

Irreverentes e ignotos recantos bloguesféricos cualifican de independentista este blog. Xa que logo, seica vai ser un bo día para mirar un chisco por esta eira e felicitar o partido gañador, o SNP.
Dixo o seu líder, o tal Alex Salmond, despois de coñecer que o seu partido saía vencedor das eleccións, que nunca máis en Escocia un partido vai pensar que ten “o dereito divino a gobernar”. Desas caídas de “divinos” poderes temos emocións recentes por aquí.
Pero en xeral, hai que felicitar un escenario onde políticos e cidadáns manexen con soltura o concepto de independencia con seriedade e argumentacións a favor ou en contra sen estridencias e cripantes anunciadores de apocalipses, tanques nas rúas e outros despropósitos.

Hai tempo que algúns predicadores de apocalipses avisaban contra perversas influencias sobre os cativos a través dos libros de texto. Advertían que os materiais escolares onde se destacaban contidos de carácter local en áreas como a xeografía ou a historia eran escuras ferramentas sementadoras de separatismos nas cabeciñas dos infelices raparigos. Algo desa polémica hai na paradoxal polémica do mandil.
Os receos e sospeitas sobre (more…)

…desde un blogue que non se actualiza desde 2006.

Continuando coa reflexión anterior, existen os galeguistas? Do paradoxal concepto de galeguismo que teñen algúns, logo de que Manuel Fraga pasase anos inventando a súa particular e imposible fórmula, un exemplo recente coa titiritada do candidato do PG na Coruña.
A outra marca presuntamente galeguista, Terra Galega, dera outro exemplo do mesmo hai semanas co candidato en Ourense renunciando a falar en galego na súa intervención.
“O nome de Galiza é Galiza: Galicia é a castelanización do topónimo Galiza”. Así o afirmaba hai dez anos Isaac Díaz Pardo na sala de chat de Vieiros. A pasada semana cumpriuse unha década daquela experiencia do vello galeguista a pé de computador.
Lembraba isto vendo a wikipedia estes días. Entre as ducias de conflitos que de cando en vez abrollan por aló, hai tempo que rifaban os wikipedistas sobre o topónimo do país. O debate entre Galiza e Galicia animou complicados diálogos nas corredoiras da enciclopedia libre, mentres o artigo quedaba pechado á edición.
Hai pouco topei co resultado, o apartado inicial titulado “El topónimo Galiza”. Supoño que era complicado para algunhas cabeciñas de alén do Padornelo conceder consensos sobre o asunto e que pola parte daquí loitaron por poñerlle sentidiño á cousa. Pero non me gusta moito a resolución, que inclúe entre outros as afirmacións seguintes ” (…) Galiza es el topónimo usado habitualmente por el Bloque Nacionalista Galego y el único que aparece en su propuesta de reforma del Estatuto). Galiza es también el topónimo único para Galicia para los reintegracionistas, una corriente lingüística e ideológica minoritaria”.
Cousa de prexuízos: Seica nalgunhas xeografías do país os que falan galego son do Bloque, seica agora os que usan a forma Galiza son tamén do Bloque. Con tanto prexuízo non se normaliza o país. Cumprían máis voces de galeguistas de ámbitos ideolóxicos diversos a facérense respetar e que, como Diaz Pardo, quen por certo acostuma integrar as listas do PSdeG, defendan estas cousas: En galego, “O nome de Galiza é Galiza”.
PD: Máis sobre o topónimo: En Chuza e Berridos do Sur. Tamén recomendable Breogania, a simpática brincadeira de Xaime.

“O seu éxito eleitoral, de facto, baseiase na crença, nada infrequente ainda hoje nas zonas rurais galegas, de que um homem con dinheiro é capaz de facer mais polo progresso da localidade”.
Moi recomendable a reportaxe, asinada por Raimundo Serantes, sobre o alcalde de Ortigueira e os seus negocios (non perdan a foto do muro da vivenda do rexedor, declarado como “tradicional” polo arquitecto municipal). No último número de Novas da Galiza.

Toda vez que se decide destacar para o primeiro plano das axendas o que non deixaba de ser un tema menor no conxunto dos debates acontecidos na pasada Asemblea do BNG, estaría ben que no momento en que se decide tratar ese tema e obviar outros, cando menos se tratase cunha certa seriedade e respeto.
Non se lles pide moito máis alén do Padornelo. A anécdota horaria dálles oportunidade para esquecer o debate e a reflexión e facer brincadeira gratuíta. Estaría ben que aproveitasen para facer análise e explicar o nacionalismo galego fóra de Galiza, pero non son bos tempos para explicar os nacionalismos periféricos na capital doutros nacionalismos. Mágoa que tamén pola nosa capital se presten a esas interpretacións.
Por sorte por aquí hai vida intelixente.
Máis sobre o asunto no fío de Chuza.

E falando de iLusionistas, Don Francisco Vázquez estivo este xoves nos micrófonos da Radio Galega, aínda que por momentos eu dubidei de se era el realmente ou o seu imitador.
Contou entre outras cousas que seica van moitos galegos por Roma, e que se achegan a visitalo, “non preguntan polo embaixador, preguntan polo alcalde”, presumiu o ex rexedor, “cántanme a rianxeira e o lalalá, algunha vez emocionáronme e case me fixeron chorar”, relatou.
“[Pregunta da locutora]: estáse mais cerca do ceo desde o vaticano? [Resposta] Sisisí (…)”

“Con eses espíritos e manifestacións Eisenheim deunos unha gran proba da inmortalidade da alma
O espírito foi confirmado diante do materialismo científico (…) O espiritualismo levará a humanidade a unha nova era de moralidade (…) un movemento revolucionario que converterá o imperio nunha república espiritual”
De relixión, amor e maxia. Estupenda película con Edward Norton e Paul Giamatti.

Xa por todas as xeografías onde se mirase tiñan o seu planiño, mellor ou peor, para estas leas da sociedade da información. Hai catro anos, e no medio das críticas á Xunta, que seica andaba a argallar un “Libro Branco da Sociedade da Información”, aínda que de costas aos sectores relacionados, o goberno Fraga delegou en Telefónica este traballo, malia ser operadora dominante e con evidentes intereses nese debate. Os millóns gastados naquel tempo deron nun texto insuficiente, pouco máis que unha tradución dos documentos que a operadora manexaba fóra daquí, e que segundo recoñeceron despois desde a propia Telefónica se fixo “sen pensar conscientemente en Galiza” e renunciando á oportunidade de abrilo á participación dos actores da sociedade da información galega.
Este mércores andivemos roendo no primeiro borrador do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, o PEGSI
Desta houbo un esforzo por pensar algo ambicioso e sistemático, desde Galiza e para Galiza. Iso si, hoxe falouse de moito, tanto do bo coma do non tan bo, e unha vez que se presente haberá que seguir facéndoo. Pero o avance é inmenso.

Un chisco ao norte, nos EUA, xa houbera hai tempo exemplo da renuncia a limpeza democrática, coa vitoria de Al Gore nas urnas, paradoxalmente reconvertida en inicio da era Bush junior.
En México, o bloqueo á realización dun reconto que aclarase as dúbidas razoábeis expostas sobre o proceso electoral recente, levou a este estremo a situación. Son lóxicas as sospeitas despois de que se o contorno do gañador oficial, Felipe Calderón, obstaculizou ese reconto que botase luz sobre o proceso, puidera ser porque existía a convicción de que o estreito resultado podería mudar radicalmente. Chama a atención que desde o exterior, a maioría de gobernos se desen tanta presa en recoñecer esa vitoria do candidato conservador.
Explícao mellor o editorial de La Jornada.
“Debe apuntarse, doutra banda, que o colapso da Cámara de Deputados non tería lugar se o ex candidato presidencial panista e o titular do Instituto Federal Electoral (IFE), Luís Carlos Ugalde, aceptasen realizar un reconto dos sufraxios emitidos na elección presidencial: teríase, agora, unha substitución presidencial tersa e institucional. Pero a negativa de ambos personaxes a verificar o resultado electoral fai pensar a moitos que Calderón non gañou nas urnas o triunfo que lle outorgaron o IFE e o Tribunal Electoral do Poder Xudicial”.
Día sen compras, ou para outra compra posíbel . Remata o día, pero segue a reflexión:

O sector conservador propoñía que “a unidade de España é un ben moral a protexer, incluso “un ben superior” sobre o que a Igrexa debera pronunciarse explicitamente. O vilalbés Rouco e o bispo Cañizares, desde o clan máis á dereita eran os valedores desa posición. Non falaremos da outra banda de sector progresista ningún, xa que é ben sabido que a progresía con sotana foi duramente combatida nas xerarquías católicas. Xa que logo, o sector moderado, criticaba que se tratase de combinar moralidad e territorio.
Na web da Conferencia Episcopal vemos en que deu a lea finalmente:
“(…) la unidad histórica y cultural de España puede ser manifestada y administrada de muy diferentes maneras. En esta cuestión la Iglesia se limita a recomendar a todos que piensen y actúen con la máxima responsabilidad y rectitud, respetando la verdad de los hechos y de la historia (…)”

Veño de facer visita ao Estado de Porto Claro, primeira micronación lusófona que, despois de dez anos de vida, decidiu disolverse hai cousa de tres anos, malia que a rede conserva os seus restos.
Aínda que a idea xa viña de antes da expansión internáutica, a brincadeira das micronacións ten escenario a xeito no planeta virtual, onde agroman un golpe delas. Entre as miñas preferidas está Ladonia, creada polo artista sueco Lars Vilks, logo de rifar coas autoridades locais, que consideraron que as esculturas que pola súa conta andaba montando a pé de costa podían ser consideradas unha “edificación” e por tanto, de acordo coa lei de protección de espazos protexidos, había que derrubalas… Xa ven que na cousa do feísmo son moi estritos os nórdicos e aplícanlle a peneira á propia arte. Aquí somos máis democráticos e de feísmo, durante moito tempo oficialmente promovido, válenos todo.
En Boing-Boing hai link a unha entrevista con Simon Sellars, autor do guieiro “Micronations”.

Visto no suplemento inaugural de El País, na entrevista de José Precedo ao alcalde de Ortigueira, Antonio Campo, lembren, aquel do vídeo con Pocholo e os billetes de 500 euros:
Pregunta: “O 27 de maio as eleccións municipais xulgarán a súa xestión, incluído o urbanismo. Volverá presentarse?”
Resposta: “Non creo que volva presentarme. A día de hoxe non o vexo. Neste concello hai piscina climatizada, zonas peonís, colexios e un festival folc que é unha referencia en todo o país. En Ortigueira está todo feito“.

Hernán Casciari, que demostrou exitosamente como unir literatura e weblogs, escribiu hai meses un magnífico relato, de borgiana inspiración, onde nos fala desas estrañas redes internáuticas: “Esas persoas, que se ignoran, están salvando o mundo”. A través de Jorge Cortell atopei no seu momento ese bonito relato de Casciari.
Lembreime del esta semana ao ler o estupendo artigo de Débora Campos en Grial, canto comeza contando (.pdf) deses blogueiros galegos no planeta: “hai menos dunha década ningún destes homes e mulleres se cruzaría na vida con toda seguranza. Porén, hoxe todos eles, e moitos máis, están tecendo o corpo dunha galeguidade que non sabe de fronteiras nin de kilómetros”.
“Non te podes facer rico traballando/ e o amor non dura para sempre/ tálanse vellos bosques para facer papel para o baño/e aínda así a miúdo non encontramos papel no baño/sempre perdemos con Suecia en hóquei e Eurovisión/…”
Do que se queixan os finlandeses: Laios, queixumes e desacougos. Arte-brincadeira de Tellervo Kalleinen e Oliver Kochta-Kalleinen.
En Stereogum pregúntanse que demo é o asunto da sauna, contéstalle un lector: “como os teléfonos móbiles a sauna é parte integral da cultura finlandesa. Isto só o proba outra vez”.

Respecto á miña propia intervención, resumo algúns dos puntos que toquei:

Sobre o foro Hai un galego na rede deste venres 17:
Excelente o repaso xeral da situación de internet en Galiza que fixo Marcus, de Código Cero. Gustoume especialmente unha idea:
“É como se alguén que está pasando fame chegan e dinlle: mañá convídote a unha mariscada: imos ver, primeiro será mellor que me dean algo de pan”.
Como subliñou Marcus, o esforzo necesario en Galiza, no contexto dunha lingua minorizada e co lastre da fenda dixital, “ten que ser aínda maior” que noutros lugares. Penso que expresou bastante ben a necesidade, nas súas palabras, de “facermos unha internet nosa”. Comentou tamén ao fío a iniciativa PuntoGal a necesidade desa marca de identidade, e engadindo con bo criterio que “a identidade non é suficiente”.
Javier Pedreira, Wicho, agasallounos cunha disección polo miúdo do que é ese punto de referencia na rede do que forma parte: Microsiervos. De feito, na propia bitácora inclúe unha guía do seu relatorio o venres en Compostela. Se cadra, eu destacaría dúas cousas, por menos coñecidas: a ferramenta de Conversación Distribuída e a importancia do efecto Larga Cola: “o triunfo das minorías”.
Manuel Bragado, Brétemas, “mestre blogueiro e creador de comunidade”, como o expresou María Yáñez, comenta tamén da súa exposición no seu propio blog. Eu destaco sobre todo unha das ideas que ofreceu: o concepto de “Informar para conversar” e “Informar para compartir”.
Da intervención de Xosé Manuel Lage, deputado do PSdeG e parlamentario galego pioneiro en saltar á bloguesfera, salientaría dúas cousas: unha, a oportunidade que afirmou ver na bitácora para enriquecer e discrepar sobre a liña ás veces demasiado estreita dos discursos oficiais dos partidos. Na mesma liña, paréceme que vai abrir outro bo camiño a imitar no seu prometido redeseño do blog para incluír tamén novas da súa propia actividade parlamentaria e as transcripcións das intervencións na Cámara. Mágoa que non sexa o propio Parlamento quen avance para ofrecerlles estas oportunidades a todos os deputados.

Probablemente o foro deste venres, será unha boa oportunidade para falarmos entre outros, dun suxerente debate xurdido nos últimos tempos sobre o blogomillo:
Nunha peneira rápida dalgunhas das cousas que se dixeron, atopei referencias nestes blogs, probablemente haxa máis:
Na Randeeira, din:
“En canto a Blogalego e Blogaliza, así como Chuza, si funcionan como elementos de cohesión de todo este novo mundo que deixou a teoría centrista para dispersarse e crear non un senón varios novos centros de referencia. Non teño ningún dato obxectivo para defender a miña tese pero estou convencido de que o blogomillo nunca tivo tan boa saúde”.
Martin Pawley, en Días Estranhos
“Todo depende da definición que deamos de “comunidade”: se pensamos nela como nun grupiño no que cada un coñece os teléfonos dos demais, ou se admitimos un significado algo máis aberto, sempre partindo da base de que é imposíbel facer un seguimento das dúas mil bitácoras que hai na nosa lingua (nin falta que fai, por outra parte)”
Manuel Bragado, fai referencia brevemente en Brétemas
Juan Varela, en Periodistas21
“Si el blogomillo ha muerto es señal de crecimiento, apertura, diversidad. ¿Cuándo ha habido más gente escribiendo en gallego habitualmente que ahora? (…) Bienvenido el Big Bang del Blogomillo original. Ahora la blogosfera gallega (escrita en gallego o no, desde Galicia o no) es más grande, más diversa. (…) Blogomillo pequeño. RIP. Benvidos a un gran blogomillo donde sexa máis importante a xente que o “sistema moi estruturado”
Pablo González, en Praza do Rei
“Galicia ten máis forza que calquera outro país neste Estado e o intento de definilo nunha blogosfera non deixa de limitalo. O límite, en Galicia, asfixia a creatividade, que nunca pode perder o caracter nacional por moita diáspora de fame e sangue a que lle obriguen”
Enrique Castro
“a blogosfera galega ( ou blogmillo como titula Vieiros) non só é, unha cousa identitaria, tamén é unha cousa territorialmente enclavada na Galicia ( ou Galiza) ou nas comunidades galegas no exterior”
Desvío dos debates, confusión de prioridades, encirrando gratis, respondéndose con maldade manifesta, finxidores, teatreiros e artificiais, vendidos ás súas propias inercias… Os políticos non ofrecen nos últimos tempos grandes exemplos de comportamento. Onte tiven a oportunidade de coñecer en Compostela a un labrego do Movemento sen Terra brasileiro e dicíame, sobre a decepción con Lula e a clase política en xeral que “podemos poñer a Xesucristo de presidente” que estará preso das mesmas inercias.
Ao fío, e subliñando as decepcións co escenario político, velaí unha recomenda vista no Apocalipse do Porco:
“Suponse que os políticos son unha xente escollida (entre outras cousas) para chegar a acordos e gobernar, non para andar berrando coma se estiveran rifando nun bar”.

Demoraron a súa comparecencia Touriño e Feijoo este mércores en Monte Pío, e cando ás tres horas xa se lles esperaba ver sair cun Estatuto do trinque e encadernado, sorprenderon cun siperonon, e secadraquensabeimosver.
O máis interesante é que ao tempo que poñen prazo deica xaneiro para termos un texto na mesa, deixan caer que xa acordaron que de non chegarse ao acordo comprométense a excluír o asunto da rifa electoral próxima, a municipal.
Será que o Estatuto non ten que ver logo co asunto municipal? Sobre un tema clave que custou poñer na axenda e insistirlle á xente na súa importancia, agora os partidos están dispostos a chimpalo fóra do debate?
Cando por unha parte insisten en que hai vontade de acordo e que en poucas semanas pode estar listo o documento, e pola outra fan plan para ese agoiro de adiamento… Todo cheira a que o acordo necesario e posible en Galiza vai quedar freado polas cancelas, permisos e selos imprescindíbeis que as direccións partidarias deben poñer en Madrid.
Cóntao ben Fernández Mallo sobre Feijoo: “semella disposto a vender o autogoberno do seu país por unha palmadiña de Acebes no palco do Real Madrid”. E dá pistas o de Solbes sobre os problemas de Touriño.

“Pinchazo no, fue un auténtico reventón, como el de Michael Schumacher cuando hace menos de un mes en Brasil forzó su bólido y apuró una frenada pensando que aún tenía una opción para la gloria en el Campeonato del Mundo de Fórmula 1 frente al español Fernando Alonso”.
Aidiormio. Hai quen non entendeu nada do que é Nunca Máis, nin do que supuxo no seu momento e do que representa aínda na sociedade galega.
E no fondo, o esforzo en desacreditar a Plataforma non fai máis que evidenciar o poder que Nunca Máis aínda ten. Era un día, outro máis, para a dignidade, e a dignidade non é cousa de cantidade. Non había que estar alí. Falamos da Plataforma que maior número e variedade de colectivos sociais e institucións sumou para unha reivindicación en Galiza. Algún lle retirou o apoio?
Nas Uvas na Solaina atopo referencia a un artigo de Miguel Anxo Fernán-Vello. Conta da visita dun tal Ernesto Ladrón de Guevara López de Arbina, entre outros méritos co-fundador do Foro de Ermua, quen en visita para conferenciar na Coruña afirmou que “No pasaría nada si el gallego se muere”. Un exemplo o deste Arbina moi na liña das argumentacións dos Ciutadans.
E malia todos os esforzos por sacar peito do presi e do vice-presi… Velaí unha enquisa urxente a pé de escola que fai Elianiha.

“No incidente da A9 entre Miño e Guísamo coincidiron tres circunstancias moi concretas: a celebración do Festival Celta de Ortigueira, masiva afluencia ás praias e a celebración da Feira Medieval de Betanzos”. Malia recoñecer esa situación, Fomento non prevé que no futuro e nas mesmas circunstancias se vaia levantar a peaxe para evitar as retencións de horas e as colas de até 10 km.
Así están as cousas nas autoestradas que o país regalou hai tempo.
Na liña do Bruce Tojeiro, os de Homo Zapping pegan forte con outra extraordinaria videobrincadeira: “The monarchy is like water….”
Lendo La Opinión, atopo referencia a un vídeo de Xoán Gato, impulsor de Terra Galega, zoupando no BNG. O vídeo é exemplo de como as forzas políticas máis pequechas están aproveitando mellor as novas tecnoloxías. Por certo, Terra Galega ten tamén blog desde hai tempo. Por outra parte, comentar que pouco favor lle fixo á imaxe que desde este partido tentan construír, que Xosé Luís Valcárcel, candidato por Ourense, renunciase a falar en galego na súa intervención.
Remexendo na web do equipo de deseño de Mario García, reparo especialmente nun texto que explica o traballo realizado para o xornal Folha de São Paulo, ao que se define como “o xornal do futuro”.
Citando unha publicación de 1918 di García que as noticias eran definidas como “algo que averigüei hoxe e do que non sabía onte”.
Na actualidade, segundo explica a continuación, a nova definición é: “Algo do que xa oíra onte e que hoxe entendo”.
Agora que está de actualidade que un micropartido improvisado conseguise cota electoral por terras catalás, non estaría de máis que o PP lle botase un ollo en serio ao que se move por terras coruñesas.
Os CORuñeses COn Buenos Argumentos, especulen como se discorre a marca dun partido, están amosando dinamismo na cousa do márketing e de paso, redescubrindo unha descoñecida hiperactividade política da que non dera mostras Fernando Rodríguez Corcoba cando lucía as cores do PP coruñés. E agora que os rebuldeiros mozos e mozas da telefonía desaparecen da escena publicitaria, velaí os mozos Corcoba ameazando o espazo ao que aspiraban os populares no posvazquismo.
Curiosa secuencia de feitos:
1.Homo Zapping fai unha xenial parodia da obsesión de El Mundo co 11M e a ETA
2.Soben captura dese anaco do programa ao Youtube e a brincadeira espállase moito máis aló do que chegara televisivamente.
3.Os mentideiros fanse eco do malestar do director de El Mundo con Antena 3 debido a ese sketch.
4.En Youtube o vídeo deixa de estar accesible, informando unha mensaxe de que debido a restricións cos dereitos de autor se retirou. Paradoxalmente só ese vídeo é inaccesible, podéndose visualizar os demais videos do mesmo programa, Homo Zapping, con outras brincadeiras.
5.O vídeo aparece noutras webs e portais, como Dalealplay.com.
6.O vídeo volve a estar accesible en Youtube.
Algún ou algunha amable internauta deixou ampliación sobre o futuro dos Bancos de Tempo en Galiza nun post anterior. Nunha berza tiña apuntada ligazón a unha entrevista en Consumer a Querubina Meroño, directora do Banco de Tempo de San Javier, en Murcia.
Velaí unha idea:
Pregúntanlle: “Son compatíbeis os Bancos de Tempo cos sistemas económicos tradicionais?”
Responde: “Hai que pensar que os negocios de tempo son algo complementario ao resto das economías, que non lles fai dano, senón que sucede o contrario: as persoas reaprenden a axudárense”.
En nota de prensa oficial, a Conferencia Episcopal desmentía en días pasados a veracidade da noticia que El País publicaba co seguinte titular: “O Vaticano apoia o proceso de paz logo da mediación do bispo Uriarte. O prelado actúa como interlocutor entre Roma e as partes implicadas”.
Os equilibrios políticos impídenlle seica ao Vaticano un propósito tan louvable como o apoio a un proceso de paz? Por eses mesmos días, o líder do PP, Mariano Rajoy, afirmaba diante da militancia que lle debía pedir a Zapatero que pare “ese proceso”. Evitou engadir “de paz”… Non queda bonito opoñerse á paz, aínda que a paz non estea de moda.

Non acabo de entender ben o que pide ese colectivo dos médicos galegos tan “representativo”, en canto a número, nin a boa acollida da proposta ¿Que invistan na Sanidade o orzamento da Cidade da Cultura? Isto non é como pedir que vaian para as escolas os cartos militares…
Nese caso, no fondo a petición é a propia redución dos gastos no ministerio de Defensa. Pero neste caso, e vistas as comparacións realizadas, estase pedindo logo que reduzan o orzamento da consellaría de Cultura para incrementar o da consellaría de Sanidade?
Anxo Quintana fixo foto en días pasados con Artur Mas. En mitin electoral. Ten sentido a sintonía BNG-CiU-PNV en certos actos especificamente pensados para turrar polos intereses comúns do Galeuscat (.pdf). Pero levar esa relación a plena campaña electoral…?
Se as circunstancias desen algún día nun hipotético pacto CiU-PSC, maioritariamente apoiado polos cataláns nas sondaxes e respecto a outras opcións, como xestionaría ese paradoxo o BNG nas autonómicas galegas, convidarían a Mas a apoiar a Quintana fronte ao PSdeG?
Din algúns dos rexedores dos concellos afectados polos asolagamentos destes días que seica a culpa é dos incendios do pasado mes de agosto. Doutra banda, di o alcalde de Ordes que “o feísmo é tanto culpa dos cidadáns como dos que teñen responsabilidades sobre urbanismo”… non vaia ser que alguén pense que el, que leva vinte anos no cargo, pode ser o máximo responsable.
No fondo das dúas argumentacións está a teima en non asumiren responsabilidades.
Acáelles ben nos dous casos o excelente artigo de Xabier Vázquez Pumariño:
“E é que a vila está nun país de nenos que non atenden nin entenden de responsabilidades que finalmente teñen que asumir o conxunto da sociedade”
Do paradoxo e da grandeza da Wikipedia dá conta o propio debate que se establece e as polémicas que acostuman a producirse sobre algunhas entradas. Por exemplo a guerra de Iraq é asunto de enfrontamento na Wikipedia, versión inglesa, onde a entrada que lle fai referencia está bloqueada á edición debido ás rifas dos internautas, que non se poñen de acordo na súa redacción. Malia que haxa quen queira quitarlle credibilidade ao proxecto co exemplo destas liortas, no fondo, o propio feito de que existan eses mecanismos de debate para a resolución das diferencias é un aval da súa rigorosidade.
Neste caso en concreto, o número de vítimas, as consecuencias e o futuro do conflito ou mesmo a pregunta “É isto unha guerra contra o terrorismo?” aparecen entre os temas a debate. Incluso a retirada das tropas españolas é asunto a debate, cun fío aberto sobre se debera facerse ou non mención ao tema.
Ao fío desas inercias que contribúen a recurtar liberdades, velaquí unha brincadeira dos Simpsons que comentan polas Américas sobre un capítulo en preparación para ser emitido no Halloween deles (Samaín noso): Os extraterrestres chegan a Springfield na busca de “armas de desintegración masiva”, na misión bautizada “Operación Ocupación Duradeira” que remata convertida nun lamazal. “Deberiades saudarnos como liberadores”, acúsalles aos springfieldianos un dos aliens… A que lembrará este discurso.
En todas as manifestacións pode haber quen vai con ánimo de rebentar o acto ou a quen o acto lle rebenta o ánimo e non é capaz de manter os modos. Vén a conto o asunto da recente protesta “sufrida” por Josep Piqué e Ángel Acebes, mediaticamente atribuída a “radicales independentistas”. Xosé Blanco vén de louvar na súa bitácora que Montilla “botou” do partido o responsábel local das Xuventudes Socialistas que seica estaba na tal manifestación. Non consta que o rapaz batera en ninguén, simplemente o delicto que o seu partido lle atribúe semella ser o de “estar” na manifestación. Tampouco consta que lle preguntaran ou investigaran se foi el un dos que ensaiaron algún garapaldo nas costas de Acebes ou Piqué. O seu (presunto) delito é simplemente “estar” nunha concentración de protesta cidadá. A lixeireza co que a executiva socialista aplica un recén inventado código de conducta non cheira a democrático proceder precisamente. Ao fío, paréceme recomendable o artigo de Xosé María Torres Bouza en Vieiros sobre psicoses e histerias.
Seica o Consello Económico e Social pediu a retirada da iniciativa sobre os bancos de tempo incluída no borrador da próxima lei galega de inserción laboral das mulleres. Non acabo de entender as razóns que expón a institución para opoñerse ao desenvolvemento deste novidoso concepto de solidariedade que se (more…)
Simpático artigo sobre o esperpento deputacional lugués escrito na edición de Lemos de La Voz por Francisco Ruiz. Esta mesma semana trouxo outras novidades sobre o desbalde dos cartos dos veciños.

Polo aquel de que a alguén que por aquí pase poida interesarlle verei de como subir ao Andaime a cavilación explicada esoutro día por terras do Porto: A política no blog: onde está o debate?, ao fío da blogopolítica galaica, ou cousa parecida…
A cota galega, ademais de Catuxa Seoane, que formaba parte da organización, estaba representada tamén por Lara Dopazo Ruibal e David Lombao Rodríguez, co traballo: A normalización lingüística do galego através dos blogs: O caso de Blogaliza, e Gerardo Uz, Jéssica Beiroa e Joám Evans, que enviaron a reflexión: Aplicações dos blogues na educação para o desenvolvimento.
Por outro lado, algunha recomenda traída: velaí un libro presentado no Encontro e descargábel de balde en internet:
Blogs e a Fragmentação do Espaço Público, de Catarina Rodriges. No mesmo Laboratório de Comunicação On-line da Universidade da Beira Interior poden baixarse tamén outras interesantes publicacións.

E que tal sería eso de estar de corresponsal nun planeta inventado? Velaí Adam Reuters, desde agora xornalista a tempo parcial en Second Life. Para cando unha edición local de Vieiros no Second Life? :b Os mundos virtuais non deixan de sorprender. SL, por certo, organizou hai tempo a primeira manifestación nun planeta virtual en protesta por asuntos xerados na propia comunidade. Visto no blog de Mark Wallace.

“Olá, Senhores, primeiramente gostaria de dar os parabéns pela ótima qualidade da revista e comunicar que como assinante estou muito satisfeito. Sou viciado em churrasco, gosto muito de novidades e graças à Manual do Churrasco conheci algumas casas do gênero divulgadas em suas páginas (…) Churrascos domésticos são ocasiões que servem para reunir os parentes mais próximos e os amigos mais íntimos para um bate papo sempre descontraído e sem compromisso. É hora de testar receitas e formas de assar”
Publicación de referencia. Lembren: con churrasco todos os días son santos

“Sociedade e valores” é o novo nas librarías de Manuel Fraga despois do seu anterior calote literario. De paso que presentaba a obra, o don Manuel tivo recados variados: chamou a “non disolver no botellón os valores da gran sociedade que foi capaz de producir o Quijote”, zoupou contra o proceso de paz, concedeu que o seu canón “aínda dispara, pero pouco”, cualificou de (more…)

.
.
.
.
.
.
.
.
En breves horas, o retorno á cousa da trécole xornalística e navegatora. Aí en letra pequena no cartaz pon “a stunning psychological thriller” postvacacional.
Este “glorioso” titular non o veño de inventare. A tal asociación non só existe baixo tal nome. Para máis “inri” o seu presidente é Alfonso Coronel de Palma, que coincide co novo gherifalte da Cadena Cope. Todos os camiños levan a Rome.
Dos seus estatutos: “A Asociación Católica de Propagandistas é unha comunidade eclesial católica, privada, apostólica, de seglares cunha preocupación específica pola mellora das institucións e
estruturas sociais, segundo as esixencias do Reino de Deus”.
Agora que o proceso aparece como á fin claramente irreversíbel, hai quen decide que xa que a paz chegará de todas formas, o mellor é envelenar o ambiente todo o posible.
Velaí María San Gil enlamando os titulares e sacando odiosas comparacións da xuntanza de Patxi López e Arnaldo Otegi.

O abuelete entrañable ese da foto vén de axitar os asentos no Parlamento Europeo, ese foro tradicional e presuntamente tan comedido e sutil nos discursos, defendendo o franquismo e dicindo que (more…)
Ás veces téñome preguntado se valen de algo realmente esas enquisas nas webs, moitas veces con opcións apenas con matices diferentes entre (more…)
“Compara noticias contrarias buscando obxectividade”. Velaí o utópico desafío que se propoñen desde o cabeceiro nesta web: El PAís-El Mundo.com. Alén das reviravoltas que poderiamos darlle ao distorsionado concepto de obxectividade, a proposta tén moita interese.
Por certo, hai pouco que vin unha nova publicidade televisiva do ABC, periódico ao que un leonado ex líder lle dicía aquilo de “o xornal que non pasa das tres letras”. Hai que louvalos por, despois de tanto tempo, facer publicidade para tratar de gañar lectores para un xornal sen vendernos calquera novo fascículo ou agasallo e apelando desta volta a outros valores posíbeis da prensa.
Doutra beira, contan en Periodistas21 da vitoria do diario nos xulgados sobre donFederico.
Hai pouco celebramos os vinte anos daquel mítico “sol de carallo” dos Resentidos. Hai tamén outros históricos temas do rock galaico chamados a recibir homenaxe algún aniversárico ano destes ou, en todo caso, como dicía o bravuístico lema: cando a situación o requira. Un deles é o “Tratorada dos Rastreros”. Ese acubillo de momentos que é o ioutube agasállanos cun videoclipe pouco difundido que aparecera naquel finado e recuperábel Clipmanía.
Por certo, velaí un golpe de referencias ao respecto: A música de resistencia e de acción na Galiza contemporánea, artigo de Olga Nogueira; un post de Ghanito en Apocalipse do Porco; e imprescindible: múseca, vidios, caralladas, “moito chun-chun e moito jao-jao” no bló de maiespace dos Rastreros (”xuntounos o demo cun anghazo!”)
Aquí este detalle que apañou o Berto do blogue de Iñaqui Anasagasti, lémbrame esta ioutubedice vista hai pouco. Van máis de vinte anos daquilo. Por certo, obsérvense as prácticas de “desprazamento da masa manifestante”.
Parei a ver a exposición en Fonseca, mentres nos auriculares aínda batían e rebatían no parlamentul dos madriles os señores deputados no debate sobre o estado de talicual.

Pode ser posíbel que unha palabra que na miña terra levo escoitando toda a vida non a coñeza nindior por estes pagos. Máis aínda, que non a coñeza nin o Google????

Na supresión da incomprensíbel peaxe que facía obstáculo no acceso a Vigo tén moito que ver o espectacular movemento cidadá artellado na comarca do Morrazo. O dinámico e imaxinativo comportamento que durante (more…)
Pola parte de Riazor xógase un partido interesante para o ano que vén e logo da despedida de don Paco. Entre os que desputan o trofeo estará Fernando Corcoba, en pública rifa co convalecente presidente do PP coruñés, o alcalde ferrolán Juncal. En internet xa abrollou un (more…)
Espectacular enxeño. Velaí a imaisdé galaica a pé de horta e sempre argallando. A banda sonora moi ao xeito tamén.

En ignota emisora dun radiodial de alén do Padornelo chégame eco de descoñecidos tertulianos. Na animada conversa e alertando sobre apocalípticos perigos da reescritura da historia que seica impulsan a través da (more…)
Escoitei de Montenegro por vez primeira aló en pretéritos tempos cando no medio daquel “Tartarín de Tarascón” de Daudet apareceu un tal príncipe Gregory de Montenegro ao que por máis ínfulas que o home se (more…)

Sorprende un chisco a tan traída mención da suposta espectacularidade da operación policial da pasada semana nas dependencias da deputación luguesa. Aínda non topei quen me explicase ben a que se debe tal prevención… Botaron foguetes de (more…)

Coma elefante entre cachifallada entrou este xoves a policía na maior empresa da provincia de Lugo, póñanlle todas as (more…)

Non nos imos sorprender porque en insólitos planetas, caso do bautizado Hazteoir.org, decidan interpretar que un centro de asesoramento afectivo-sexual promovido por unha administración sexa en realidade un plan co que “O BNG lle imporá a súa visión do sexo aos mozos galegos con diñeiro público”. Pero máis decepcionante, aínda que non por (more…)

“Y por último, mencionar el desarrollo de un Plan Director del Golf de Galicia”. Velaí, literal, o último apunte de don Manuel no capítulo que pecha as súas recentes memorias, xusto antes do post-scriptum. O que nos chegaba como anuncio de reflexións centradas na súa acción de goberno durante os últimos dezaseis anos lembra moito en realidade a eses documentos que o PPdeG veu manexando no márketing da última carreira electoral facendo resumo deses anos. Logo de reconto de pavillóns polideportivos e ambulatorios, Fraga remata balanzo coa mención aos campos de golf con 18 buracos.

A “Goat Operation” desenvolvida pola parte de Belesar en días pasados non deu aínda resultado. E o atrevido animal colleulle gusto a esquilmar as viñas do lugar. Peina barbas menos longas que as de Ben Laden pero en Chantada é a máis buscada. A colleita 2006 en perigo.
Na prensa local a crónica.

“O paro e a precariedade laboral xeran ansiedade e angustia en moitas persoas e familias. Lograr o pleno emprego e animar a actividade económica creando as condicións que conducirán a oportunidades axeitadas de emprego, seguen sendo un obxetivo clave”. Estas palabriñas non son obra de Xan María Castro, Suso Seixo ou Xosé Antonio Gómez, nin de ningún outro voceiro sindical. Sorprendeunos (more…)

A entrevistadora oficial de Manuel Fraga para El País, María Antonia Iglesias, pon a proba outra vez a paciencia do senador. Mágoa que, unha vez máis, non poida ser Xosé Hermida o encargado de facerlle as preguntas ao agora ex presidente.
Entre as cuestións que máis me chamaron a atención (more…)
No país onde vivimos pasan estas cousas. O Prestige da desmemoria e a indiferencia que asolaga as cabeciñas é peor que os chapapotes accidentais dos petroleiros. En Augas abaixo, fala Xermán do abandono do legado de Man, o alemán de Camelle, espazo que paradoxalmente destacan na web do concello de Camariñas entre os lugares de interese turístico. O interese turístico é unha desvalorizada etiqueta para o patrimonio na nosa terra, que non impide a carta branca para escarallalo con permiso da preguiceira apatía dos cidadáns.

Á beira de taberna futboleira (o Barça.cat vaise a París) sorpréndome con noticia dun suceso acontecido en Balaídos hai xa tempo que non teño noticia de que trascendera. Resposta dun xogador do Celta a pé de campo a un xornalista da Radio Galega: “Háblame en castellano, cabrón”.
O xornalista era Pedro Pablo Alonso, que sabe de fútbol, de latín e de diplomacias, e que no canto de quitarlle o micrófono dos fuciños tivo a deferencia de repetirlle a pregunta ao monolingüe futbolista en castelán.
O partido era o Celta-Athletic de Bilbao e o futbolista era o valenciano José Enrique.
Miro no foro do Celta, onde parece que ou non se sabe do asunto ou non merece comentario. De momento o que si é tema é o seu baixo rendemento no Celta.
Falaron do conto en Delcelta e comentárono nos foros de DeporteRei.
No blogue de obrigada visita para fuboleiros, a bitácora non oficial de Galicia en Goles: Reboreda.blogspot.com, contan de moito máis que fútbole, coma hai pouco dando conta do 50 aniversario do Clube Ciclista Padronés, terra de vizosa canteira ciclista. Na mesma semana que sabemos que a ilusión ciclista colle forma no primeiro equipo profesional galego!
Unha recomenda: OurenseBlog, con interesante reportaxe fotográfica e sección “Cabezadas e Baltaralladas”

(Dun relato de Isaac Asimov)
-Pero se teñen enerxía termonuclear, onde realizan as probas e as explosións?
-No seu propio planeta, señor.
Aron ergueuse nos seus seis metros de estatura e tronou:
-No seu propio planeta??
-Si, señor.
-Con xesto pausado, Naron sacou a pruma e riscou a última anotación no libro pequeno. Era un feito sen precedentes; pero é que Naron era moi sabio e capaz de ver o inevitábel coma ninguén na galaxia.
-Burros estúpidos!
Vén a conto este anaco dun relato de Asimov polo recente aniversario da catástrofe de Chornóbil, o día aquel de hai vinte anos onde o mundo sentiu a nube radiativa ameazando as cabeciñas.
Ao fío, comento o caso de Amchitka, en Alaska, onde a indiferencia, ocultamento e desmentidos seguen sendo a práctica do goberno estadounidense fronte ás consecuencias sufridas polo lugar que acolleu as maiores explosións nucleares provocadas polo exército dos EUA hai corenta anos e que causou ducias de pouco coñecidas e documentadas mortes por cancros froito daqueles experimentos. Eran tempos de guerra fría, e ademais de buscar zonas afastadas dos núcleos máis grandes de poboación, os estadounidenses tamén querían sacar peito diante dos veciños rusos, a un chimpo da costa de Alaska.
Sobre a operación Cannikin, na illa Amchitka, conta Shora no seu blogue onde ademais pode verse un espectacular e desacougante vídeo.

“Son moi optimista. Considero que en anos chegarán outras conquistas, artelladas arredor da convicción de que é necesario máis protagonismo para os traballadores nos ámbitos do poder. Porque as revolucións sempre son lentas e agora máis. Pero non son pesimista. Fomos derrotados nese camiño, pero daquela puidemos ir máis alá, cara a unha democracia máis directa”.
Hai dous anos, dicía Otelo Saraiva

Non sei se adicarlle unha sección específica ou montar un blog especialmente adicado, pero recunco na obsesión: o coñecido humorista Federico Jiménez Losantos deixa a COPE. Xa tardaba. Aparte da súa teima en hiperpublicitar o seu diario dixital a través dos seus programas radiofónicos e de manter proxectos mediáticos alternativos, mesmo foi quen de obviar informativamente a chamada ao optimismo ao fío do proceso de paz en Euscadi que realizara despois do cesamento de fogo da ETA o presidente da Conferencia Episcopal, presunto xefe seu, monseñor Ricardo Blázquez.
Conta Iñaqui Anasagasti no seu blogue que Losantos marcha para Intereconomía.
A ausencia este luns de varios dos colectivos convidados a opinar no Parlamento sobre a reforma estatutaria é exemplo da precipitación coa que se lles chamou a participar no proceso. Se realmente os grupos parlamentarios teñen en estima as achegas que as asociacións cidadás poidan facer neste camiño ao novo Estatuto deberan ter coidado máis estes primeiros pasos. O propio conflito pola carta de convite que o PPdeG lle enviou a título propio aos colectivos é exemplo da descoordinación. A xornada do xoves pasado foi exemplo das boas oportunidades que abre esta iniciativa de apertura da cámara á sociedade. Agardemos que mellore o escenario…
“E ti que crías na República, na forza da democracia en todas as andrómenas políticas. Ti que pensabas que podías parar a historia con palabras, que podías deter a chegada do futuro (…) mereces morrer de mala morte, por crer nos demais, por crer nas palabras, nas palabras da xente, nas túas”.
Velaí un anaco do presentado coma monólogo dun home, un “verdugo”, con “arrepiante” biografía, que vai facendo relato nunha cama de hospital a pé do Nano, mítico personaxe creado polo Suso de Toro.
Onte apañei en Follas novas un “avance editorial”. Apenas trece páxinas, pero que prometen moito. Xa me tarda ter o libro nas mans.

E como acabaría o conto de Navia de Suarna? Os pescantís da vila, será que anda pouca troita polo lugar, organizaron festa para o venres santo: churrascada. E xa se armou adecristo coas beatas do lugare e a teima do xexún carnívoro.
Que pasen estas cousas aquí, onde “o porco salvou máis vidas cá penicilina” (PD: velaquí outro xornalista no blogomillo, O Rabudo: non perdere a colección de entrevistas!)
“Churrasco (pronounced shoo-RAS-koo) or Brazilian barbecue was the traditional staple food of the gaúchos or cowboys of Southern Brazil for centuries before it spread to Rio de Janeiro and São Paulo. It has become very fashionable and there are excellent churrascarias”
Casualidades da vida, a mesma semana que veño de repetire con Fahrenheit, entérome disto.
Hai anos, pola miña terra foran pioneiros coa creación da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O consenso nas louvanzas e o éxito de participación daquel evento non foi obstáculo para que a sombra escura que senta o cu na Casa do Concello decidise tumbalo. Para merendas e cementos pre-electorais non se escatiman orzamentos. Será que os libros non dan votos, será que ler ameaza algúns votos.
Veño de estrear conta e enviarlle un par de destaques para o Chuza. Chúzalle aí!!
Que non escape a troita
Pola parte de Ourense encheron de troitas as piscinas de Oira en beneficio das dúas ducias de cativos que participan no curso de iniciación a pescantíns. Mellor só se pillan no prato.
CSI Vaticano e milagres na área metropolitana
A curación dun moañés ferido nun accidente de traballo e unha vella de Baiona á que lle curou un brazo despois de 34 anos sonlle atribuídas a un crego e a unha monxa, finados xa. O Vaticano investiga.

Aínda facendo horas extras e con estímulo de soldada revisada, non sei eu se as presas que os nosos deputados prognostican de aprobación estatutaria entrespatadas serán abondo para aquelar un texto con todo o sentidiño que se lle espera a tal documento.
Hai nada estaban rifando aínda sobre o modelo de traballo e case que dunha semana para outra convidaran a ducias de colectivos a comparecer diante da comisión. Comentouno Isaac Díaz Pardo no inicio da súa intervención deste xoves, “o prazo foi moi curto”.
A riqueza das intervencións foi moita e apuntáronse datos importantes sobre o modelo de desenvolvemento posíbel para o país e as prácticas políticas concretas que poden axudar a definilo. Queda por ver como iso se vai trasladar cara a fóra a unha sociedade á que coma dicían algúns “non lle interesa nada iso do Estatuto”. Optimismo? Non sei, alguén falou antes de Schopenhauer?

Clarisse: “E dígame, por que queiman libros?”
Montag: “Que?, é un traballo coma calquera outro, e ademais, de moita variedade, este luns queimamos Miller, o martes Tolstoi, o mércores Walt Whitman, o venres Faulkner, e o sábado e o domingo Schopenhauer e Sartre”.
Non lembro se no libro o personaxe ilustraba o seu laboro cos mesmos libros ou isto foi achega de Truffaut, ao xeito das escenas nas que a cámara identifica determinadas e coñecidas obras. Se o pecador/a a quen llo prestei e de quen non me acordo lee estas liñas…

Antes de pasarse á sombra escura, como pode verse á beira en starwarsica referencia, Ratzinger tiña un amiguito que quedou no lado bo delafuerza: Leonardo Boff. Mentres o Papa alemán matina en restrictivos catecismos e levita en nubes de revesgada disquisición teolóxica, o vello franciscano brasileiro, referencia da teoloxía da liberación, anda a pé dos veciños do mundo e ademais de servir de azoute para as burocracias vaticanas mesmo teoriza da gripe aviaria apuntando alternativas conspiratorias:
“Hoje é sabido: a origem da gripe não provém de galinhas criadas ao ar livre mas das práticas avícolas industriais e pela utilização de subprodutos da criação avícola como ração industrial. A Fundação BirdLife demonstrou que o padrão de focos da gripe segue as rotas das estradas e das vias férreas e não as rotas dos vôos de aves migratórias. A gripe é consequência do manejo cruel que nós seres humanos temos feito com as galinhas confinadas. Ai está o nicho de reprodução do virus. É uma doença sistêmica. Ela demanda uma forma de relação com os seres vivos que não implique crueldade mas racionalidade e compaixão”.

Falando de lambada. Hoxe botáronse unha peza no Parlamento.
Touriñice: “Vostede é coma o mal neto, aquel que estragou o patrimonio do avó e agora vén reclamando a herdanza. Pagará moitos anos de penitencia na oposición”
Feijolice: “Vostede vai pasar á historia coma o presidente de Galiza que deixa unha débeda contraída para os nosos netos. Cando usté cumpra cen anos os galegos aínda seguirán pagando a súa irresponsabilidade”.

Reviravoltas da actualidade, mira por onde sabemos agora que a música de elbaileprohibido non era invento saído das calores brasileiras senón dos cordais bolivianos.
Velaí os plaxiados: Los Kjarkas.
E os plaxiadores

Nenos e maiores, todos queren ser Evo.
O home que dixo aquilo de “queremos socios, non patróns”, cuestión que por certo debeulle facer tremer as canelas a algúns benládicos dos que se falaba na mensaxe anterior, vai ser tema central dun filme.
Xa lle teñen título, “Buscando a cruz do sur”.
O autor do proxecto conta que a chegada á presidencia de Morales e un dos tres grandes acontecementos da historia da Bolivia. Os outros dous son: a clasificación para o Mundial fuboleiro en 1993 e o pleito que lle gañou un grupo local aos brasileiros que les fixeran plaxio da lambada.
Por certo, o casting, que cavilaban facer a través dun realitichou, inclúe personaxe para o Evo neno, Evo sindicalista, Evo líder de multitudes e mesmo Evo músico.

A este anaco de papel chámanlle así: Ben Laden. Polo difícil de atopalo, seica. Eu desa cor só os vin no monopoli. Paradoxalmente, os números din que a maioría dos billetes que andan por aí adiante son de 500 euros, seis de cada dez e moitísimos máis que os de cinco euros, máis probábeis de atopar no peto de calquera xentiña de ben. Din que isto non é así por outros lugares da UE, onde o carto negro se move menos, que por aquí hai moito quen leva a calderilla en millóns.
Tiveron que pasar trinta anos do parche aquel da transición pra que por fin se faga algo serio en favor da memoria e da dignidade: as vítimas, os nomes, as voces e os lugares.
Polo correo chega unha marabilla de texto de Eduardo Galeano: “moito custou, pero estamos comezando o duro e necesario recorrido da liberación da memoria nun país que semellaba condenado a pena de amnesia perpetua”.
Fala Galeano de Uruguai e do Día do Liberado, pero as súas palabras son universais, tamén estoutras: “o mundo está sufrindo un alarmante desprestixio da dignidade. Os indignos, que son os que no mundo mandan, din que os indignados somos prehistóricos, nostalxiosos, románticos, negadores da realidade”.
Sobre o riso e a resinación que por aquí se comentaba hai uns días contan máis nun mentideiro internáutico.
Pola bloguesfera ourensá, dou con este impresionante documento fotográfico, do que xa vira un anaco no blogue baltariano. Nunha ollada rápida vin que non lles merecera preocupación pola rede rajoyana.
Eu, que son un optimista, máis que hipocrisía o que vexo é un evento moi pedagóxico para axudar a que os populares de por acá se afasten un chisco desoutra culimaña de por alá.
Cando escoito falar de “regulación de emprego” ou algún deses outros eufemismos que os grandes xigantes empresariais usan para escatimarlle uns euros aos seus empregados ou simplemente despedilos, lémbrome de datos coma os que este luns recolle Expansión sobre o salario dos directivos: o soldo conxunto dos executivos de 24 empresas tiradas do Ibex 35 suma algo máis de 199 millóns de euros.
Afórrolles os cálculos: son un total de 345 paisanos con maletín, polo que saen a repartir por riba de 576 mil euros por corbata e ano, o que arrimándolle outra división fai máis de 48 mil euros ao mes. E aqueloutrándolle aí unha multiplicación, fan unha media de oito millóns das vellas pesetas o que vai para a saca de cada un deles cada mes.
“Cando estea en pleno funcionamento a Televisión Dixital Terrestre todos os períodicos importantes van ter unha televisión de referencia”, tranquilizoulle Zapatero ao director de El Mundo na primeira parte da pedrojotiana entrevista que o xornal publicou o domingo.
O sorprendente é que estas herbas da converxencia nas que vivimos permitan que hoxe en día se poida dicir tal cousa con esa tranquilidade, coma se fose algo bo… e despois fachendear de que se defende a pluralidade informativa.
Para non perder, a análise de Periodistas21 ao respecto.
Alén do Miño contan que o blogue Abrupto vai publicar uns anacos do próximo libro de Agustina Bessa-Luís, “Fama e Segredo na História de Portugal”, iniciativa inédita en Portugal. Da beira galega penso que foran pioneiros aló pola parte de Vigo co Oeste de Manuel Rivas.
Sorprende que as editoriais non experimentasen máis con esta posibilidade publicitaria. Se cadra é que con tanto tempo espantando medos, e vendo presuntas ameazas da internete ao papel non hai tempo de cavilar nos beneficios. Claro que se cadra a cousa é que os escritores se resisten a estas iniciativas. Quen sabe, na cousa da pesca hai quen tenta o de pescar sen cebo e mesmo quen vai ao río sen cana. Pero iso é na pesca claro, que non é unha cousa seria…
Buscando ligazón para a mensaxe anterior, velaí, no “corazón de Galiza”, unha xeitosa web que veño de atopare.
Mágoa que estes acontecementos non merezan a portada de ningún xornal. Na ribeira chantadina xa hai días que agroman as flores nas cerdeiras. Daquí nun mes, enchenta segura.
Cando penso no que a cereixa representou noutros tempos por estes lugares dáme aínda máis envexa viaxar por outros paraísos da cerdeira. Por certo, algún ano destes pretendo coincidir con esta festa.
A ela teríalle gustado que se falase dela nestes días. Ás portas dos cen anos, este sábado teriamos celebrado o seu cumpreanos, con tarta de fresa como a ela lle gustaba. A pé dela todos che eramos aínda crentes, até os máis descridos. Hai tempo e por reviravolta académica atopeime escribindo dela, gustaríame atopar aquel texto perdido e repasalo coma lembranza e terapia para cubrir a ausencia. Se cadra habíame reconfortar e darme o consolo que non me deu toda esa serodia burocracia de hai dez días, cando nos deixou. O prego posíbel comezaba falando da “seiva que vén polo aire que nos dá de vivir, co recendo dos merodos que trae a avoa no berce dunha folla de figueira” e remataba cun aquel da busca de “algo que habemos de ter nós para dar, algún rebouxo de pan ou unha presa de laranxas polo Nadal, que nos faga mellores”.
… foi a cara que se lles quedou aos xornalistas da TVG que entrevistaron este luns á ministra de Fomento, cando logo dalgunhas preguntas complicadas para a señora Magdalena, que esta esquivou con argumentos coma “os de Andalucía tamén din que gastamos máis en Galiza” ou “vostede o que quere é picarme un pouco con iso”, debeu decidir que non se estaba falando do que realmente ela fora a falar á televisión pública galega, tv amiga?, e tirou dos folios que tiña por riba da mesa para facer un monólogo de cinco minutos sobre o plan de salvamento marítimo, rolda de prensa anticipada…
Na memoria está aquel episodio da ministra na TVE Galicia.
Un día de hai un par de anos un amigo cubano chegaba á casa enzucado polo panfleto que viñan de darlle na rúa para a convocatoria dunha concentración en apoio do goberno da revolución cubana e contra o embargo dos EUA . Laiábase de que a convocatoria non fose en favor do pobo cubano, que á fin, dicíame, é o que de verdade sofre, e ten por riba o pé tanto do goberno estadounidense coma do cubano.
Lembro cando noutra ocasión lle amosei a miña sorpresa e a miña prevención porque a revista que me traía, con artigos de xornalistas cubanos independentes, semellaba estar financiada publicitariamente, por entidades coma a Fundación FAES ou o xornal ultraconservador Libertad Digital…
É curioso que o apoio aos disidentes do poder cubano veña principalmente desa beira ideolóxica. Algo terá que ver tamén a idealización do que no seu momento significou a loita duns barbudos a prol da liberdade pero que logo se converteu noutra cousa e que está impedindo ver o sufrimento do pobo cubano e contribuíndo a que a esquerda occidental estea perdendo o contacto coa realidade dese pobo. Cando a ditadura esmorecente remate, a oportunidade para que os vimbios sociais que existen viren nunha democracia respetuosa coas liberdades pode quedar perturbada e socialmente eivada por esa posición de privilexio que a dereita europea e estadounidense está gañando a golpe de talonario.
En Cuba hai fame de liberdade.
Que me desculpen o federiquismo. Debe ser que algo me remoe logo de ler “A condición postmoderna”, de Jean-François Lyotard. O caso é que me estiveron contando que un dos pioneiros na difusión deste autor polas españas foi un tal Federico jiménez Losantos. Eran outros tempos, claro, eran os anos 70 e o tal Fede andaba cambaleando intelectualmente entre o marxismo e o anarquismo e colaborando en revistas coma El Viejo Topo (que nestes dousmiles ten coma colaborador destacado a Jorge Verstrynge (reviravoltas da vida, o ex delfín de Fraga xa ergueu o puño para cantar a Internacional nalgún acto do PC).
Agoiráballe hai pouco a don Fe-derico unha próxima volta ao pontificado televisivo (na memoria está aquela orixinal sección do “cara a cara” que Tele 5 improvisara con Losantos-Carnicero a cada lado da mesa). Xustamente, a recente ampliación de capital da empresa está especialmente pensada para o lanzamento do proxecto audiovisual de Libertad Digital, que coa inestimábel beizón das licenzas que tan xenerosamente lle veñen concedendo algúns gobernos autonómicos semella ir por bo camiño.
Por certo, un ollo ás contas da empresa dá boa idea do ben que evolúe economicamente e en tempo récord o diario convertido en referente da dereita española. Un repaso rápido da portada amosa que contan con bos amigos, ou cando menos, cos amigos que teñen os petos máis cheos: son habituais os pegotes publicitarios dalgunhas das empresas máis fortes do Estado, mesmo dalgunhas que se deixan ver máis escasamente noutros diarios de referencia.
Coa inxección económica dos máis poderosos non é de estranar o despregue de medios e seccións e o espectacular crecemento do portal en tan pouco tempo. Mesmo para adicarlle tan detallados esforzos investigadores ao bautizado showroom de De la Vega.
Cómpre facer unha precisión sobre o anterior: O de Francisco Vázquez, máis que fracaso foi desinterés, o hiperlocalismo vazquiano non tivo miras para estimular o debate sobre a área metropolitana coruñesa. A escasa ambición para turrar do Consorcio das Mariñas dá boa conta do freo para ese proxecto.
A área metropolitana de Vázquez ía pouco máis aló de María Pita, e da Ponte da Pasaxe non tiña moita vocación de pasar.
Editorializaba un xornal coruñés, ao respecto do adiamento do proceso para a área metropolitana viguesa, que Vigo e A Coruña teñen que “camiñar xuntas nese proceso” asumindo a súa condición de “locomotoras” que arrastran a Galiza e deixando de lado rivalidades máis propias dos campos de fútbol.
Alén desa condición de motores dos dous eixos da autoestrada atlántica, non vexo a necesidade de cinguir os proxectos clave das dúas cidades a presuntas necesidades de simetría. Se do lado vigués viñeran facendo os deberes máis cumpridamente e avanzaran abondo na definición do que debera ser a área metropolitana, non debera haber cancelas oficiais para acomodar esa arela aos tempos perdidos no contorno coruñés, onde don Francisco Vázquez fracasou reiteradamente, no liderado dun modelo coruñés de área metropolitana.
Da parte de Vigo apúntanme outra teoría ao respecto do que aconteceu en días pasados e que seica insinuou o diario Atlántico: unha operación de márketing á medida de Abel Caballero, a quen lle brindasen a oportunidade de sacar peito diante do conselleiro Romeu pedíndolle que retirase a súa proposta, axudando a empurralo na probábel candidatura á alcaldía. Improbábel estremo toda vez que quen máis semella terse beneficiado publicitariamente é Corina Porro.
Acórdome do personaxe que hai poucos días dixo aquilo de que “o disparate da búsqueda da paz desmoraliza aos empresarios”: José María Cuevas. Non moi lonxe dese despropósito está a primeira valoración que nos chega desde a Asociación de Vítimas do Terrorismo. Nótese o desvarío desta cambeleira de palabras do seu comunicado: “El objetivo del citado alto el fuego no busca en ningún caso la mal llamada “paz” a la que hacen referencia, sino tan solo el chantaje al Estado de Derecho”. O texto remata cunha engádega a pé desa nota que con título “Las sombras del 11-M”, trata unha vez máis de insinuar o presunto vencello da ETA con aqueles atentados.
Hai a quen a quen a ideoloxía non lles permite ver a oportunidade para a paz.
Sobre o belixerante e pouco responsábel papel que xoga este colectivo en presunta defensa das vítimas do terrorismo recomendo un recente artigo de Javier Ortiz moi ao xeito.
Un aspecto interesante das reaccións políticas á tregua da ETA é o feito de que nos discursos dos partidos albíscase que en boa medida responden a estratexias xa deseñadas diante da inminencia deste escenario.
A xeito de anécdota, Zapatero falou dun camiño “difícil, duro e longo”. Non hai moito que o presidente do goberno español usaba os mesmos adxetivos pero noutra orde, un camiño “longo, duro e difícil”. O seu discurso deste mércores no Congreso e á saída da sesión de control non semella moi diferente ao que se viña insinuando.
No mesmo sentido, Mariano Rajoy, nunha revisión da estratexia do escepticismo que Mayor Oreja fabricara para o PP, cambiou aquel “tregua trampa” por estoutra definición de “é unha pausa, non unha tregua”. A belixerancia da súa primeira intervención este mércores non amosaba moi boa disposición para a renuncia dese discurso da crispación co que o PP
conta encher a saca de votos. Afrouxou un chisco Rajoy na súa intervención parlamentaria da tarde, pero non deixou de amosar unha postura irresponsábel diante do novo escenario que se abre, máis aínda se pensamos que con media lexislatura andada puidese darse o estremo de que lle tocase apandar no goberno con parte dun proceso que non se prevé rápido.
Fronte a esa intervención, máis significativa resulta a que a continuación tivo Zapatero, cun importante exercicio de diplomacia no que evitaba calquera resposta ás insinuacións acusatorias de Rajoy e chamaba ao PP a colaborar co goberno no camiño que agora se abre. Por certo, sorprendeu o presidente do Congreso, Manuel Marín, que nunha incomprensíbel e estricta decisión lle pechou o micrófono a ZP nun momento clave do discurso, que de seguro, a todos os grupos parlamentarios lles tivese gustado escoitar.
Andan ás carreiras cos antidisturbios os mozos franceses para tratar de botarlle abaixo a Villepin o contrato co que o goberno quere precarizarlles a vida un pouco máis. O despido libre nos dous primeiros anos é a medida que máis trascendeu. Coincide o asunto por estes pagos con outro tipo de mobilizacións máis botellónicas. Curioso é que ao fío da actualidade francesa non se fale moito por aquí da mesa de diálogo aberta entre goberno, sindicatos e empresarios, onde seica unha medida similar, pero que amplía ese despido libre até os catro primeiros anos de contrato, estivo ou está na mesa de traballo.
En tempo de referedums pluses e kelinfinderes, non che me estranou oir dunha campaña con tan recurtado nome coma “A precariedade é unha m.”. Aínda que houbo algunhas xeografías onde preferiron outro tipo de lemas: “Que ninguén che engane, traballa polo xusto”. Máis atrevido e escatolóxico é o videoxogo que inventaron sobre o asunto: o Space Precariers, mozos reconvertidos a ratos escapando dos cagallóns que lle adican un aquel de arácnidos empresarios desde o teito.
Humor ou humores aparte, mesmo a precaria escaseza de metros cadrados onde se remexe a mocidade xa é asunto de riso. Hai quen xa atopou definición ao xeito: JASC
-”…que deporte practicas?”
-”dominó e algún ataque de ansiedade de cando en vez”
Á fin puiden ver o final deste filme. Préstame comprobar que no particular blogómetro cinematográfico galego está ben considerado. E coincídolle aí co destaque para Rhada Mitchell.
E de paso aproveito para mirarlle se o oráculo segue fino no cruce de cinéfilos datos. Sempre me sorprende o xogo este. Velaí unha das probas:
Evaristo Calvo was in Finisterre, donde termina el mundo (1998) with Geraldine Chaplin
Geraldine Chaplin was in Moderns, The (1988) with Wallace Shawn
Wallace Shawn was in Melinda and Melinda (2004) with Radha Mitchell
Fóra do ecosistema laboral non teño agora as cifras precisas, pero lembro que indicadores recentes apuntaban que o cambio no executivo autonómico trouxo o impulso dunha revitalización na consideración que aos cidadáns galegos lles merecen tanto o seu goberno coma a institución parlamentaria. As sondaxes amosarían así un inédito grao de ilusión e un importante depósito de confianza no que de si poida dar o novo curso político. Desde o bipartito, e moi especialmente a nivel dos grupos parlamentarios, veñen teimando en destacar o punto de inflexión que para o Parlamento supón esta etapa política.
Malia esa encomenda con apoio extra que os cidadáns lle concederon aos seus deputados, estes veñen de pagarlles cun innecesario pau. Falo do caso da suba de soldos que se autoaprobaron as súas señorías. Mal idea escolleron para este inicio de lexislatura, con ningunha lei aínda aprobada.
Está o tema da xustificación de que no fondo seica é unha reforma que axudará a axustar máis os salarios, evitar mañas de deputados pillabáns ou poñer transparencia no cobro dos parlamentarios.
Nese caso o proceder no asunto amosa unha estratexia aínda peor: dunha banda faise en case secreto, renunciando a dar polo miúdo esas explicacións, e da outra é unha renuncia á pedagoxía política que tanto compre neste país.
Chégame nova da publicación do informe 2006 do Project for Excellence in Journalism, do prestixioso grupo de investigación a pé da Columbia University. Nunha primeira e rápida ollada destaco para esta bitácora un dato, referido ao ámbito concreto do xornalismo en internet: os empresarios do sector danlle a prioridade ao investimento en tecnoloxía, non en recursos humanos para a elaboración de noticias. É un mal do periodismo de hoxe, o chanzo feble son os xornalistas, os que se supón que lle dan o seu valor ao periódico e contribúen a diferencialo. Mentres o medio-empresa pensan vivir da marca, da publicidade, do colorido empaquetado ou do fascículo máis gorentoso. Logo queixaránse de que baixe a venda de xornais…
Recén enchido o casilleiro do mando a distancia coas novas posibilidades que a televisión dixital promete, entre a escatimada oferta poucas cousas vexo que paguen a pena de momento. Se cadra, o ocasional achado dalgún exótico deporte sempre divertido de ver, un momento nostalxia coa Bola de Cristal, a posibilidade de seguir a unha hora menos intempestiva a un divulgador extravagante e imprescindíbel…
…E tamén algo que segundo o momento pode ser entre un vicio e un suplicio: a posibilidade de seguir sesións parlamentarias en directo. Coma é o caso deste mércores, na sesión de control ao goberno no Congreso.
Volveume chamar a atención a espectacular habilidade da vicepresidenta, nas costas da que, non por casualidade, os socialistas están deixando caer a xestión de moitos dos paus que reciben.
Logo de despachar a un Acebes que teimaba no seu obstinado papel de herdeiro perenne do aznarismo, De la Vega aínda tivo que lidiar cun irrespetuoso Zaplana, que nun exceso dialéctico conseguiu o enfado das deputadas da cámara, que deixaron momentaneamente a sala en protesta. A frivolidade coa que lle faltou á vice mesmo pareceu facerlle torcer o xesto a unha das súas compañeiras de partido, Ana Pastor, xusto por tras del.
Si, en primeira fila da oposición os populares seguen privilexiando a aquel que recoñecera estar en política por cartos: significativas mostras hai nas hemerotecas.
Seica había dúbida de se Francisco Vázquez marchaba da alcaldía coruñesa pola necesidade do seu partido de afastar no espazo as súas estridencias e arranxar a perda de credibilidade que a formación afrontaba coas últimas revelacións sobre as irregulares actividades empresariais da familia do alcalde.
O nomeamento para a embaixada vaticana vendérase coma unha presunta manobra para estreitar diálogo coa Igrexa. Seica a dimensión católica de Paco DiNiro axudaría ás diplomacias vaticanas do executivo español.
O circo eurovisivo do la-la-lá organizado polo alcalde saínte confirma a sospeita: cales son as habilidades diplomáticas deste alcalde?
Por certo, Bill Sammon, antigo correspondente do xornal conservador Washington Examiner, ademais de autor de obriñas como a comentada na faragulla anterior, é agora analista político do canal Fox News, bastión televisivo da dereita estadounidense.
Compre lembrar que esta canle naceu e tumbou o liderado tradicional da CNN coma referencia principal e primeira en audiencia dos canais de noticias as 24 horas. Os estadounidenses escolleron maioritariamente as latriqueiras de bocaláns comprometidos co sector ultraconservador dos USA que abren, enchen e pechan espazos informativos construídos arredor da opinión e a inxuria. Mudaba así a tradición de xornalistas con outro aquel ben diferente.
Aventaxados aprendices son capaces de cubrir xa unha mañá enteira por pagos próximos nestes estilos. Non habemos tardar en verlles o salto ás pantallas televisivas.
Pregúntome que tradución lle acaería mellor a eses equipos de expertos pensadores que no contorno norteamericano coñecen coma “think tanks”.
Hai pouco que tiñamos nova da publicación de Strategery, libro onde o George W. Bush recoñecía que o factor Ben Laden o axudara decisivamente a gañar o trono de Washington por outros catro anos.
Compre reparar en que esta publicación que recolle esa confesión do presidente dos EUA non é precisamente crítica co George fillo, senón máis ben un haxiográfico relato das presuntas fazañas e o perfil seica infravalorado do personaxe que logo de proezas políticas varias “no tempo que lle queda libre, ponlle fin á tiranía no planeta”.
Da declaración de intencións deste influínte grupo ultraconservador dá conta un anaco da síntese doutro dos libros que financiaron recentemente: Communists, Terrorists, and Racists Are Teaching Our Children!. Para non perder: “Lectura esencial para pais, estudantes, alumnado universitario, pagadores de impostos e americanos patriotas que pensan que os nosos universitarios non deberían estar adoutrinados por simpatizantes de Joseph Stalin e Osama Ben Laden”.
Escribindo o anterior veume a idea de mirar pola internet a ver que cousas se contan dese galego-combustíbel chamado caldo.
Topei cun resultado que ben podería ter saído da factoría dos Aduaneiros
Caldo: More than just an oil company
E como era aquilo que dixo un excelente e enxeñoso Suso de Toro no debate da outra noite na TVG?: “coma os bos caldos, fraga está sempre a ferver, a ferver, a ferver”.
A pé del, o ex conselleiro López Veiga lémbrannos un dos tópicos do discurso do partido que gobernou o país durante demasiados anos ao argumentar convencido a prol dos logros fraguistas que nos anos anos 80, aí á volta da esquina, en Vincios, a 15km de Vigo aínda non había teléfono…
Meu home… seica lle hai que agradecer a don Manuel que o teléfono chegara ás galaicas terras e non esteamos batendo no tam-tam.
Boa noticia para o novo líder do PPdeG que chega dunha inesperada tribuna mediática. Un dos máis singnificados representantes da rémora intelectual que vén lastrando calquera presunta chamada a viraxe ao centro da dereita galega, con belixerante, desaquelada e ás veces incluso aldraxante columna no diario de maior difusión, estarrícalle as orellas a Alberte Núñez Feijoo a conto da decisión dos populares de aceptar recoñecérenlle os dereitos ás parellas de feito, sexan ou non do mesmo sexo. A decisión sae da primeira xuntanza da dirección do partido sen o patrón Fraga manexando o temón… Puidera ser casualidade pero…
Sempre tiven a convicción de que o pluralismo de propostas políticas é sempre beneficioso polo seu efecto multiplicador de debates e propostas. Malia iso paréceme un chisco excesivo que un novo partido político se presente publicamente co obxetivo de “expulsar” a unha parte da sociedade do “espazo público”. Nacer denunciando presuntas eivas democráticas nun escenario político e de paso, anunciar a intención de suprimir dese presuntamente eivado escenario unha das súas voces, non parece unha promesa de acción demasiado democrática. Claro que se cadra, estes Ciutadans de Catalunya nacidos para “expulsar o nacionalismo do espazo público” non son moito máis que a última brincadeira dun provocador.
Mentres en Francia andan a voltas coa avaliación das 35 horas, avance social que o goberno conservador vén teimando en botar abaixo, semella complicado poñer nas axendas unha reivindicación que timidamente abrollou ás veces nalgunha axenda das loitas sociales a medio prazo: a semana laboral de 32 horas. Paradoxalmente, unha significada e abnegada traballadoriña británica vén de de autoconcederse a beizón desa xornada laboral. De luns a xoves atenderá no Reino Unido desde agora a primeira soberana a tempo parcial de Europa, que vai iniciar a súa fin de semana os xoves pola tarde e non se reincorporará ao traballo deixa o luns, aí contra a hora do xantar.
O luguesismo pode mirar hoxe para as primeiras pedras do seu alcalde no blogomillo.
Jaureguizar foi quen mellor definiu de como o bo de Orozco sabe facer alquimia electoral coa “esencia da forma de ser dos lugueses”. Para non perder: o seu artigo de hai tres anos ás portas das municipais.
O coruñesismo vazquiano, baseado en entender a maioría absoluta coma permiso para facer e desfacer, alleo a negociacións e transparencias, iniciou a súa decadencia ao tempo que o diálogo abrollaba coma necesidade imprescindíbel a nivel galego para poñerlle ao país un punto de inflexión cara ao futuro. Os cidadáns votaron hai poucos meses que o Parlamento fose escenario do impulso deses novos tempos baseados na promesa da busca de consensos. “Galiza non lle acaba de entrar na cabeza”, diagnosticara nunha ocasión o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, referíndose ás peculiaridades de Francisco Vázquez. Esmorece o coruñesismo vazquiano, está por ver se o coruñesismo que vén mira cara a Galiza.
Aos veciños de Ponte do Porto, en Camariñas, marcháronlles hai poucos días coa campá que aínda conservaba o campanario do camposanto. Do cruceiro dun camiño á moa dun muíño, da barquela dunha fonte á roda dun carro vello, todo lles vale aos espoliadores do patrimonio.
Por fortuna, o mellor patrimonio é o inmaterial, o que lle pon medallas ao aprezo polo propio e fai estoupar as ilusións coma as castañas sen amosegar: anunciando festa para as autoestimas. Cando o feísmo ou os ladróns arramplan con outros recunchos materiais… se cadra queda o espírito.
Postos a experimentar… Estiven cavilando niso do podcast e xa descarguei os ferranchos para armar unhes. Pero non che me presta nada ese nome, “pozcas”. Decidín bautizalos falangullos, outro día xa explicarei o porquese. Para a semana o primeiro, que teño que aclarar a voze antesdenada.
constancia: s.f. 1. Calidade do que é constante. Traballar con constancia para obter un resultado satisfactorio.
Cada canto tempo é recomendábel a actualización dunha bitácora? (Hipótese bravú: Cando a situación o require?)
Seguimos na busca da constancia.
(Visite Constancia, “Vila Poema”: ben merece unha visita un lugar que acordou venderse ao mundo con este lema)
Falando de terapias e preguntándome a min mesmo se non habería un cabeceiro mellor para esta bitácora… mágoa!, comprobo que xa está ocupado o de Pierre Nodoyuna: “Algúns temos unha enfermiza e melancólica atracción polos perdedores natos”.
Dous enderezos para non perder: Wacky e Autos Locos
Historia mínima: do encontro de Nodoyuna con Elena Anaya
“É alarmante a clase de serios problemas que a xente nova delata nos seus blogs. Para oito de cada dez, bloguear é unha especie de auto-terapia”
Con esta desacougante conclusión do estudoso noruegués Ole Petter Nyhaug atrévome a brincar, outra vez, ao blogmillo, a bloguesfera e ao mar internáutico en xeral. Desta volta con autopromesa de periódica visita a botarlle unhas liñas a este caderno.
Sobre o asunto de bitácoras e patoloxías contan en Poynter e Mangas Verdes.
Get free blog up and running in minutes with Blogsome
Theme designed by Gary Rogers